Hai uns dias falaba cunha militante histórica do PSdeG e dicíame algo que me levou a reflexionar: "Das poucas veces que o partido se rebelou ante Ferraz, nunha delas Galicia acadou un Estatuto de primeira e noutra Laxe foi o primeiro Presidente socialista da Xunta".
Coas eleccións galegas á vista e a raiz do inquedante baile de autodescartes, postas a dispor, calendarios de primarias, enquisas que semellan "castings" e supostos pactos "do Caney" ou "da A6" que estes dias rondan polos mentideiros, rexurde unha cuestión creo que básica para o Partido dos Socialistas de Galicia. Ata onde debemos supeditar a nosa axenda propia á axenda de Ferraz.
O PSOE é un partido federal como o definen os seus Estatutos ou centralista representado nas comunidades autónomas por delegacións? Na pregunta está a resposta. O PSOE é un Partido con órganos e estruturas federais. E o PSdeG dótase de Estatutos propios e órganos nacionais, denominación moito máis valente que a que se acadou para Galicia dentro do Estado. Pero semella en demasiadas ocasións que a folla de ruta do socialismo galego esbózase na Rúa do Pino pero edítase e imprímese en Ferraz.
Ainda así, non debemos esquecer nin obviar a relevancia de que as e os socialistas de Galicia fumos os primeiros en elixir ao noso Secretario Xeral por sufraxio directo da militancia. Nesa ocasión a ruta a seguir por todo o partido debullouse dende Galicia, marcando un antes e un despois na historia do PSOE e da política galega.
Habería exemplos na historia recente do partido para avalar a tese da autonomía fronte a Ferraz ou da dependencia aos intereses da estrutura federal do partido.
Pero atendendo ao complexo momento que está a vivir a política estatal e galega, con eleccions xerais de novo á vista polas ansias de Pablo Iglesias de ser lider da oposición ao PP, e eleccións galegas ao mesmo tempo ou tres meses despois, según lle interese a Feijóo pasar o trance dunha terceira candidatura da que non se puido librar, o PSdeG ten que ser autónomo e dono dos seus tempos.
Non podemos nin queremos vivir aillados da coxuntura política pero a dirección do partido, neste caso a Comisión Xestora, é a que ten o mandato estatutario de marcar a nosa axenda orgánica e política para Galicia nos próximos e cruciais meses atendendo ao que nos debemos: os intereses dos galegos e galegas, que pasan por facermos todo o posible para que Feijóo abandone a Xunta e o cambio o lidere unha ou un socialista.
O futuro do socialismo galeguista e transformador constrúese con menos autodescartes tacticistas e máis valentía e compromiso, con menos homes nas quinielas e máis mulleres, con menos esforzos por sobrevivir e máis ganas de gañar. Interioricemos que Galicia necesita de novo ao PSdeG unido, renovado, valente. Autónomo.