A importancia dun selo

Hai pouco máis dun mes o Consello Regulador do Mexillón de Galicia e a Unión de Consumidores de Galicia presentaron en rolda de prensa unha sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra que daba a resposta definitiva a un debate que se viña mantendo sobre a obrigatoriedade ou non do uso do selo da Denominación de Orixe no etiquetado deste produto galego sexa cal for o xeito da súa comercialización: fresco, en conserva, conxelado ou calquera outra.

O que indica o tribunal é algo que a priori non debía ter ningún tipo de discusión pero foi preciso ter unha sentenza firme para deixar claro que só se pode etiquetar como galego ou con algunha referencia a Galiza e ás nosas rías aquel mexillón que se encontra baixo o amparo do selo do Consello Regulador, xa que así o establece a norma que regula as denominacións de orixe. O que é claro para calquera outra denominación de orixe o mexillón precisou de unha sentenza que o ratificase. A ninguén se lle pasa pola cabeza vender albariño facendo alusión ás “rías baixas” sen estar no consello regulador aínda que este se cultive e se embotelle no corazón do Salnés. O que tamén deixa claro a Audiencia Provincial é que a única garantía que temos as persoas consumidoras de mercar bivalvo das nosas rías é que este teña o selo de “Mexillón de Galicia”.

Nestas algo máis de catro semanas os despropósitos aos que tivemos que facer fronte tanto por parte da administración, nomeadamente da conselleira do mar, como por parte da patronal conserveira non deixaron de sorprenderme. O esperado sería que toda a industria conserveira cumprise o establecido na sentenza e que a administración os instase a facelo e así, pouco a pouco, desaparecesen dos andeis dos supermercados as latas de mexillón con alusións a Galiza, ou ás nosas rías, que non tivesen certificación.

A patronal conserveira, a través da súa asociación ANFACO, tentaron trasladar que este non era un asunto que lles afectase, xa que a empresa condenada non estaba asociada. Sobra dicir que a lei é de obrigado cumprimento para todas as empresas con independencia de a quen estea asociada. Tamén se realizou unha solicitude de suspensión do Consello Regulador asinada por unha parte dos produtores como se deixando sen efecto o selo se puidese solucionar o “problema”. Estas formas de actuar deixan claro que a maior preocupación é poder seguir etiquetando como galego ou con referencias a Galiza o que non sempre o é. 

Por parte do goberno da Xunta a primeira escusa empregada para non instar ao resto do sector ao cumprimento inmediato da norma foi a necesidade de solicitar da administración europea un novo informe que acreditase ou non a sentenza. Foi o propio presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, de visita no noso país, o que deixou claro que a xustiza está por riba de calquera informe. Dende ese momento a Xunta puxo o foco na “representatividade” do Consello Regulador como se importase o número de empresas que cumpren a lei para que o resto o fagan.

E mentres os consumidores e consumidoras, unha vez máis, asistimos como espectadoras a un esperpento no que nos pretenden negar o dereito a sabermos o que mercamos ou, o que é o mesmo, violar esa máxima “da libre competencia” de tomar unha decisión de compra totalmente informadas. Debe ser pois que aqueles que avogan polo libre mercado e os que declaran defendelo a toda costa só pretenden un sistema no que merquemos o que nos digan sen preguntar que é, de onde vén, por onde pasou ou canto se pagou por el. Que sexamos, en definitiva, consumidoras e consumidores obedientes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.