Día do Jazz

Hoxe, 30 de abril, celébrase o día do jazz. Para min, un gran día ao tratarse da música que máis me gratifica.

Parte da música negra nos EEUU. Procede, pois, dos cantos da escravitude, dos blues, dos laios de saudade que saían das bocas da xente abocada ao traballo, dos corpos rendidos no cultivo da terra, do suor nos campos de algodón, do afogo de xornadas interminables. Tristeza sen fin nos blues e folgos no ritmo de seu, o swing.

Así comeza unha “música de salvaxes”, uns ritmos populares desprezados por ignorantes patosos, por corpos sen graza, por armarios brancos grasamente alimentados e coas orellas entupidas, incapaces de recoñecer a beleza das cancións da escravitude. Así e todo, comeza a fusionarse e a desenvolverse até hoxe. Non hai quen o pare.

Será Ragtime ao iniciarse o s.XX , despois de Nova Orleans, de Chicago, industria negra, e verá medrar os rañaceos de N.Y. Será un trebón que moverá o mundo, unha rebeldía que rompe cadeas, un vento de liberación.

Porque o jazz aliméntase de racismo. O público aplaude nos teatros a magnífic@s intérpretes que teñen que entrar ao teatro pola porta de atrás, a porta de servizo. O seu atractivo musical pode cos prexuízos. Convive e sobrevive ao Ku-Kus-Klan. Vai ocupando os asentos do autobús e, un día, non deixa o asento a un branco! E comeza a fusión como a do jazz, un ritmo de fusión que mesmo os xitanos permiten asimilar co flamenco.

Mentres o jazz chouta sobre os océanos e abarca o mundo, a negritude avanza democraticamente na sociedade ianqui. Aquela desprezable música de escravos pasa a ser considerada Tesouro Nacional, e un negro ocupa a Casa Branca.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.