Intrusos

Cando un busca nun dicionario a palabra Intruso, atópase con definicións como: persoa que entra nun lugar sen dereito, que forma parte dun ambiente que non lle é propio, ou que ocupa un posto sen ter dereito a el.

Si un académico de la lengua da Real Academia Española, como Félix de Azúa Comella, doutor en Filosofía e Catedrático de Estética, ocupante da cadeira H da citada institución desde 2015, e a quen se lle presupón mesura, atrévese a arremeter contra dunha alcaldesa lexítima como Ada Colau, e non apela neste caso ó dereito ou á falla del para ser titular daquela institución local senón que salienta a súa escasa formación académica, algo moi grave está acontecendo, e non só na política.

Sostén Azúa que Ada Colau non reúne as titulacións suficientes como para representar á cidadanía de Barcelona nun cargo de tanta responsabilidade ó que non se accede, como sabe o académico, por oposición. Desde unha perspectiva certamente clasista, Azúa a está cualificando de intrusa, xa que, na súa opinión, estaría exercendo un cargo sen a preparación necesaria. Obvio os insultos.

No caso de Santiago de Compostela, a capital de Galicia, certos sectores sociais, tan poderosos e influentes como minoritarios, esas persoas que coñecemos pero que non teñen por costume someterse ó escrutinio democrático (que si que mandan, o sei, e mandan moito!), desde o minuto un iniciaron unha forte campaña de deslexitimación política das persoas que sí recibimos o apoio maioritario da cidadanía nas eleccións municipais de hai case que un ano. Para esa empresa contaron (e contan) co apoio entusiasta dos que deciden no vello xornal da cidade (e da súa televisión local) que non dubidan mesmo en entrar no persoal e familiar, válelles todo con tal de facer dano, aínda a costa de diminuír a súa credibilidade.

As persoas que si fomos referendadas polas urnas, as que accedemos democraticamente ó Pazo de Raxoi (ou de Hanoi, polas pólvoras e as bombas informativas que nos lanzan acotío), as que asumimos o goberno municipal por decisión maioritaria do Pleno da Corporación, como a lista máis votada, Compostela Aberta, a quen nunca tomaron realmente en serio, somos -desde aquela- “inexpertas”, “incapaces”, “inútiles”, “pouco preparadas”… en definitiva, un desastre, unha calamidade, un perigo público, unha maldición para a cidade, precisamente porque ocupamos un espazo que, segundo eles, non nos é natural. Nin estabamos nos seus prognósticos, nin formabamos parte do seu reducido grupo de intereses.

Non se trata tanto de que acertemos ou cometamos erros, que seguro que o facemos como mortais que somos, ou de que xestionemos ben, mal ou regular, tampouco de que representemos ou non as súas crenzas particulares nos actos relixiosos, culturais ou nas súas esmorgas, trátase simplemente de que somos uns intrusos, ocupamos altas responsabilidades para as que non fomos educados, moi dignas tarefas para as que non estamos preparados, nunha palabra, quédannos grandes! porque non temos a titulación, orixe, ou clase… axeitadas. Por iso é polo que nos desprezan, para eles somos “pés negros, okupas, perros flauta, ociosos, desocupados, marxinais, extremistas, radicais, 2.0”… estamos faltos do pedigree que eles acreditan e, precisamente por iso, somos incapaces de resolver os problemas da cidade,  comedores, fochancas, indixentes… mil veces repetidos e publicados, asuntos que, como todo o mundo sabe, chegaron a Santiago con Compostela Aberta e nunca antes existiran.

Ós intrusos, como ós bárbaros, hai que expulsalos, polas boas ou polas malas. De aquí e de todas partes. Pero para iso resulta imprescindible crear antes un clima axeitado, deslexitimando acotío, atacando persoal ou familiarmente para evidenciar un desastre que anuncian, visibilizando un caos que inventan, insultando, inxuriando, mentindo, culpando, para facernos cada día máis aborrecibles. Trátase de crear un inimigo, como dicía Sam Keen, para logo exterminalo.

E a cousa non vai a remitir, nin sequera pagando o canon de rigor. Non é unicamente Compostela Aberta. Somos Marea, Marea Viva, Marea en Común, unha auténtica ameaza. En realidade, a máis grande ameaza de cambio social, político e xeracional en Galicia, como o é Podemos no conxunto do Estado. Asumir, desde o seu punto de vista, que Galicia podería perderse, que o PP non gobernara, que o caudal de diñeiro público que reciben en axudas remate para sempre prodúcelles un pánico atroz. Imaxinar unha Galicia gobernada por quen tanto desprezan en Santiago de Compostela, Ferrol ou A Coruña, dálles cefalalxia crónica.

Cando debatemos sobre as ordenanzas fiscais en Santiago alegráronse moito de que a oposición tumbara a proposta do equipo de goberno, mesmo perdendo varios millóns de euros para a cidadanía de Compostela. Cando os orzamentos, apostaron publicamente por rexeitalos e animaron a un acordo entre o PSOE e o PP, mais non foi posible. Agora pretenden importar a capital de Galicia as bondades da Grosse Koalition pola que suspiran, a que funciona en Europa, a do sentido común, a da sensatez, a da cordura que nos non temos, a da crise do capital, a dos intereses corporativos, a dos recortes económicos e de dereitos, a da expulsión dos inmigrantes e fuxidos das guerras, a da exclusión dos máis desfavorecidos. Pretenden, sen rubor, favorecer unha moción de censura contra Martiño Noriega e facer a Agustín Hernández outra vez alcalde, nesta ocasión, cos votos do PSOE de Paco Reyes. Atreverase?

Falamos do mesmo Agustín Hernández que apoiou a Conde Roa, a Angel Currás, o que perdeu a maioría absoluta hai un ano diante de Compostela Aberta, o que colleitou os peores resultados da historia do PP en Santiago logo dunha lexislatura infame, o que segue de portavoz municipal, dando leccións, e agora tamén na Deputación de A Coruña.

No clima de confrontación electoral permanente que vivimos no conxunto do Estado, lexislativas á vista e autonómicas en Outono, cada organización política busca o mellor posto de saída, e niso, Agustín Hernández é todo un experto. A clave definitiva a terá Paco Reyes, pero tamén Sánchez Bugallo, e quen mande no PSOE en Galicia, a opinión de Abel Caballero xa a coñecemos, está a paseala polo país adiante.

Non nos estrañemos entón que de aquí en adiante, cando menos ate as eleccións autonómicas, a infamia e o mal medren, escóitanse lexións de orcos que ouvean…

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.