“Amarrar as palabras”, un documental sobre as confluencias do 20D en Galicia

Este mes presentamos Amarrar as palabras, un documental sobre os procesos de confluencia política que tiveron lugar en Galicia en 2015, de cara as eleccións xerais ó estado de decembro, e que involucraron á maior parte do nacionalismo e da esquerda estatal. O documental céntrase especialmente nos intentos falidos que se deron para organizar unha candidatura galega unitaria, e de base cidadán (non partidaria) nesas eleccións, e nas dúas plataformas cidadás que, en boa medida, protagonizaron eses intentos: “Encontro Cidadán por unha Marea Galega” e “Iniciativa pola Unión”. Neste artigo explicamos brevemente como e porqué fixemos este documental, para dalo a coñecer e anunciar ás proxeccións que imos facer en diferentes vilas e cidades a partir desta semana, na que, por ironías do azar, confírmase a repetición das eleccións.

Enlace tráiler: https://vimeo.com/161526589

As orixes do proxecto remóntanse a xuño do ano pasado e son ben coñecidas. As eleccións locais de maio abriran un novo escenario político, co éxito sen precedentes das candidaturas de confluencia municipal que se formaron en todo o estado. En Galicia estas candidaturas aglutinaran a sectores do nacionalismo e da esquerda estatal nas chamadas “mareas”, que acadaran o goberno de cidades e vilas clave. Este éxito abría oportunidades inéditas fronte o bipartidismo nas seguintes eleccións xerais dese ano, e nas galegas do 2016, ofrecendo unha formula para sumar forzas, e superar as limitacións e debilidades dos partidos tradicionais.

Un par de amigos de Vigo –un documentalista e un etnógrafo- seguimos estes acontecementos co maior interese e expectación, e empezamos a falar da posibilidade de facer un documental sobre os procesos de confluencia que se aveciñaban. Así, empezamos a ir a diferentes actos de partidos e organizacións políticas relevantes, aparecendo ca cámara e o micro e pedindo permiso para gravar. A maior parte da xente recibíanos positivamente, e pronto vimos que o material era bo e que a cousa prometía. O proxecto foi tomando vida propia, e nos seguintes meses acudimos a todo tipo de asembleas, debates, roldas de prensa, reunións varias e mitins, ca axuda ocasional e valiosa de varios colaboradores e amigos.

Nun principio gravamos entrevistas, e fomos colgando partes delas nunha páxina de Facebook que abrimos baixo o título provisional de “Confluencia?”, en referencia a incerteza do proceso en marcha. Sen embargo o proxecto foi derivando estilisticamente cara os principios do “cine directo”, ou cinema verité (cámara en man, iluminación natural, ausencia de guión preestablecido, narrador e entrevistas...), que ofrece unha narración máis áxil, baseada na interacción dos personaxes e no ritmo da montaxe, fronte a outros formatos máis convencionais e ríxidos. Como resultado, o documental non ofrece unha narración detallada ou académica dos procesos que trata, senón que mostra unha serie de dinámicas e contextos que axudan a entendelos.

En retrospectiva, eses seis meses que cubre a película (de xuño a decembro) poderían dividirse en tres etapas: Unha primeira de “ilusión”, de xuño a agosto, na que flotaba certo optimismo e multiplicábanse os manifestos e as iniciativas, como as que deron lugar a creación das dúas plataformas que propuñan unha candidatura de base cidadán; unha máis próxima as mareas municipais (Encontro) e outra ó nacionalismo máis ortodoxo (Iniciativa). Unha segunda de “tensión”, entre setembro e outubro, na que as dúas plataformas tiveron un papel central como mediadoras entre os partidos, e que caracterizouse polas súas crecentes tensións e desencontros. Finalmente, unha terceira etapa de “división”, entre novembro e decembro, na que se deu a ruptura definitiva entre plataformas e partidos en dous polos, nos que as plataformas practicamente desapareceron do mapa, e os partidos formaron as dúas coalicións que finalmente enfrontáronse nas eleccións, con resultados moi desiguais: “En Marea” (de forzas nacionalistas e estatais) e “Nós, Candidatura Galega” (de forzas so nacionalistas), que deixaron fora a moitas persoas e organizacións máis pequenas que estaban pola unidade e por superar eses espazos partidarios.

O documental recolle partes destas tres etapas, pero céntrase especialmente na segunda como resultado de como se desenvolveron os acontecementos, polo que ten moito de conflito e confrontación. Debemos dicir que esta non é a historia que nos gustaría ter contado, pero é a historia que atopamos, e que intentamos contar con honestidade e dende a máis absoluta independencia. Én calquera caso é unha historia que foi resultado dunha conxuntura histórica excepcional, dada polo contexto de crise socioeconómica e política e polo calendario electoral; e que pode verse como parte dun ciclo político que comezou cas eleccións europeas do 2014 e que concluirá cas galegas do outono de 2016.

Tamén queremos aproveitar este artigo para dar as grazas as moitas persoas que colaboraron no documental, dunha forma ou outra, diante e detrás das cámaras. Moitas delas atoparanse nel mentres outras terán quedado fora da montaxe final, que foi unha tarefa difícil pola cantidade de gravacións acumuladas. Non queremos nomear persoas concretas porque deixariamos inxustamente fora a outras, pero debemos mencionar especialmente os membros e colaboradores das coordinadoras do Encontro e de Iniciativa, e ós amigos que nos axudaron a nivel técnico e loxístico.

Finalmente, queremos invitar as persoas interesadas as presentacións que imos facer nas próximas semanas. Todas elas serán gratuítas, salvo nalgún caso illado que anunciemos, aínda que o final poderán facerse doazóns que usaremos para cubrir gastos básicos. A continuación vai a lista de presentacións confirmadas, as que iremos sumando outras. Quen este interesado pode buscar “Amarrar as palabras” en Facebook e seguinos. Se algún colectivo ou organización quere organizar un pase, tamén pode contactarnos por ese medio. E isto é todo. Esperamos atoparvos por aí. Saúdos!  

PRESENTACIÓNS CONFIRMADAS EN MAIO

Sábado 7- Vigo: Auditorio Municipal de Teis, 8.15 pm.

Martes 10- Compostela: Teatro Principal, 8.30 pm

Mércores 11- A Estrada: Auditorio do Museo do Moble, 8.30 pm.

Xoves 12- Ourense: Biblioteca Municipal (salón de actos), 8 pm.

Xoves 19- Cangas: Auditorio Municipal, 9 pm.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.