Os riscos de armar un proxecto novo con vimbios vellos

A presentación a pasada semana das bases programáticas da “nova forza” constitúe un paso máis no proceso de construción do que até entón se coñecía como “novo proxecto común” e no que, polo de agora, se integran Acción Galega, Máis Galiza e a formación Ecogaleguistas-Espazo Ecosocialista. Os textos, que se poden atopar no blogue Compromiso por Galicia, están sendo difundidos para que sexan “coñecidos pola cidadanía” e máis para que esta poda debatelos e aporte “as suxestións que estime convenientes sobre eles”.

É na rede onde se evidencian, dende a óptica da comunicación política deste tempo, unha serie de eivas que poden botar por terra unha parte das boas intencións contidas no decálogo de bases políticas da “nova forza”

A “nova forza” está apostando por unha dobre vía para estabelecer o contacto coa poboación e máis para levar a cabo a discusión dos documentos presentados en consonancia co compromiso de impulsar a “participación cidadá na vida pública e na actividade política”. Por unha banda realizan asembleas abertas, que reforzan a proximidade do proxecto e que van en consonancia coa expansión deste tipo de xuntanzas a partires da irrupción do movemento 15M; pola outra a través dun espazo común na rede que vai alén dos sites propios de cada unha das formacións integrantes deste novo proxecto e no que se convida ao envío de achegas ou suxestións. É na rede onde se evidencian, dende a óptica da comunicación política deste tempo, unha serie de eivas que poden botar por terra unha parte das boas intencións contidas no decálogo de bases políticas da “nova forza”.

Antoni Gutiérrez-Rubi, autor de La política vigilada. La comunicación política en la era de wikileaks, afirma que a nova política está dando o salto dende as sedes dos partidos ás redes onde se leva a cabo a mobilización máis rendíbel e eficaz grazas á facilidade de comunicación que ofrece este espazo e a que nel é onde se atopan tanto simpatizantes coma militantes, o que facilita o contacto con estes.

A nova política está dando o salto dende as sedes dos partidos ás redes, onde se leva a cabo a mobilización máis rendíbel e eficaz grazas á facilidade de comunicación que ofrece este espazo e a que nel é onde se atopan tanto simpatizantes coma militantes

En Galicia, segundo datos de maio deste ano do OSIMGA (Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia), o 53,3% dos fogares teñen acceso contratado a internet (sen contar o número de teléfonos intelixentes que posibilitan o acceso móbil á rede), unha cifra que vai en aumento dende 2007, e o emprego das redes sociais alcanzou en 2010 o 88% dos internautas, un 11% máis cá no ano anterior. Malia a necesidade que existe de superar as fendas dixitais entre o rural e o urbano así como a fenda dixital de xénero (maior emprego de internet entre os homes cá entre as mulleres), o noso país supera a media estatal e europea na interacción da cidadanía coa administración pública a través da internet o que evidencia a boa saúde da rede en Galicia.

Se a “nova forza” quere representar de veras “un novo xeito de entender o traballo político” ten que situar dende o comezo a comunicación 2.0 como eixe para erguer este proxecto e explotar ao máximo as posibilidades que ofrece esta.

Se a “nova forza” quere representar de veras “un novo xeito de entender o traballo político” ten que situar dende o comezo a comunicación 2.0 como eixe para erguer este proxecto e explotar ao máximo as posibilidades que ofrece esta

Os documentos de base preséntanse nun blogue que, polo de agora, non permite participación ningunha da cidadanía máis aló dunha chamada a enviar achegas aos textos a través dun enderezo de correo electrónico. Como tampouco existe referencia da “nova forza” nas redes sociais máis aló dun grupo restrinxido en Facebook que se revela como pouco operativo para fomentar a conversa e o intercambio de ideas.

Un mapa interactivo con información arredor das asembleas comarcais que se levan a cabo e resumos das mesmas abertos á participación daquelas persoas que queiran realizar as súas achegas a través de foros ben estruturados por eixes temáticos; imaxes ou vídeos das asembleas e dos actos que leve a cabo a “nova forza” (porque unha imaxe aínda continúa valendo máis cá un feixe de palabras); activación e mantemento das redes sociais como instrumento de intercambio de información, escoita e conversa coa cidadanía asumindo ou rebatindo as súas propostas; ou integración na web da posibilidade de realizar a subscrición para o envío de argumentarios, axenda de actividades ou información segmentada segundo as preferencias ou intereses da persoa que a solicita…

Non se trata de realizar unha aposta mesiánica pola rede senón de situar, a partires dunha análise razoada e obxectiva, a comunicación 2.0 como un dos piares da estratexia comunicativa e política da “nova forza”

Son tan só algunhas, hai moitas máis, das ferramentas que nos proporciona internet e que axudan ao fomento da participación de mulleres e homes na actividade política máis aló do exercicio do voto cada catro anos. Todas elas van nunha mesma dirección e teñen un mesmo obxectivo: contar coa cidadanía á hora de erguer e desenvolver os proxectos políticos e que esta se sinta escoitada.

Non se trata de realizar unha aposta mesiánica pola rede senón de situar, a partires dunha análise razoada e obxectiva, a comunicación 2.0 como un dos piares da estratexia comunicativa e política da “nova forza”. De non ser así corre o risco de armar un proxecto novo e ben interesante no marco do mapa político galego, con vimbios vellos que se vaian desfacendo polos camiños.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.