0 Gardados para despois

Xaquín Pastoriza

Construír Marea, facer medrar o mar para unha transformación radical

O 31 de marzo unha marea de pobo saíu ás rúas en Francia contra unha lei de reforma laboral que supón unha nova presión no aumento da precariedade e no recorte de dereitos. A día de hoxe, unha multitude está a ocupar a emblemática Praza da República de París, lugar de encontro de estudantes, traballadoras, precarias, inmigrantes, debatindo en asemblea permanente, cuestionando o neoliberalismo e as súas políticas  austeritarias. As esceas remiten ao 15-M, a Tahrir, a Gezi, a Zucotti Park, a Syntagma, a lugares e procesos onde todo se sometía a cuestión, dende os réximes corruptos até as formas tradicionais de facer política. O novo ciclo parece chegar tamén a Francia, á Francia gris do Frente Nacional, á Francia do "Etat de guerre" decretado por Hollande contra o terrorismo. Volve espertar o París rebelde, da Commune, de Saint Germain des Près, que conmoveu Europa e serviu de faro aos seus movementos de emancipación. O novo e o vello danse a man, dende o movemento sindical á ocupación de prazas, unindo reivindicacións, unindo loitas. Porque como afirmou o economista Federic Lordon, nun discurso ante a praza:" Hoxe cambiamos as reglas do xogo. Xogabamos coas súas. A partir de agora, facémolo coas nosas. O poder quería a nosa loita local, sectorial, dispersada e reivindicativa. Anunciámoslle que será  global, universal, conxunta e afirmativa."

En París estase construíndo política dende abaixo, dende o encontro de sectores heteroxéneos que xuntos, como se amosou en Maio do 68, poden facer abanear un sistema, plantexando algo máis alá da derogación dunha lei, propoñendo mudalo todo. Ese cuestionamento que vivimos aquí no 15-M, que removeu de arriba a abaixo os marcos e as normas baixo as que pensabamos e actuabamos, foi semente de indignación que agromou dende as prazas até as institucións, conquistando alcaldías, conquistando escanos, poñendo sobre a mesa o reto de conquistar o goberno. Afirmamos que o político non se agotaba nos cauces estreitos do réxime do 78 e criamos que si se podía, que ao fin, era a nosa hora.

O 20 de decembro de 2015 unha marea bateu con forza en Galiza contra os cantís do Congreso. Os resultados de En Marea amosaron que existía unha alternativa con posibilidades reais de chegar ao goberno da Xunta, de descompoñer o réxime corrupto do PP de Feijóo. Os grandes resultados de En Marea, a pesar de como se construíu o proceso, mellorable en canto a transparencia, poden  servir de impulso para a construción coletiva dun movemento amplo e democrático dende abaixo.

A construción de espazos amplos onde se atopen axentes e identidades políticas moi diversas constitúe un reto xigante. É lóxico que xurdan espazos heteroxéneos en desputa, que confronten dende posicións políticas diferentes pola dirección do proceso. O que escaparía a toda lóxica sería que estes espazos non converxesen. O espazo do cambio xurdido da impugnación do establecido é unha praza ampla, onde o común debe predominar sobre os intereses de parte que, como reflexo da pluralidade de actores en liza, non poden facer descarrilar a confluencia.

O espazo do cambio xurdido da impugnación do establecido é unha praza ampla, onde o común debe predominar sobre os intereses de parte

Estanse a xerar espazos de coordinación a todos os niveis: comarcal, provincial, nacional, (Mareas en Común, Intermareais, Asemblea Nacional de En Marea), ás veces entre incomprensións e recelos, moitas veces provocados pola invisibilización dos actores políticos que se atopan en competencia. Mais cómpre escapar da lóxica da competitividade, este agromar de ámbitos, con maior ou menor grao de participación popular, ten que poñerse ao servizo da vertebración, partir da diversidade para construír unidade. Estes procesos non poden competir, senón devir en complementarios para que se poidan retroalimentar e non excluír, co fin de construír unha confluencia máis ampla, participativa e horizontal, na que a converxencia multiplique resultados. Temos que pular por abrir ese espazo, incorporar máis actores, fornecer asembleas locais e comarcais, rachando inercias, desbordando estruturas mentres construímos creativamente outras novas, nun auténtico proceso constituínte dunha Marea Galega construída dende abaixo que, coas dificultades lóxicas, supere as eivas da candidatura das xerais. Temos que ter moi presentes os exemplos do pasado, concretamente AGE, cuxa irrupción forma parte do espazo de cuestionamento aberto polo 15-M, pero cuxo fracaso á hora de desenvolver algo máis que unha estrutura por arriba, incapaz de xerar experiencias comúns máis alá da práctica parlamentaria, amosa o camiño que non debemos seguir, que inercias desbotar.

As estruturas partidarias (con siglas ou sen elas) son máis áxiles que as estruturas asemblearias das mareas, pero isto non quita para que o protagonismo deba recaer nestas últimas

Somos conscientes das dificultades na conformación desta confluencia dende abaixo, máxime constatando a vertixe de ritmos imposta polo calendario electoral. Sendo realistas, o escenario de construción paciente dunha marea galega con raíces no social remite ao longo prazo. Mais cómpre traballar con este horizonte. Á fin, semella que as estruturas partidarias (con siglas ou sen elas) son máis áxiles que as estruturas asemblearias das mareas, pero isto non quita para que o protagonismo deba recaer nestas últimas, como cauces desa nova forma de expresión política que está agromar no noso territorio dende o local, reflexando as arelas de participación e horizontalidade xurdidas do post15-M. O papel dos partidos debe pasar por xunguir o nivel local das mareas municipalistas co nivel nacional, acompañando o fornecemento do proceso, sendo conscientes de que o prioritario, por enriba das siglas, por encima do nome que lle deamos, é crear a ferramenta e dotala de músculo para chegar ás maiorías sociais.

O certo é que a día de hoxe existe unha marca electoral que demostrou a súa fortaleza o 20-D, En Marea, cunha mesa coordinadora e un grupo parlamentario, pero con moito por vertebrar. Partir desta estrutura que, aínda que feble, xa está creada, podería supor en principio, unha vantaxe, pero precisa dunha ampliación(dotar de voz e voto á pluralidade de mareas municipais que se recoñeceron en En Marea) e democratización que aínda fican cativas. A propia Mesa Coordinadora atópase en pleno proceso de apertura, para o que se precisa o maior grao de transparencia por parte de todos os actores, mellorando as dinámicas que se seguiron na conformación da coalición na primeira cita electoral coas xerais. Esta ferramenta que é En Marea non pode quedar reducida a unha marca, debe abrirse e someterse ao control democrático das bases (cómpre non confundir control democrático con control plebiscitario), permitir a máis ampla participación se non quere repetir os erros de AGE, cunha estrutura raquítica erosionada polas dinámicas dos aparatos e as súas liortas internas.

A posibilidade de converter En Marea en partido instrumental pode plantexar certas vantaxes

Precisamente, a fórmula de coalición, suscita problemáticas que están a tensionar a confluencia. A posibilidade de converter En Marea en partido instrumental pode plantexar certas vantaxes. A primeira, dotar de máis facilidades á hora de conformar grupo propio no Congreso. A segunda, fronte á fórmula coalición, permitir abranguer unha maior pluralidade, pódese converter máis facilmente nun paraugas para as que non se recoñecen nas organización políticas fundadoras. E se ben, os procedimentos son importantes, penso que o debate debería centrarse máis na elaboración colectiva do programa, no contraste de ideas e non tanto en fórmulas xurídicas que non poden supoñer obstáculos ao obxetivo final, a suma de todas as forzas e movementos que se opoñen ás políticas neoliberais e ás políticas destrutoras da nosa identidade da Xunta do PP. Cómpre unha nova política ao servizo das maiorías sociais, onde as ideas estean por riba das persoas e as estruturas sexan flexibles e permitan facerse eco das necesidades das clases populares que cada vez demandan máis urxentemente un rescate social, da sanidade do ensino, dos dereitos arrebatados.

a Marea galega non pode activarse só en escearios electorais, precisa dunha continuídade, constituírse en órgano de participación, dende o local até o nacional

Porén. para facer marea, hai que ir máis alá do eleitoral. É fundamental desputar as institucións, pero como amosan as dificultades das alcaldías do cambio, atoparémonos cos límites institucionais que poñen trabas á adopción políticas a prol das maiorías sociais. É por isto que a Marea galega non pode activarse só en escearios electorais, precisa dunha continuídade, constituírse en órgano de participación, dende o local até o nacional, que permita vencellar as demandas da cidadanía cos seus representantes. Debe recoller e artellar as reivindicacións dos movementos sociais, respetando a súa autonomía, pero participando cóbado con cóbado nas mobilizacións das de abaixo, facendo presión a prol dun cambio real. Experiencias anteriores amosan como procesos de confluencia construídos dende arriba poden desembocar nunha desconexión entre representantes e representadas, entre o país do Hórreo e o país real, polo que fai falla botar raíces polo territorio.

Como estrutura permanente, a Marea, debe permitir que a enerxía da cidadanía organizada non se dilúa no esceario poseleitoral, debe ser cauce para un novo modelo de representación, no que a rendición de contas e os mecanismos de control democráticos sexan realidades cotiás e participadas, onde todos os procesos de construcción e organización interna se desenvolvan dentro dun marco de radicalidade democrática, porque debemos xogar coas nosas regras, non coas súas. Socializar a política, dende a creatividade e a inventiva, descubrindo novos marcos, lugares, espazos onde levar propostas, onde escoitar, onde recuperar a política para as maiorías sociais, onde poñer as bases dun novo país para as de abaixo.

Francia amósanos que hai que conquistar espazos para que todo cambie, que contra a desespranza, contra o deserto do real, hai Marea!

Acerca de Xaquín Pastoriza

Xaquín Pastoriza Cerviño, nado en Vigo en 1978, profesor de Xeografía e Historia no IES Monte Carrasco de Cangas e militante de Podemos, Anticapitalistas Galiza e a Marea de Vigo.