Indies, melindres, ricos e amendoados

Chega á vila de Melide unha nova edición da Festa do Melindre, a vixésimo quinta, e non hai mellor xeito de facer e comer país que deixarse caer pola súa Praza do Convento (si, a que saía en Libro de Familia)

Mais a repostaría galega, pese a non ser reinvidicada como é debido a miúdo, con receitas de varios séculos de antigüidade ben merece que nos preparemos antes de baixar coas nosas mellores galas a debicar canto atopemos nos stands de degustación.

Botádelle un ollo a esta guía para chufarse coma un experto diante de familia e amigos na Festa do Melindre de Melide.

O melindre é o OK Computer dos doces galegos, bañado en xarope de azucre é a lambonada propia para a sobremesa ou a hora do vermú, o mesmo dá. Aínda que fose de falcatrueiro, e sempre me pillaban, eu comíamos de pequeno antes de deixalos secar, quentiños aínda, desfacíanseche na boca. 

A calidade do produto lévase optimizando por centos de anos. Na miña casa, no Estilo de Melide, lévase depurando a técnica de enrolar o melindre dende as épocas da miña tataravoa Sofía en Arzúa. Pero tampouco quero abrir agora un nivel DEFCON na guerra sobre as súas orixes no país.

O melindre é unha estrela, o gran coñecido, esa figura mainstream pero coa que, admitámolo, non vas a impresionar a ninguén nun piquenique no Festival do Norte.

O melindre é para os turistas. Pola contra o rico é esa galleta de tona en extinción, exclusiva de Melide, inzada de picos que che poden levar un dente por diante pero que cando se sabe comer é imposíbel deixala. Tendo en conta ademáis que che pode durar seis meses na cociña sen inmutarse.

Os punkies de Lalín cantan “Cómete un rico!” Os grunges do pub Gatos comen dous á hora da merenda. Cando pidades un quilo a Melchora saberán que eres dos que pilotan.

E é que os nosos antepasados nun alarde de alquimia sabían que tiñan que atopar un bo xeito de conservar un elemento moi caduco como a manteiga de vaca por longos períodos de tempo e o rico saíu da cazola.

Un doce tradicional, galego e vangardista para comer a modiño apreciando os seus recendos.

Do amendoado pouco vou dicir por non discutirlle a Superpiñeiro, defensor de que os mellores amendoados son os de Allariz. Pero si teño unha lembranza moi aconfesional, tema moi na onda de polémicas nos concellos veciños.

O meu avó sempre atraía aos paisanos con viño doce de misa sen consagrar e coas hostias dos amendoados. Ante semellante herexía o stand enchíase en cero coma de lambóns díspostos a levar unha ducia.

Agardo non ver a ninguén cunha birra comendo un amendoado tendo na mesa viño de misa. Isto non é o Record Store Day.

Por certo. Un pouco estrano que mentres a pouca atención que reciben os nosos reposteiros dos medios sempre se centren só neles e na zona de exhibición, non? Pero certo é, mais son as mulleres galegas as que están detrás cociñando as tres xoias da nosa repostaría.

Daniel Mexuto

Neto de Suso do Estilo.

Lalín, 06 de maio, 2016

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.