Reflexos do 15-M sobre unha Marea a construír

Hai 5 anos enchimos as prazas do Estado cun berro que cuestionaba de abaixo a arriba o sistema de representación política vixente dende o 78. Nacía así un espazo de ruptura que adoptou múltiples facianas, dende o social (PAH, mareas sectoriais, movementos cooperativos) até o político. Unha parte deste movemento de idignación, heteroxéneo e mestizo, irrompeu nas institucións, como se puido comprobar na sesión de apertura das Cortes Xerais despois das eleccións do 20-D, xerando contradicións nos marcos estreitos do réxime, incluso a nivel estético.  

O 15 de maio de 2011 comezamos a cambiar as regras do xogo, impulsando dende as prazas, novas prácticas, novas metodoloxías, que, en moitos casos, tamén entraban en contradición coas prácticas e o funcionamento da esquerda tradicional, social e política. Berrando “Non nos representan”, sinalabamos concretamente as dificultades de que un referente político recollera este caudal de indignación sen modificar sustancialmente as prácticas burocráticas e unidireccionais da maioría de organizacións da esquerda. Precisamente, o mesmo concepto de esquerda, corrompido como está pola utilización fraudulenta que fai del unha forza neoliberal coma o PSOE, era obxecto dunha reconfiguración semántica e un cambio de marco discursivo, "as de abaixo contra as de arriba". O velo do bipartidismo é un dos que cae tamén o 15-M, que se mobiliza baixo un goberno do PSOE que antepoñía, de acordo co PP, o interese dos acreedores internacionais sobre o interese das maiorías sociais. Dúas patas, dous piares, da mesma política económica.

5 anos despois dese acontecemento fundacional que foi o 15-M, na nosa Terra irrompe no escenario político unha candidatura de confluencia, En Marea, que abre fenda no bipartidismo reivindicando o legado do movemento das prazas. Co impulso incial de 3 partidos procedentes de culturas políticas moi diversas, os resultados das primeiras eleccións xerais, con máis de 400.000 votos, parecen outorgarlle continuidade e un percorrido exitoso até as portas de San Caetano. Porén o camiño de En Marea dende decembro estivo inzado de dificultades e tensións entre os seus socios. A primeira dificultade, a posibilidade de abrir o espazo e establecer mecanismos de participación dende abaixo. Resulta preocupante que a primeira asemblea de En Marea non se celebrase até 6 meses despois das eleccións xerais, precisamente na data sinalada do 15-M. É certo que os ritmos marcados polo calendario das sucesivas convocatorias electorais están a ser moi acelerados e iso dificulta o debate colectivo, pero tamén comeza a vislumbrarse que, é que en troques de ampliarse, o proceso de confluencia pode deixar actores polo camiño. A asemblea deste domingo convertiuse en boa medida nun mitin, no que a relación entre as cabezas visíbeis e as bases se estableceu en termos unidireccionais, en troques de funcionar coma espazo de deliberación e toma de decisións como, coas súas limitacións, constituían as prazas do 15-M. Semella moi presente todavía un rasgo do réxime do 78, a cultura da delegación, o distanciamento e a falta de interlocución entre representantes e representados. Este é un risco que pode acentuarse coa implantación de mecanismos plebiscitarios, de someter a ratificación decisións cociñadas previamente en petit comité, no canto de construír e dar forma a ese novo suxeito político mediante a escoita activa, dando voz a todas na toma de decisións, de tal xeito que poidamos recoñecer como noso este espazo

Constatamos durante a Asemblea como, nos espazos de discusión colectiva, aínda que cativos en tempo, xurdiron propostas para democratizar e abrir En Marea, plantexando a superación da situación actual, na que a estrutura fica reducida a un grupo parlamentario e a unha Mesa Coordinadora, cuxo proceder debería ser máis transparente. Resulta fundamental territorializar En Marea, fornecer asembleas lociais e comarcais, como espazos de interlocución no que as iniciativas e propostas flúan de abaixo a arriba. Nese senso, non se parte da nada, existen xa estruturas como as mareas municipais que, dende as grandes cidades, até as pequenas vilas, deberían funcionar como soportes para esa construción e extensión de En Marea dende abaixo. Os partidos asinantes da coalición, cuxo papel foi moi importante á hora de abrir o proceso de converxencia, terían que comprender que a súa función debe ser a de acompañar este proceso de artellamento, antepoñendo o común sobre os intereses de parte. Nas vindeiras citas eleitorais, precisaremos que esas estruturas das mareas municipais teñan un papel máis protagonista. Mais non só no eleitoral, se realmente queremos recosntruír o xeito de facer política dando voz ás maiorías, estes ámbitos deberían poder tomar decisións a todos os niveis e constituír espazos de mobilización e interacción cos movementos sociais.

En canto á transparencia e aos mecanismos de toma de decisións, hai moito que mellorar. Para mostra, o anuncio dun emprazamento a formar unha Mesa polo Cambio a PsdG e BNG trasladado ás asistentes á Asemblea nas intervencións de Carolina Bescansa e Xosé Manuel Beiras. Este anuncio presenta moitas deficiencias, en canto á forma e en canto ao fondo. En primeiro lugar, é unha decisión non consultada á Asemblea, alí reunida, senón simplemente acordada e trasladada por algunhas cabezas visíbeis, sen sequera mediar xuntanza da Mesa Coordinadora. En segundo lugar, resulta problemática e, na miña opnión, un desacerto, ao situar o PSOE no campo do cambio, relexitimando a un partido que xa amosou dabondo a súa obediencia aos ditados da Troika. Ademais, proporciona alento, antes das eleccións, a unha forza que se debería ver como un rival a batir e non ao que levantar da lona. Parece a todas luces unha decisión con escasa lexitimidade democrática, tomada nun ámbito pechado ao aire fresco da rúa, que amosa a práctica dunha política de notábeis allea aos principios de participación cidadá presentes no programa de En Marea e das forzas políticas asinantes. Se queremos ser alternativa de cambio é preciso que desaparezan as disonancias entre forma e fondo, tecer unha correspondencia real e efectiva entre discurso rupturista e práctica política.

a Asemblea de Compostela  permitiu amosar a potencialidade de En Marea como ferramenta eleitoral, pero tamén moitas das súas limitacións

En suma, neste proceso tan complexo como é a converxencia, a Asemblea de Compostela  permitiu amosar a potencialidade de En Marea como ferramenta eleitoral, pero tamén moitas das súas limitacións como ferramenta de empoderamento. Quedémonos co positivo, coa suma de voces, coa xuntanza de persoas que este domingo plantexaron a necesidade de xerar comunidade, para o que quizais sería importante impulsar a adscripción individual, superar as diferenzas dende o debate aberto, substituir as lóxicas competitivas polas colaborativas.

Cómpre que esas voces que se expresaron no senso de abrir e democratizar En Marea, construíla como unha tarefa colectiva, coma o partido-movemento das clases populares galegas, cun impulso que vaia máis aló do eleitoral, non se perdan no ar do Nordés. Se queremos levar á práctica o lema co que concorreu En Marea “para mudalo todo, para que nada siga igual", haberá que cambiar tamén as metodoloxías. O acontecemento 15-M abre unha fenda de bifurcacións, introduce a posibilidade no tempo histórico, pero a través desa fenda, entran tamén inercias do periodo anterior, metodoloxías verticais que entran en contradicción coas novas formas políticas e contaminan os procesos. Temos por diante a tarefa de correxir estas lóxicas herdadas, porque só levando o alento das prazas, dende a participación de todas e o debate político colectivo poderemos facer subir a Marea.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.