As curuxas do humor

Tiven que buscar en Internet para enterarme de que pasaron trinta anos des que o Museo do Humor de Fene creou os premios Curuxa do Humor, que –cómpre dicilo- non tiveron precedentes, nin réplica, no mundo. Soa fachendoso, pero é certo.

Cando Xaquín Marín propuxo ao goberno municipal de Fene crear un premio de humor gráfico, inexistente daquela en España, era xa unha excelente idea; pero acordouse tirar a casa pola ventá e convocar tamén un premio literario, premiar un traballo humorístico nalgún medio de comunicación, e a alguén polo labor feito a prol do humor durante toda unha vida, ou polo menos durante unha longa etapa. Os certames gráfico e literario tiñan doazón económica, e todos unha preciosa Curuxa deseñada polo ceramista Fran Pérez Porto e realizada en Sargadelos.

A iniciativa do Museo do Humor de Fene supuña que, por primeira vez en Galicia, onde, sen dúbida, é un dos alicerces máis sólidos do noso patrimonio cultural, o humor deixaba de ser ignorado e pasaba a ser debidamente valorado. Pero fíxose algo máis: decidiuse conceder unha Curuxa de Barro a algún protagonista da vida pública, por exercer con pouco ou nulo sentido do humor, ou facelo de xeito censurable en opinión do Museo. A idea supuña un reto a ese especial sentido do humor que os galegos posuímos e que nos permite falar todo o día “en broma”, aparentando facelo “en serio”; desconcertando aos non galegos, que rematan por non saber “se subimos ou baixamos a escaleira”. Pero “unha cousa é cacarexar e outra poñer ovos”, e aos premiados ou -para falarmos con precisión- aos sinalados coa Curuxa de Barro, maldita a gracia que lles fixo o premio e non viñeron recollelo. Ata que se lle concedeu a Xosé Luís Barreiro Rivas, a quen se lle recoñeceu a calidade dos artigos que como comentarista político publicaba en La Voz de Galicia, ricaces as máis das veces en excelencias humorísticas, pero dábaselle o premio por non escribilos en galego. E Xosé Luís Barreiro aceptouno encantadísimo e agradecidísimo, veuno recoller ao Museo e fixo un dos discursos máis intelixentes e divertidos que se escoitaron e escoitarán nese recinto. Aí falláronlle os reflexos a Marín, porque ao rematar a intervención de Barreiro, cando as risas e os aplausos do numeroso público asistente atronaban o salón, debeu de coller unha Curuxa do Humor e darlla tamén para que saíse con unha en cada man.

Non foi a única xornada gloriosa que se viviu no Museo do Humor cos Premios Curuxa porque aínda que, incomprensiblemente, por falta de participantes, desapareu o certame literario, o de humor gráfico viviu anos de esplendor, nos que participaron profesionais de tres continentes –houbo un ano en que se produciu unha “invasión chinesa”- e foron premiados varios europeos e sudamericanos, de recoñecido prestixio internacional. E todos viñeron recoller a Curuxa –e os cartos, claro-, que non era menor o prestixio do Museo do Humor de Fene, nin o do discreto paxaro nocturno, convertido en primoroso trofeo de caolín.

De Cuba veu Tomás Rodríguez Zayas “Tomy”; de Croacia Otto Antón Reisinger; de Brasil Cau Gómez; de Bélxica Luc Descheemaeker “O-sekoer”; e de Arxentina Marlene Pohle. Todos volveron aos seus países falando marabillas deste pequeno concello do finisterre europeo, onde por iniciativa dun asesor cultural naceu un Museo do Humor, e pola excelente xestión do director, extraordinario humorista gráfico tamén, un paxaro que a penas voa porque gusta de estar quieto e quedo, mandando calar ademais, chegara a medio mundo.

Tomás Rodríguez Zayas morreu no 2010 e Otto Antón Reisinger no 2016, e nestas luctuosas novas nótanse os trinta anos das Curuxas do Humor, que seguen tan mozas e belidas coma sempre. Seino porque eu son afortunadísimo e teño dúas: a que se lle concedeu ao programa radiofónico Corre carmela que chove, que os integrantes do grupo quixeron que fose para min; e a que premiou a vida que adiquei ao exercicio do humor en tantas facetas. Para non semellar modesto non vou ser hipócrita e non direi que foi un premio inmerecido. Si, merecíao, déronmo, agradecino e sigo agradecéndoo cada día; cada vez que ollo e admiro os trofeos. Fanme sentir que, malia os moitos erros que cometín, nesto do humor non me trabuquei de todo.

Alégrame que o Museo do Humor de Fene recupere as Curuxas e deséxolles aos dous longa vida; de momento, outros trinta anos –esta vez ininterrompidos- para recuperar aquel prestixio da Idade de Ouro. Con moito, moito humor e vontade, seguro que o conseguen.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.