As contas do centralismo

Sempre que o Goberno central quitou a súa información sobre as chamadas balanzas fiscais (2008 e 2012), Galicia resultou suposta beneficiaria da solidariedade do Estado, avaliándose até en 3500 M€ a diferenza ao noso favor entre o supostamente recadado e o recibido.

Claro é que as contas do centralismo son parte dos moitos contos ou ladaíñas que retransmiten os voceiros-oficiais e oficiosos-do centralismo. E levan trampa. En primeiro lugar, contabilizan a Seguridade social contributiva, que non é cuestión de territorios, senón de persoas cotizantes. Eu gaño o meu dereito á pensión contributiva e á contía da mesma independentemente de onde cotizase. Tamén está a trampa do método de contabilización chamado carga/beneficio, que contabiliza como gastados e/ou investidos en Galicia o 5,4% dos orzamentos de Defensa, RTVE Casa Real, Ministerios, cando a inmensa maioría destes gastos. Ou nos atribúe o 7% da débeda pública estatal, cando só somos o 5,4% da súa poboación. A quen beneficia o gasto burocrático na súa inmensa maioría? Acertaron, á área de Madrid, que é onde se cobran os soldos e se fai o gasto.

Se empregamos a metodoloxía que os economistas máis neutrais xulgan de aplicación,, resulta que no 2015 o Estado recadará uns 12.400 a 12.500 M€ na Galicia dos que a Xunta empregará uns 9000 M€ nos seus orzamentos. Algúen pensa que os servizos que presta o  Estado na Galicia acaden o valor de 3.400 M €/ano?

Por outra banda, os nosos concellos receben só o 3% dos 17600 M€ que o Estado destina ás transferencias a entidades locais. É dicir, que se nos  quitan 500 M€ sobre o 5,4% que por poboación nos correspondería. Por qué? Porque o Estado financia os servizos dos concellos só tendo en conta a poboación, non o seu avellentamento ou espallamento. Solidariedade con Galicia? Confórmome de entrada con que nos paguen o que deben. Que poñan eses 500 M€/ano adicionais e que transfiran á Xunta as competencias para distribuir eses fondos de cooperación local, como cumpriría en calquera Estado descentralizado.

As contas do centralismo, amáis de se basear nuns dados moi opacos, constitúen pola súa metodoloxía e conclusións un insulto á nosa intelixencia. E que nos alcumen de parvos, sen nos recoñecer o que nos pertence e aínda vendéndonos o favor, sobarda os límites do aturábel na democracia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.