Dependencia: O que o goberno non contará en campaña electoral

Ante as últimas noticias do goberno de outorgar 6000 novas prestacións de axuda no fogar, e novas prazas de residencia, este colectivo profesional quere amosar a sua indignación polos recortes nas prestaccions, aumento de copagos e escasas posibilidades de acceso aos servizios que ven de acontecer nos ultimos anos, o que ubica ás familias nunha situacion de desprotección e indefensión produto e consecuencia, entre outros, tanto da desvirtuacion como da perversion na aplicacion desta Lei:

  • O 32.3% das persoas afectadas polo grao I non foron atendidas practicamente na súa totalidade ata este ano en todo o territorio español, de aí tamén o aumento do número de solicitudes valoradas da que fai gala o goberno.
  • O 38,1% das persoas con grao II por norma xeral non son atendidas a non ser esporádicamente e en contadas ocasións, quedando en listas de espera, tanto no referente aos servizos como ás prestacións.
  • Unha alta porcentaxe (entre un 21 e un 45%) das persoas falece antes de ser atendidas, razón suficiente para que se reduza a lista de espera. Estes datos son ocultados polo goberno de forma sistemática, xa que só dan datos das altas e casos atendidos, pero non das baixas e persoas que falecen sen atención. Os datos recollidos pola Asociación de Xerentes e Directores en Servizos Sociais: O IMSERSO di “un 55% dos falecementos que se producen afectan a persoas que xa tiñan recoñecida unha prestación”. Entón, dita Asociación conclue que “cabe pensar que o 45% dos falecemenos de persoas dependentes que se producen, non teñen unha prestación recoñecida”.
  • O copago ao que as persoas con dependencia teñen que facer fronte, obrigan a moitos deles a renunciar aos seus dereitos, así temos que nestes momentos hai prazas vacantes en centros de día específicos da Xunta. É esto normal se se considera que aumentou o número de dependentes recoñecidos?.

Por outra banda, moitas persoas que precisaban da axuda dunha terceira persoa perderon a súa prestación de coidados no contorno ou atopáronse cunha significativa diminución da contía desta (moitos non chegan aos 20€/ mes) ao mesmo tempo que deixaron de estar incluídas no convenio coa Seguridade Social.

Trátase de coidadores/as que abandoaron a súa actividade profesional co fin de adicarse aos coidados da persoa dependente, (por exemplo, nais de menores afectados cunha grave discapacidade), o que amosa a pouca sensibilidade do goberno polos/as coidadores/ras ao quitarlles o dereito a unha pensón de xubilación.

As persoas con grao II, e moito mais acusado nas persoas con grao I, levan anos esperando por unha axuda no fogar, por un ingreso en residencia ou por unha prestación para o/a coidador/ra familiar. Tamén moitas persoas do grao III están en lista de espera. Os/as traballadores/as sociais ainda estamos esperando a que o goberno faga pública a lista de espera por servizo, grao e no caso de axuda no fogar, por concellos, ocultando así os casos sen atender.

O goberno leva anos obviando as necesidade das persoas e as súas familias, precipitando enfermidades e levando a xente hacia situacíóns caóticas e insostibles, e agora, ante a inminencia das proximas eleccions, amosan a súa suposta “xenerosidade”, querendo limpar e enmendar todo o dano feito. Se a intencion fora enmendar o dano causado, reestablecerían os dereitos perdidos derogando a Orde do 2 de xaneiro de 2012 de desenvolvemento do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a Autonomía e a Atención á Dependencia, na que se diminuiron o número de horas ao que as persoas dependentes, segundo grao poderían ter dereito.

Os/as traballadores/as sociais, á hora de desenvolver o noso traballo, atopámonos con que non dispoñemos de información técnica suficiente por parte da Xunta sobre a asignación presupostaría de cada prestación para poder orientar ás persoas a optar por un servizo ou por outro, e mesmo se carece dunha refundición da complexa e desmesurada normativa que se foi xerando nos últimos anos.

Por outra parte, queremos denunciar a mercantilización e privatización que se está facendo dos servizos sociais, tanto no referente a centros de día como a residencias e a xestións destas, provocando situacións pouco humanas que menoscaban os principios básicos dos dereitos humanos en canto a dignidade das persoas se refire, afastando as persoas e aos recursos sociais do seu medio de vida, xa que non son as familias ou pequenos empresarios ou mesmo comunidade de veciños os que montan as residencias, senón especuladores con capacidade de facer grandes investimentos aproveitándose dos recursos públicos, e tendo como soporte un goberno que permite e estimula este modelo.

Por último, e para dar testemuña da desvergoña do goberno, é a Orde de 8 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases para a concesión de axudas individuais destinadas á adquisición de servizos de autonomía persoal así como á adquisición de servizo complementarios de asistencia persoal a persoas con discapacidade confinanciada polo Fondo Social Europeo.

A Orde elimina do dereito a percibir estas axudas a todas as persoas que teñan xa concedida algunha prestación ou servizo da Lei de dependencia, agás de asistencia persoal e do Servizo de Acompañamento a Intérpretes, que representan un mínimo case insignificante se se ten en conta a contía de persoas dependentes. Quedan fora entón, e novamente os máis vulnerables.

Cuestionámonos o seguinte, non sería mellor establecer axudas que non figuran no catalogo do SERGAS ou que non estean cubertas por ningún organismo público como poden ser o depósito de guindastres para a mobilización de grandes dependentes, camas articuladas, retomar a concesión de axudas individuais de pago único de eliminación de barreiras arquitectónicas, e adaptación do fogar? Pero non, subvencionan en cambio a rehabilitación, a atención temperá, terapias psicolóxicas, todas eles xa incluídas na carteira de servizos do SERGAS, valia de paso para abrir camiño cara ás privatizacións, xa que mediante estas axudas calquera clínica privada de rehabilitación que o solicite cuns mínimos requisitos, poderá prestar estes servizos.

A quen sen ten en conta a hora de planificar os recursos? ¿que prima na convocatoria destas axudas? ¿O benestar da persoa dependente, o benestar dos seus coidadores/as ou o fomento da privatización dos servizos públicos?

Queremos e reividicamos dereitos sociais e xustiza. Non queremos converternos en profesionais que fustigan e alienan as persoas máis desfavorecidas, non queremos andar mendigando nin que a xente mendigue, non queremos ser participes das vergoñentas colas do reparto de alimentos, non queremos ser participes da aplicación de medidas coercitivas que se están levando a cabo con persoas sen teito e con persoas inmigrantes.

NON APROBAMOS NEN QUEREMOS SER PARTÍCEPES DE QUE O GOBERNO CONVERTA OS DEREITOS SOCIAIS DAS PERSOAS DEPENDENTES EN MEDIDAS DE CAMPAÑA ELECTORAL.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.