Destruíndo a sanidade pública

Durante os 3 anos de Goberno do PP vivimos continuos recortes orzamentarios que suman mais de 300 millóns de euros. Repercutiron na calidade da sanidade galega negativamente, menos persoal, menos medios... dicían que podían facer mais con menos pero a evolución das listas de espera, incluso maqueadas, mostran que non é así, que con menos faise menos, por moito que as e os profesionais se esforcen por compensar os recortes. En marzo de 2012 39.614 persoas agardaban en Galiza por unha cirurxía, 5.200 máis que en marzo de 2009; delas, 878 levan mais de 1 anos agardando malia que un decreto obriga ao SERGAS a operar antes de 6 meses.

En marzo de 2012 39.614 persoas agardaban en Galiza por unha cirurxía, 5.200 máis que en marzo de 2009

No debate orzamentario pasado, o argumento do PP para xustificar o novo recorte era a blindaxe do gasto sanitario ante un orzamento estatal reducido. Pero ao recorte proposto do ministerio para 2012 de 365 millóns de euros súmase en abril o medicamentazo.

O BOE de 24 de abril publica o Real Decreto de 20 de abril chamado de “medidas urxentes para garantir a sustentabilidade do sistema e mellorar a calidade e seguridade das prestacións” un nome ben soante que non se comparece co seu contido, que si ben é urxente, non garante a sustentabilidade do sistema, mais ben pona en cuestión e dende logo non mellora nin a calidade nin a seguridade das prestacións.

Trátase dunha chea de medidas, algunhas moi desenvolvidas e outras só anunciadas, que procuran resolver a súa prioridade: o déficit ,a costa de recortarlle os dereitos e as prestacións ás persoas enfermas. Coa súa implantación procúrase un recorte do orzamento adicado a sanidade polas CCAA de 7.000 millóns de euros inxerindo nas competencias dos Gobernos autónomos.

Segundo o artigo 33 do Estatuto de Galiza: Correspóndelle á Comunidade Autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior, e segundo o artigo 149.1.16 da Constitución española correspóndenlle ao Estado: sanidade exterior, bases e coordinación xeral da sanidade. Por tanto, esta nova normativa sobarda as competencias do Estado e supón unha clara inxerencia nas do Goberno galego.

Esta nova normativa sobarda as competencias do Estado e supón unha clara inxerencia nas do Goberno galego

As medidas propostas buscan o aforro por dúas vías: recorte/eliminación de servizos, e aumento dos copagos coa súa dupla consecuencia recadatoria e disuasoria. O documento conta con 35 páxinas pero só concreta algún dos recortes que anuncia.

Deixarán de financiarse determinados fármacos (teremos que pagar todo o mundo o 100%); cando non precisen receita ou non se utilicen para o tratamento dunha patoloxía. Incluiría esta medida a pílula do día despois ou DIU e anticonceptivos orais. Deixarán tamén de financiarse medicamentos indicados para o tratamento de síntomas menores, como analxésicos e antiinflamatorios de uso xeneralizado que non precisa receita. Unha vella demanda de FARMAINDUSTRIA que vía reducir as marxes de medicamentos que teñen equivalentes xenéricos

Tamén teremos que pagar o 100% ou deixarán de prestarse en centros públicos servizos que non estean “orientados á curación de enfermidades, mellora da esperanza de vida ou á diminución da dor”

Tamén teremos que pagar o 100% ou deixarán de prestarse en centros públicos servizos que non estean “orientados á curación de enfermidades, mellora da esperanza de vida ou á diminución da dor”. Con este criterio poderían excluír IVE, vasectomías e ligaduras de trompas ou técnicas de fecundación asistida. Tamén pode supoñer que teremos que pagar o 100% de servizos que se prestan coa hospitalización e que non son puramente clínicos como a alimentación das persoas hospitalizadas. O presidente Feijóo xa adiantara esta posibilidade naquela famosa entrevista de intereconomía “cobrar aos enfermos por comer cando están hospitalizados” e volveuno facer hai dous días.

Indícase sen concretar o que o presidente chama o “núcleo duro da sanidade”, ou “carteira común básica de servizos asistenciais”: aquelas actividades asistencias de prevención diagnóstico tratamento e rehabilitación que se realicen en centros sanitarios e cubertos completamente con financiamento público. O feito de ser gratuítos está na súa definición e por tanto dicir que os servizos asistenciais serán gratuítos é unha tautoloxía non unha garantía, será tan fácil que deixen de selo como que un venres calquera, o consello de ministros emita un novo real decreto que modifique esta definición.

Na actualidade, o transporte programado en ambulancia realízase por prescrición facultativa para o transporte a determinados servizos sanitarios, diálises quimioterapias, rehabilitacións... ALCER alertaba de que podería supoñer unha coacción para non acudir ao hospital

Son coñecidos os novos copagamentos, moi reseñado o do transporte sanitario non urxente. Na actualidade, o transporte programado en ambulancia realízase por prescrición facultativa para o transporte a determinados servizos sanitarios, diálises quimioterapias, rehabilitacións... ALCER alertaba de que podería supoñer unha coacción para non acudir ao hospital para os 120 enfermos renais en diálise afectados en Ourense, persoas que viven de pensións inferiores a 600 euros, que deberán ademais facer fronte aos novos pagos de farmacia . O mesmo sucederá coa prestación ortoprotésica e os produtos dietéticos, que poden parecer cuestións menores cando non se precisan pero son vitais para a autonomía e a calidade de vida de milleiros de cidadáns.

O copagamento farmacéutico modificase substancialmente, para as persoas activas pode chegar ao 60%, pensionistas terán que pagar o 10% dos medicamentos que se sigan financiando. Galiza está especialmente afectada por esta medida, en 2010 o importe medio mensual da pensión contributiva en Galiza era de 869 euros ao mes, das mais baixas do estado. Temos uns 725 mil pensionistas, 165 mil viúvas cunha pensión media inferior a 500 euros, persoas polimedicadas que manteñen unha calidade de vida decente porque o acceso aos coidados médicos e farmacéuticos non depende da súa renda. Moitas destas pensións contribúen a manter a mais de 277 mil persoas que en Galiza están en paro, aos milleiros de familias sen ingresos. Terán que escoller agora entre comer e medicarse, entre axudar aos fillos e medicarse?

Terán que escoller agora entre comer e medicarse, entre axudar aos fillos e medicarse?

O Foro español de doentes demanda nun posicionamento sobre esta norma, “evitar a visión estigmatizante dos doentes como persoas derrochadoras que precisan de medidas disuasorias baseadas no copago”.

A norma supón ademais a modificación a un sistema de aseguramento: a sanidade deixa de ser universal. Pódese dicir que universal xa non era, que había colectivos excluídos, pero tiña a vontade da universalidade; ese foi o motivo de que o seu financiamento pasara a depender dos impostos e buscábase  darlle acceso a grupos de persoas que aínda ficaban excluídas. O sistema que se implanta establece a condición de asegurado para unha lista de situacións relacionadas coa posición da persoa no mercado de traballo, ficando excluídas o resto, grupos variados e importantes de persoas: mozas e mozos de mais de 25 anos que non teñan cotizado nin se declaren sen recursos, pensionistas que non teñan cotizado no estado español aínda que teñan a nacionalidade española, as viúvas e separadas que non casaron e non cotizaron, ou residentes sen permiso legal.

O 1 de Setembro, cando se desactiven as súas tarxetas sanitarias, milleiros de persoas vivirán a realidade inhumana deste decreto

Neste último caso chama a atención que non parece que lles preocupe aflorar economía sumerxida que se agocha tras esta situación, só lles retiran o dereito á asistencia sanitaria. O artigo 43 punto 1 da Constitución española recoñece o dereito á protección da saúde, e no punto 2 establece a obriga para os poderes públicos de organizar e tutelar a saúde pública a través de medidas preventivas e  das prestacións e servizos necesarios. Este real decreto convirte en papel mollado os dereitos á saúde que establece a Constitución e deberá ser o Tribunal Constitucional quen decida sobre a súa non constitucionalidade ou poñer de relevo, unha vez mais, que os dereitos que establece esa constitución son só palabras que non obrigan aos Gobernos do Partido Popular cando non lles interesa.

O 1 de Setembro, cando se desactiven as súas tarxetas sanitarias, milleiros de persoas vivirán a realidade inhumana deste decreto. É importante que a cidadanía reaccione e lle diga claro e alto na rúa e nos foros de todo tipo que non admitiremos a destrución da sanidade publica que teñen planificado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.