Reválidas de 3º de Primaria: o despropósito continúa

Logo da celebración das reválidas de 6º curso de Primaria de hai uns días, o STEG, en colaboración cos centros do Ensino público que participaron nas mesmas, recolleu os datos de NON ASISTENCIA ás mesmas, contando para iso con datos de case a metade dos máis de 650 centros que participaron nelas.

Ao abeiro desta información, o STEG conclúe que máis dun 60% do alumnado NON ASISTIU ás reválidas, sendo as provincias de A Coruña e Pontevedra, onde máis incidencia tivo esta protesta. De igual xeito, a NON ASISTENCIA ÁS REVÁLIDAS tivo un maior impacto no rural ca nos grandes núcleos poboacionais, agás no caso de Vigo, onde a porcentaxe foi lixeiramente superior á que se deu no resto da provincia. Unha lectura máis polo miúdo ofrece o dato de que a moda, o valor que máis predomina na mostra que serviu de base para o estudo é o do 100% de NON ASISTENCIA.

O STEG tamén quere facer notar o seu total desacordo coas manifestacións realizadas pola Consellaría, por boca do señor Conselleiro, que acusou de mentir a organizacións políticas, sindicais, movementos de renovación pedagóxica e diversos colectivos da comunidade educativa que durante este tempo viñeron amosando o seu desacordo coa realización das REVÁLIDAS.

Nesta liña, lamentamos que o Conselleiro confunda a diversidade de parecer, a disensión e a argumentación en base a criterios pedagóxicos, estatísticos e cívicos coa mentira ou a mala intención e rexeita enérxicamente ditas acusacións. Parecera esquecer este goberno unha das súas lecturas de cabeceira, Marco Aurelio:

“Se non convén, non o fagas; se non é certo, non o digas” Meditacións.

Asemade, o STEG xulga impropio dunha sociedade democrática a campaña de medo e desinformación que se promoveu dende certas instancias da Administración educativa, secundada por determinados colectivos e tamén algúns medios de comunicación. Isto non fixo senón alimentar a confusión, o temor, a anguria e mesmo o medo entre o alumnado, as familias e mesmo o profesorado.

Prescindindo do parecer de boa parte da comunidade educativa e do pobre resultado de asistencia destas reválidas de hai uns días, a partires de mañá terán lugar as reválidas de terceiro curso de Primaria.

O STEG anima as familias a que non envíen estes dous días o alumnado á escola, no convencemento de que é unha medida ineficaz, innecesaria e que redunda no despropósito que supuxo a posta en vigor da LOMCE.

Xulgamos que o Ensino público precisa de medidas máis serias e construtivas e con verdadeiro rigor pedagóxico, fundamentalmente aumentando o investimento no Ensino, non recortando de forma abusiva e logo practicando “test exprés á aventura” para ver o que pasou, coma nun mal argumento de Mary Shelley.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.