Galicia, Galicia, Galicia...

Ante as xa próximas eleccións autonómicas debemos facer balanzo da xestión do goberno do PP e do seu presidente o Sr. Feijoo.

Pode parecer que estas dúas lexislaturas foron un fracaso e que a situación de Galiza en calquera parámetro sexa mala tirando a peor. A nosa economía empeora, os nosos sectores produtivos enfraquecen, a emigración volve ser a alternativa, a nosa lingua está en coidados intensivos e a nosa cultura transfórmase nunha mistura de “gran hermano” e “supervivientes”. Mais o certo é que o PP cumpriu co seu mandato, non co programa que presentou ás eleccións, senón co programa oculto que o capital deseñou para a nosa nación. Nisto Feijoo pódese considerar un presidente eficiente e cumpridor. Levou adiante as medidas precisas e encomendadas como eficaz encargado que está enriba dos seus subordinados machacándoos, como bo intermediario entre os empresarios e os empregados.

Que Galiza padeza un declive económico e social, que os sectores públicos sofran uns recortes salvaxes e redución de persoal, ou que o galego case desapareza do ensino e sexa machacado polas “autoridades” que teñen que defendelo, forma parte do programa.

Feijoo foi electo, como o foron Mariano e Zapatero, para desenvolver o programa da Europa do capital, para continuar avanzando no desmantelamento do noso agro e da nosa pesca e así facer posíbel que a conta de resultados das grandes empresas da alimentación ou das que condicionan a nosa política forestal poidan medrar. Non é casual a aposta da Xunta polo eucalipto nin a prórroga a Ence. Menos vacas, máis eucaliptos.

Se levamos anos escoitando que o campo non ten futuro, que o minifundismo non é rendíbel, que os barcos galegos son depredadores, esquilman o mar e arrasan por onde pasan, non é por casualidade. Forma parte da campaña publicitaria que facilita que “traguemos” co que está pasando, e desde a Xunta non fan ren por cambiar esta percepción. Pola contra, facilitan a “modernización” do noso agro, só temos que ler as estatísticas para comprobar como modernizan transformando vacas en eucaliptos.

Se a crise do sector lácteo é crónica non é por un castigo divino, é por que se lexisla para favorecer á industria e sobor de todo á distribución, que é como se lle chama ás grandes empresas que nos venden leite francés e produtos de calquera parte do mundo a uns prezos cos que non podemos competir.

Desde a entrada no Mercado Común os nosos barcos foron perdendo caladoiros coa mesma intensidade que aumentaban as subvencións para a exportación e o desmantelamento dos buques. Por moito que a Conselleira de Pesca fale da boa situación do noso sector pesqueiro e marisqueiro a realidade é a que é. Só desde o ano 2006 ao 2015 perdemos dous mil empregos directos no mar.

O certo é que o PP boicotea cada vez que pode a capacidade de pesca dos nosos barcos. Tentou impoñer unha lexislación privatizadora do mar encamiñada a desfacerse do marisqueo tal e como o coñecemos hoxe coa intención de poñelo en mans de multinacionais depredadoras. Esta modernización do sector pesqueiro consiste en transformar as rías en “fábricas” de peixes e mariscos. Só a capacidade de reacción das xentes do mar fixo posíbel que se paralizase esta lei.

A privatización da sanidade pública é un dos maiores logros deste goberno. Deixando a cáscara do ovo foron podrecendo o interior, privatizando todo o que puideron. Radioloxía, probas diagnósticas, limpeza, cociña, desvío de intervencións a hospitais privados, cita previa, etc., todo en mans privadas, e podemos afirmar que en mans “amigas”. E para culminar o seu traballo fixeron un hospital privado en Vigo, o Álvaro Cunqueiro, para hipotecar a sanidade pública durante anos. Non se pode ser un alumno máis aplicado.

Poren, a chapuza do Álvaro Cunqueiro pode ser un dos maiores erros políticos do PP en Galiza ante a imposibilidade de agochar o que supón realmente a sanidade privada: unha hipoteca por moitos anos, un hospital que se cae literalmente, unha atención precaria por falta de persoal e uns prezos prohibitivos por aparcar entre outras cousas.

 

Galiza sitio distinto.

Unha parte fundamental do programa oculto é transformar o estado español en España. Liquidar e integrar ás nacións que o conforman e que só exista unha única e verdadeira. Galiza representa un problema para España. Somos unha nación cunha cultura e un idioma propios, cunha organización do territorio diferente, unha propiedade da terra distinta e temos unha forma de ser característica.

Somos un erro histórico que hai que arranxar; e a persoa ideal é Alberto. Un desertor do arado que pretende facer méritos ante os seus amos, un “replicante” construído para servir ao seu partido, e á España, e á Europa do capital. Xa dou boas mostras do seu ben facer en Correos ou na Consellaría de Sanidade transformando hospitais en fundacións, que despois afundiron e tiveron que ser rescatadas.

Como explicar senón a política lingüística de eliminación do galego, fundamental na primeira campaña electoral triunfal de Feijoo, decretando a súa saída do ensino. Como a estas alturas se pode entender a nula presenza do galego na xustiza e noutras administracións, a súa NON promoción, ou que os cartos para a normalización lingüística se lle dan aos medios que non usan o galego. Alguén pode crer que é casual que o presidente da xunta e @s conselleir@s falen tan mal o galego? Non. É unha forma máis de desprestixiar o idioma. Non hai que coidalo nin empregalo ben para non darlle categoría. Eliminando o galego queren eliminar a nación.

 

Feijoo cumpriu, o PP cumpriu.

Os distintos gobernos estatais e autonómicos fixeron todo o posíbel para que a realidade de Galiza sexa a que é. Temos que recoñecer que o actual presidente, e o seu partido, fixeron o maior dos esforzos por chegar a esta meta aplicando as receitas do Capital. Transformándonos nunha potencia exportadora de man de obra, materias primas e enerxía a baixo prezo.

Nas próximas eleccións autonómicas o PP vai pretender renovar contrato para continuar coa súa tarefa. Vaino facer agochando, de novo, o seu programa oculto. Pretende facelo desta volta envolvéndose na bandeira galega e repetindo moitas veces Galicia, Galicia, Galicia. Van ser os máis galegos de todos os galegos, aínda que desprecen o galego.

Para rachar con esta dinámica precisamos ter confianza en Nós mesm@s e dotarnos dos instrumentos necesarios para deter ao PP, ao PSOE ou a calquera nome que empreguen para manter a dependencia de Galiza. Necesitamos con urxencia unha reformulación do soberanismo galego e criar unha alternativa propia recollendo o que está organizado e o que non. Debemos ir máis ala dos procesos electorais e das institucións.

Un soberanismo claramente de esquerdas que antepoña os intereses do pobo galego aos de calquera sigla, que presente solucións reais á emigración da mocidade, que propoña solucións para o noso agro e a nosa pesca e que defenda e promova o idioma sen medo. En definitiva que fale con claridade e sen ambigüidades chamándolle ás cousas polo seu nome. Que camiñe pola senda da independencia e o socialismo para darlle unha patada a Feijoo, ao PP, a España e á UE.

...Galiza, Galiza, Galiza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.