Curas que fomentan a violencia de xénero

Adoito dicir que vivo na AP 9, veña país arriba, veña país abaixo. Aínda que non gosto de conducir, como non me queda outra tento que esas horas, moitas máis das desexables, a dicir verdade, que me teño que papar semanalmente, que sexan agradables e doadas de levar. Para iso, o que fago é poñer un CD do meu gusto a toda pastilla (agora estou revisando todo Lennon), ou a radio. Sobre todo a radio. Un medio que amo e no que teño a sorte de colaborar de cando en vez.

Dándolle voltiñas á roda, cheguei (é inevitable, hai un cento delas) a unha desas emisoras ultracristiáns onde se nos radia a fe vinte e catro horas ao día

Mais o problema de ir escoitando a radio pola autoestrada, é que cada pouco hai que buscando unha nova emisora porque, por iso do desprazamento, vaise perdendo o sinal e non se entende un pemento. Daquela, teño que darlle voltas á rodiña que levo no volante, e ver que vai saíndo. E claro, o que vai saíndo pode ser fantástico (Lennon, por exemplo), aburrido (case que todas as emisoras musicais), cabreante (Jiménez Losantos), ou, directamente, un espanto.

Isto último foi o que me pasou hai uns días á altura de Betanzos, onde me desprazara para dar un Obradoiro Literario. Dándolle voltiñas á roda, cheguei (é inevitable, hai un cento delas) a unha desas emisoras ultracristiáns onde se nos radia a fe vinte e catro horas ao día entre rezos, retransmisións de misas con ecos de ultratumba e moitos, moitos sermóns pre-apocalípticos). Algunha vez, por pura curiosidade antropolóxica, xa me detivera con elas. E sempre, sempre, escoitei burradas cada vez que tal fixen.

Por exemplo, desta volta, falaba un cura (a locutora presentouno como o Padre Nonseiquén) a quen preguntaron sobre o matrimonio (xa se sabe que os curas son expertos niso). Eu, ateo e militante anticlerical, pensei que podía ser interesante escoitar ao señor este impartindo doutrina. Mais o terrible é que o que escoitei non foi doutrina, nin opinión, nin ideoloxía... O que ceibou aquela boquiña foi puro terrorismo machista.

O que ceibou aquela boquiña foi puro terrorismo machista

En síntese, o que veu dicir foi que co asunto da reivindicación da igualdade das mulleres "los hombres están como castrados y pierden su papel natural en el hogar". Dende ese intre fixen esforzos serios por non saírme da estrada, non pisarlle a fondo de pura carraxe e non blasfemar. Seguiu explicando que moitas mulleres "no tienen paciencia con el carácter de sus maridos, que por lo general llegan cansados, no tienen aguante y no saben ganárselos". A locutora limitábase a dicir ahá, ahá, a todo o que aquel home dicía, tamén a que era mellor aguantar un home que non fose ideal que un divorcio, "que siempre las convierte en viúdas alegres".

Que pasaría se soubésemos que unha emisora de corte islamita emitise un programa no que un mulá avogase pola supeditación da muller e o seu aguante a toda costa

Non aturei máis e apaguei, preguntándome que pasaría se soubésemos que unha emisora de corte islamita emitise un programa no que un mulá avogase pola supeditación da muller e o seu aguante a toda costa (incluída a violencia...xa se sabe, veñen cansos...). Estou certo de que serían centos as voces que se alzarían, tamén dende a fiscalía, para frear esa apoloxía terrorista e indecente.

Pero a igrexa, xa se sabe, comezamos non cobrándolles o IBI e rematamos consentíndolles a violencia e xénero.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.