Ferrol- Mieres- Cádiz: a débeda histórica coa desindustrialización

Cando falamos da mal chamada reconversión industrial, en realidade falamos de procesos de desindustrialización que afectaron no Estado español a dous sectores produtivos en especial,  a minería do carbón e a construción naval, dende mediados da década dos 70 ata ben entrados os anos 80. Iso xerou unhas consecuencias no tecido socioeconómico que produciron problemas de carácter estrutural nas sociedades deses territorios. Os casos mais paradigmáticos son o de Mieres (minería do carbón), Cádiz e Ferrol (construción naval)

As características comúns destes territorios son fundamentalmente o monocultivo desa industria pesada, que ademais levou consigo unha considerable modificación da paisaxe e ocupación do territorio. Podemos engadir que o modelo de reconversión supuxo o despedimento de miles de persoas, pero non así a auténtica reconversión para a diversificación da economía dos territorios afectados ou a reestruturación do sector en aras da competitividade e da harmonización coa lexislación europea xa máis adiante coa entrada do Estado español na CEE.

Un modelo de reconversión que poderíamos denominar “a xaponesa”, que fai referencia a eliminación de case o 50% dos traballadores no sector naval en Xapón durante a súa reconversión industrial. Aínda que ben é certo que a diferenza dos procesos anteditos (e en xeral dos procesos de reconversión en España) en Xapón  a marxe da destrución do emprego, a planificación  foi un éxito aumentando a súa participación mundial na construción naval, algo que no caso español a pesar dos despedimentos, non só non tivo lugar senón que levou a caída en picado destes sectores.

O declive económico e social foi común en estes territorios que sufriron os procesos de desindustrialización. As axudas do Estado nomeadamente  os famosos ZUR e ZID (ou a súa versión na minería)  non supuxeron en ningún dos tres territorios unha modificación significativa da situación de partida;  que ao igual que no caso das prexubilacións só deron unha solución a curto prazo á desaparición de miles de postos de traballo. 

Pero ademais das consecuencias inmediatas naqueles momentos, na actualidade a reconversión ten a súa pegada; xa que a pesar de manterse no tempo o fluxo monetarios, non así os postos de traballo, polo que a vez que vaian descendendo o número de prexubilados desaparecerá unha fonte de renda para o consumo ou a supervivencia das familias cuns datos de desemprego abafantes.

De feito o desemprego pasa a ser un dos problemas estruturais das sociedades que pasaron por este tipo de procesos, con datos de paro por riba do Estado e do seu contorno con taxas próximas ao  30% de media tendo unha forte presenza as persoas sen emprego anterior. Son maioritarios os fogares, preto dun 45% da poboación que como media nestes territorios sobreviven grazas a distintas prestacións, presentando altas cifras de exclusión social que están entre o 17 ou 20% en cada un destes territorios.

Todo isto leva a unha perda de poboación constante, por causa da emigración e polo crecemento vexetativo negativo (máis mortes que nacementos). A maior parte da poboación que marcha destes territorios está entre os 30 e os 54 anos, é dicir poboación activa en busca dun mellor futuro laboral o que dificulta o reemprazo xeracional e favorece ao envellecemento da poboación. Pero aínda que a poboación activa diminúa constantemente as taxas de paro seguen a ser alarmantes o que da idea  da verdadeira entidade do nivel de desemprego.

Ademais de todo iso temos que contar as consecuencias na saúde física e psíquica, sobre todo relacionada coa falta de emprego ou procesos de desindustrialización. Neste sentido o Estudo do Instituto para a Investigación do traballo e busca do emprego alemán (2010),  fala incluso dunha menor esperanza de vida media baseándose nos datos demográficos das rexións de Alemaña afectados polos procesos de desindustrialización como é o caso de Mecklemburgo o Sajonia- Anhalt. Este mesmo estudo fala do empeoramentos da saúde, e na actualidade do aumento nos máis novos de casos de depresión.

Segundo datos do Sistema Nacional de Saúde en España as persoas desempregadas tenden a ter un maior “desgaste psíquico”. Algúns estudosos como Meltzer chegan a falar de que en certas sociedades marcados cun forte desemprego existe máis casos de depresión e de ansiedade.

En resumo e pasados algo máis de 30 anos, vemos que as medidas tomadas polo Estado no seu momento foron ineficaces, ou quedaron en simples promesas, deixando co tempo no desleixo absoluto este territorios, agravando aqueles aspectos que son e foron consecuencia directa da destrución do tecido produtivo que estaba fortemente relacionado con ese sector. Un monocultivo fomentado polo propio Estado, no seu momento.

“ O obreiro ten máis necesidade de respecto que de pan" (Karl Marx)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.