Do eixe de rotación da Terra ao postureo climático

Hai dous meses a revista Science Advances publicaba un traballo titulado Climate-driven polar motion: 2003-2015 de Surendra Adhikari e Erik r. Ivins*. Na miña opinión é unha das novas máis importantes do que vai de século en canto a ciencia, medio ambiente e iso que (aínda algúns) chaman sostibilidade. Porén ningún medio de comunicación, que eu saiba, deu a nova.

De que vai? Basicamente de como entre o ano 2003 e o 2015 o eixe de rotación terrestre variou significativamente debido ao cambio de distribución de masas no planeta. Este modificación das masas débese a cambios no almacenamento terrestre de auga e ao derretemento da criosfera (en Groenlandia sobre todo). E si, este cambio de masas débese á actividade humana e unha das súas grandes consecuencias, o quecemento global.

En resume, o ser humano ten capacidade para empregar enerxía fósil almacenada hai millóns de anos, multiplicarse de xeito exponencial, degradar todos os ecosistemas terrestres, arrasar o resto de organismos cos que vive no planeta, producir fondas modificacións climáticas… e agora tamén sabemos que somos capaces de modificar o eixe de rotación terrestre. Este achádego ten importancia para entender o clima do pasado no planeta. Pero sobre todo produce calafríos pensar en ata que punto o clima futuro pode ser transformado deste xeito: pequenas variacións no eixe de rotación modifican a insolación, e polo tanto a enerxía que chega á Terra de tal xeito que o clima cambia, as veces radicalmente, como en determinadas glaciacións.

E todo isto non merece nin unha triste liña ou uns segundos en ningún medio de comunicación. Que cada un busque as explicación que máis lle contente. Agora ben, o asunto do cambio climático parece que se converteu nunha cuestión politicamente correcta e incluso popular. Posiblemente xa é puro postureo tanto individual como colectivo pois asumimos que non imos mudar nada importante no sistema económico. Dicir que hai que mudalo por completo non é popular, claro.

* Science Advances, Vol. 2, no. 4 (DOI: 10.1126/sciadv.1501693)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.