0 Gardados para despois

Xosé Rodríguez Díaz

A revolución pola beleza

Pero todo aquello que tocamos, tú y yo,
nos une, como un golpe de arco,
que una sola voz arranca de dos cuerdas.
¿En qué instrumento nos tensaron?
¿Y qué mano nos pulsa formando ese sonido?
¡Oh, dulce canto!
“Canción de amor”, R.M. Rilke

Un día magnífico n’A Coruña fixo de teloneiro da beleza o 11 de xuño de 2016. No escenario do Pazo da ópera, que só contiña o instrumental preciso, presentáronse a cantora, Silvia Pérez Cruz, e as cordas: Elena Rey e Carlos Montfort, violíns; Anna Aldomà, viola; Joan Antoni Pich, violoncello; e Miquel Àngel Cordero, contrabaixo. Aínda que, polo que se comprobaría máis tarde, as propias cordas da cantante eran un instrumento máis, ou, senón, como se xustifica o dominio da voz desa forma sublime?

En realidade o que parecía un concerto de música resultou ser unha lección de beleza e amor, que comezou cunha peza de “Blancanieves”, enlazada coa canción popular galega miña mai miña maiciña (perdóeseme que me apropie dela a través do dialectalismo). Xa o anunciara a propia cantante con estes versos de Lorca:

“¡Ay qué trabajo me cuesta

quererte como te quiero!

Por tu amor me duele el aire,

el corazón

y el sombrero.”

A partir de aí iniciamos un percorrido por músicas diversas, desde a peruana “Mechita” ao fado “Estranha forma de vida”, pasando por composicións propias, unha en lembranza de seu pai falecido, o cantante de habaneras Càstor Pérez e outras alleas, incluíndo unha habanera con música de seu pai e letra da súa nai Glòria Cruz, “Vestida de nit”; e así se foi enchendo o aire de beleza e emoción. As bágoas, non sempre contidas, daban paso ao sorriso e á risa cando a cantante descontraía o ambiente na presentación dunha canción.

Así o reflectiu nun tuit @madame_alvorota ao día seguinte: “Mágico: gracias por recordarnos que la música siempre estará ahí, hablando con lágrimas en los ojos y una sonrisa en los labios”. Entre a risa e o pranto, “los dos materiales que forman mi canto”, como diría Violeta, o auditorio xa pleno de beleza foise enchendo de amor: desde o amor ao próximo, á lingua mai, a aquilo que nos conecta co que somos, co de onde vimos, encarnado no “Miña mai miña maiciña” e o “Negra sombra”, ou o “Vestida de nit”, partimos cara a todas as latitudes onde o amor é posíbel, en todas as linguas que foi preciso, desde o noso galego portugués e o seu català, ao inglés ou o castellano, as linguas deixaron de ser unha bandeira ou unha barricada e, pola maxia do amor, pasaron a ser vehículos de expresión, instrumentos do pobo para cantar a súa alegría, o seu amor, as súas penas e os seus anceios.

Desde Correchouso ao malecón de La Habana, desde o amor á familia (herdada e compartida, que diría Lois Pereiro), lembrando á avoa, á mai, ao pai e á irmá, ao amor ás cordas (Elena, Carlos, Anna, Joan Antoni e Miquel Àngel), a quen non cesou de lles recoñecer o seu inmenso mérito, o que, ademais de facer xustiza á súa interpretación, constitúe unha expresión da humildade e xenerosidade que caracterizan ao xenio e o talento. Un amor, con certeza, correspondido, tanto polas cordas como polo auditorio, que se ergueu decidido para ovacionar por dúas veces ás seis magníficas intérpretes de forma longa e intensa.

Foi un espectáculo musical excepcional, foi moito máis: un encontro cunha amiga que coñeces de sempre, coa que choras e ris, coa que aprendes que a salvación virá pola vía do amor e a beleza ou non virá, coa que descobres que hai esperanza, que se poden facer vieiros polos que chegar á redención dunha sociedade que vive nun tira puxa entre a fartura da inxustiza que padece e o medo (inducido a teledariazos), se sabemos procurar a beleza e o amor nas súas múltiples formas (a solidariedade, a xenerosidade, a empatía, a dignidade como pobo).

Proselitismo dos dereitos humanos do que ben podería saír unha nova internacional: melómanas do mundo unídevos! Ou, de forma máis directa, sen complexas metáforas, como di a súa canción “No hay tanto pan”: 

“Despierta Mercedes, Pablo y Patricia,
Tomás, Martín, Juan, Luna, Pablo y Cristina.
Que esta gran culpa no es tuya ni mía.”

Ademais houbo boa música e excelentes intérpretes: se tedes ocasión ídeas ver.

Acerca de Xosé Rodríguez Díaz