XXV anos perdidos

Recórdoo como se fora hoxe. Corría o ano 2001. A Xunta sufragaba o desprazamento dun equipo da TVG para gravar unha reportaxe sobre actividades das oenegués galegas no Perú. Empotrado no equipo, un membro da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento, a entidade que elaborara a proposta.

Xa en Atalaya, na rexión de Selva Central amazónica, tíñamos que visitar un poblado da etnia asháninca. Unha hora de avioneta e dúas horas en panga (canoa) a motor rio arriba polo Ucayali e o Urubamba –afluentes do Amazonas en territorio peruano- ata un poblado dun centear de persoas. Alí contaban, grazas á ONG  Paz e Solidariedade, con varias emisoras de radio para comunicarse entre comunidades ashánincas dispersas na inmensa selva.

Mentras o cámara Pepe Esteller, curtido en mil viaxes, e unha xoven redactora cumprían o seu labor profesional, o que suscribe foi conminado a dirixirse por radio aos seis puntos de escoita; tras ser presentado como “representante de Galicia” (sic), a 9.000 km dela, aquel fillo de Ortigueira, só puido  -no medio dunha intensa emoción- lanzar unhas frases ao éter para saudar a aquelas comunidades perdidas.

Ao seguinte día, unha bofetada de realidade; seguindo o recorrido en panga, cerca de onde vivían ashánincas “non contactados” –alleos á civilización moderna- acompañábanos unha muller maior, de longas guedellas, que se movía con certa destreza pola inestable embarcación. De idade incerta, chamábanlle “la abuela”. Nun momento, Guillermo Ñaco, dirixente asháninca que estivera en Compostela,  díxome que era a persoa máis vella do poblado; pregunteille cantos anos tiña; rindo, díxome que 51; quedei abraiado! o resto da xente morrera por calquer enfermidade e falta de atención sanitaria.

Cumprense estes días os XXV anos de existencia da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento, isto é das entidades adicadas á cooperación internacional e á acción humanitaria. Fúndase, en efecto, en 1991, en Compostela, por Estudantes Solidarios e Comisión Galega pro-Amazonía, duas entidades -hoxe desaparecidas- unha estudantil e outra ecoloxista, dous ámbitos que seguen fornecendo a base social de moitas organizacións solidarias.

Desde 1991 ata hoxe, a Coordinadora vai aumentando en importancia, sen ningunha escisión,  se ben con baixas de entidades que se consideran o pobo elexido e doutras “neutrais”, incapaces de asumir o papel de crítica que esixe a sociedade. Hoxe a Coordinadora agrupa a case 50 entidades que traballan en medio mundo.

 

Anécdotas, ledicias e miserias

Van alá XXV anos, nos que un recorda moitas miserias, como a daquel concelleiro coruñés que se despediu á francesa porque unhas palabras suvamente críticas molestaran as súas delicadas orellas; ou daquel alcalde de Vigo moi cabaleiroso, que diante dunha asamblea do movemento pro-saharaui fachendeaba de que a sua era unha cidade “solidaria” a pesares das súas ridículas achegas; ou daquel presidente da Xunta coñecido pola sua irascibilidade que enfureceu por non ver louvada unha achega da Xunta. Ou a daquela directora xeral da época de Touriño que denigrou nun foro estatal ás ONGD galegas falando da baixa calidade dos nosos proxectos,  cando eran ignotos os seus méritos pero si visible a sua incapacidade para dicir en público máis de tres frases seguidas sen ler un texto preparado polos seus asesores.

Pero mellor é lembrar con ledicia a persoas xenerosas, como Xacobe Meléndrez (Comisión Galega pro-Amazonia), Xosé Cuns (Estudantes Solidarios), Fernando Losada (Ecos do Sur), Xulio Rodríguez (Vetermón), Aida Ramos (Máns Unidas), Emilio Martínez (Intermón Oxfam) ou a Gema Filgueira (Médicos do Mundo), que co que suscribe, de Farmamundi, tiveron a sorte de desempeñar a presidencia da Coordinadora.

Todos eles poderían contar moitas anécdotas, como a de Anxo Moure (Bicis pola Paz), acusado falsamente de atentado á autoridade por protestar cun simple cartel nun mitin de Fraga, unha acusación incrible, dado o seu propio carácter- e pensamento- fondamente pacifista.

Na lembranza quedan tamén os catro cooperantes galegos mortos en acto de servizo (Henrique Aller, Manuel Cota,  Mercedes Arteche e José Ignacio Salgado), e o traballo de moitos galegos e sobre todo galegas, pois a solidariedade é un territorio maioritariamente feminino- en países como India, Mauritania, Mozambique, Cabo Verde, campamentos saharauis, Guatemala, Nicaragua, Nepal, Perú, Ecuador, Cuba, Haití… que lembran traxedias onde Galicia estivo presente.

Por todo iso, queda a satisfacción por axudar aos que nada teñen. Van alá XXV anos. Non foron perdidos.

 

Por Xosé María Torres,
expresidente da Coordinadora galega de ONGD (2005-2011)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.