0 Gardados para despois

Antón Dobao

Unha opción excelente para asaltar palacios

Facía eu estes días nas redes sociais unha pregunta un pouco retórica: hai condicións para que todo este complexo e ilusionante proceso de unidade popular, converxencia, ruptura e asalto aos palacios dos miserables continúe desenvolvéndose? Poderán resistir posibles gobernos de cambio en España e Galicia a potencia dun golpismo mediático, político e empresarial salvaxe que xa hoxe se está manifestando?  Non falo, por suposto, das condicións materiais que causan o sufrimento e o empobrecemento progresivo das persoas. Estas levan tempo e tempo máis que maduras. De tan maduras, están case podres. Tampouco falo das famosas condicións subxectivas que tanto serviron para escusar a inactividade, a reclusión en fortalezas inofensivas, o desprezo abstencionista de toda práctica política. Falaba doutra cousa.

Co pesimismo do entendemento e o optimismo da vontade. Linlle hai anos a Antonio Negri desmentir que Gramsci fose o autor deste vello e famoso axioma. Será certo. Eu non lin toda a obra de Gramsci. En tempos de posfordismo, general intellect, traballo social e comunicativo, produción de subxectividade, etc., Negri viña a defender, ademais, que o axioma cumpría lelo ao revés. Quería dicir, creo eu, que as condicións materiais para o comunismo (el sempre se reclama comunista, e iso faimo moi próximo) levaban décadas madurísimas; só faltaba aquilo ao que Engels chamaba conciencia das necesidades. O cal non deixaba de estar na cerna das razóns do dominio capitalista. Aclaremos: que a produción sexa tan diversa, que desbordase as fábricas, que pasase a ocupar as vinte e catro horas do día, todo iso non se contradí coa existencia de produción industrial. Como explicaba Paolo Virno, o capitalismo serodio caracterízase pola súa capacidade de disciplinar unha multitude moi variada de modos de produción. Pero ese é outro debate.

Se observamos todo o proceso de unidade popular que arrinca en xullo de 2012 coa chamada de Beiras á Fronte Ampla e a consecuente creación de AGE, teremos que empezar a pensar que a conciencia das necesidades e o optimismo da vontade contan de verdade en positivo. E en parte así é. Hai moitos anos, Mario Tronti, parafraseando a Lenin, escribía que o elo máis feble da cadea imperialista era aquel onde a clase obreira era máis forte. Onde mellor organizada estaba. E velaí temos outra vez a conciencia das necesidades, e con ela a mobilización, a organización, a subxectividade, o mítico optimismo da vontade. Quizais este momento histórico está basculando cara á potencia dunha subxectividade cada vez máis consciente, e esa é a gran fortaleza de todo proceso de cambio social. Mais esa subxectividade en construción tamén sabe os seus límites.

O golpismo ao que aludía antes sófreno a diario os gobernos municipais, que, como intrusos indesexables, abriron as ventás e as portas dunhas institucións que cheiraban a reseso. A prensa, as forzas vivas, orcos de diversos pelellos, organizacións e faccións do Partido da Orde... todos apuntan disciplinados coma un exército regular ao centro mesmiño da diana. Marea Atlántica, Ferrol en Común, Compostela Aberta, as Mareas, Podemos, Anova, os comunistas... tanto ten o nome que reciba. A diana brilla encarnada e a ela van todas as balas. O poder nisto é moi maoísta. E ataca, ademais, conforme ás condicións específicas de cada lugar e de cada momento. Posúe unha extraordinaria capacidade de adaptación. É o proceso de ruptura co sentido común dominante o primeiro que os golpistas precisan crebar.

Os gobernos municipais de unidade van resistindo porque son o resultado de procesos de acumulación de forzas populares, de converxencia de forzas políticas con ese suxeito difuso que se vén chamando cidadanía, nunha especie de sinécdoque pouco precisa, sobre todo se entendemos a cidadanía como un dereito republicano máis ca como un suxeito. Martiño Noriega fala da esquerda social, e creo que con iso quere designar as forzas de resistencia, de progreso e transformación que actúan na sociedade civil sen estaren organizadas politicamente. O Partido da Orde non pode xa simular que satisfai as demandas materiais e democráticas que se xeran no seo desa sociedade civil cuxas clases populares sofren de maneira tan radical a agresión á que algúns chaman crise. Pero aínda lle queda capacidade de combate, de destrución e de represión. Toda esta protección dos gobernos alternativos é imprescindible pero insuficiente. Non se resiste un asedio eternamente.

Se os nosos gobernos municipais, os núcleos deste proceso de rebelión cívica, sofren a agresión inflexible das cabezas da Hidra, pouco nos custará imaxinar a tortura continuada a que se verá sometido un goberno de cambio en Galicia, e mesmo un hipotético executivo de coalición no Estado español. Hai demasiado en xogo, porque unha molécula de poder é unha inmensidade nesta fase histórica de agresión terminal e vingativa do Capital contra o Traballo. Como para que os donos do mundo e mais as franquías instaladas nos múltiples centros das periferias das periferias dos centros e das marxes dos centros e das periferias queden aparvados observando como os esfarrapados asaltan os pazos dos miserables que comunican co Palacio dos Ceos mediante entrambilicadísimas redes de galerías. As galerías da teipa. Ou os camiños sinuosos da cóbrega. Ou o aire aberto do enxame...

As forzas diso que eu teimo en denominar espazo de ruptura, demasiado difusas e inabarcables para a lóxica mercantil das vellas organizacións e dos vellos modos que perviven nas novas, talvez foron debruzándose en procesos electorais vertixinosos para chegar con todas as posibilidades á conquista das fortalezas institucionais.

E esas mesmas urxencias electorais, que serven para aglutinar vontades e para que se encontren conciencias e desexos, se cadra non permitiron de todo alimentar, e non con graxas saturadas nin pensos de engorde, a expansión da masa crítica sobre a que se sostén todo proceso de cambio por pequeno que pareza. Ou sexa, a multitude organizándose e organizada. E esa é probablemente a brecha aínda aberta entre o campo electoral e o social. Unha brecha que cómpre clausurar.

Ás eleccións galegas, En Marea, ou como teña que se chamar, debe acudir como expresión e resultado dun movemento popular progresivo e cada vez máis amplo. Un movemento decidido á mobilización permanente, sobre todo no caso de que se conquiste a maioría de escanos na Casa dos Mortos (Dostoyevski por boca de Beiras) e con ela o goberno desa especie de deputación rexional que é a Xunta de Galicia para convertela nun verdadeiro goberno das clases populares desta nación subalterna e prohibida. En beneficio propio, xaora. Se esa masa crítica, esa multitude mobilizada e en proceso de conquistalo todo, non aparece ou é substituída por miserables movementos tácticos subordinados a intereses de parte, o proceso conseguinte será un inferno e o resultado unha derrota histórica cargada cunha frustración colectiva insoportable. Vencerán os golpistas, e tras o triunfo dos golpistas veñen décadas de tiranía e miseria.

As organizacións políticas e sociais empeñadas neste proceso, todas elas con gran capacidade de comprensión das necesidades, todas elas xenerosas e imprescindibles inda que acochen persoas ou grupos de tendencias sectarias e mesquiñas, terán que evitar a exaltación dos intereses de parte. Terán que entregalo todo en beneficio do proceso. Terán que entregarse completamente en beneficio do común. Sen reservas. E non para tirar uns bos resultados electorais, que iso xa se presupón, senón para continuar tecendo sen tregua o espazo popular, multitudinario, republicano que lle cambie a feitura a todo, que o mude todo, que o tome todo nas propias mans. Que non difira ningunha decisión. Que se goberne libremente.
Non hai outra opción. Pero é que, ademais, esta é unha opción excelente.

Acerca de Antón Dobao

Antón Dobao (Lugo, 1963). Escritor en tempo libre. Guionista e director. Filólogo de formación. De vida profesional ligada á Televisión de Galicia.