A enerxía de Reganosa e a enerxía da comunidade

Hai semanas o Tribunal Supremo deu unha alegría aos veciños de O Cruceiro, de Mehá e de Mugardos na súa loita dende hai 15 anos contra a planta de gas de Reganosa, impulsada polos gobernos de Aznar e Fraga.  O Alto Tribunal decidiu que a aprobación do proxecto de execución queda sen cobertura xurídica xa que declarou nula a declaración de construción, o cal é totalmente ilegal.

Pode parecer unha boa nova pero nós, en Espazo Equo non quedamos tranquilos. Non nos chega. Seguindo un enfoque legalista, o que debera ocorrer é que se pechara a planta segundo establece a Lei do Sector de Hidrocarburos. Ese momento chegou? Non. Por iso, a loita do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol segue activa. E nós agradecemos o seu traballo constante e esperamos que nalgún momento a súa vitoria sexa definitiva.

Poderíamos afondar tamén nos responsables. Sen dúbida, os gobernos impulsores son culpables desta atrocidade pero outros tamén levaron a súa parte do pastel. En 2010, Gas Natural, Endesa, Sonatrach, Caixa Galicia, Caixanova, o Banco Pastor e o Grupo Tojeiro tiñan accións. Agora, este último ten o 50,69% das accións repartidas entre Gadisa e Forestal del Atlántico. As grandes enerxéticas e os bancos saen do accionariado, pero Gadisa e a Xunta quedan. Curioso, non si?

Na Cooperativa Política Galega “Espazo Equo”, pensamos que a planta non só é innecesaria senón perigosa. Non imos afondar na idea de que o cambio climático segue alí traballando lentamente e, por iso, os combustibles fósiles deberían quedar onde están: debaixo da terra. Polo tanto, pese a que ven sendo presentado como unha alternativa segura e unha das enerxías de transición, o Gas Natural Licuado (GNL) segue a ser unha enerxía fósil. A materia prima segue a ser extraída dos mesmos países exportadores de gas: Nixeria, Arxelia, Indonesia, Malasia, Trinidade e Tobago, Rusia, Australia e Qatar. É dicir, seguimos activando as mesmas dinámicas xeoestratéxicas de destrución de sempre.

Preocúpanos, non só Reganosa senón tamén o incremento de importacións de areas bituminosas, que para nós representan o paradigma do investimento nocivo. Estas sustancias son unha pasta de area impregnada en alcatrán que se extrae en minas a ceo aberto, que hai que sintetizar para converter en petróleo pero con unha menor potencia de calor. Naomi Klein explica en “Esto lo cambia todo” como os indíxenas de Canadá están a ser desprazados e o seu modo de vida destruído para explotar esas terras. O primeiro cargamento desta materia chegou ao estado en 2014 a través do Porto de Bilbao e o importador era Petronor que o procesou na súa planta de Muskiz (Bizkaia). En 2015, seis millóns de toneladas de areas bituminosas e os seus derivados chegaron a Galicia. Quen as procesa?  Transpórtanse  ata Euskadi? Un informe encargado por Amigos da Terra sinala que a planta de Repsol na Coruña tería capacidade para procesala. A idea de contribuír a ese modelo e consumir esa enerxía danos noxo.

Os gobernantes seguen sen fomentar a soberanía enerxética dos pobos, especialmente do noso. Seguen sen protexer á súa poboación: Reganosa está a menos de 2.000 metros de núcleos de poboación, por non falar do perigo do tráfico de gaseiros na Ría ou os derivados do transporte de areas bituminosas.

O exemplo de Mugardos ten que facernos reflexionar sobre a implantación de infraestruturas e a estrutura da enerxía que produce Galicia. Neste país somos vento, mar e luz. Por que queremos Gas Natural Licuado e areas bituminosas? Chegamos xa a ese punto de desesperación enerxética que nos leva por unha senda suicida para o planeta?

Os nosos gobernantes elixiron as grandes construcións cando para nós o realmente fermoso son as cousas pequenas que van crecendo co tempo, cos tempos das persoas. As pequenas iniciativas que van sumándose unhas a outras e creando unha masa crítica que participa, é propietaria e consumidora se queredes que falemos en termos que o capitalismo nos ten imposto. Cando falamos de cousas grandes, falamos por exemplo, do concurso eólico, esa especie de salvaxe oeste que desembocou en reclamacións, denuncias empresariais e ao final nunha parálise de 12 anos en algo que podería ter sido un desenvolvemento sen precedentes das renovables.

Dende Espazo  Equo temos claro que as transformacións dos modelos enerxéticos non van vir dos gobernos, nin dos concursos, nin das empresas.  Tal e como estamos agora, o país é produtor de enerxía e mesmo excedentaria, pero o noso territorio non se beneficia a pesar de soportar os custes medioambientais. Como o Instituto de Estatística de España non rexistra os datos de pobreza enerxética, vou citar estudos independentes. O centro de investigación privado especializado na análise económica de cuestións enerxéticas, Economics for Energy, calculou que un 6,2% dos fogares galegos non son quen de cubrir as súas necesidades enerxéticas no seu estudo de 2014. Inmoral.

O cambio vai vir dás persoas que precisamos a enerxía e aos que nos chaman consumidores. preferimos falar de comunidades, proxectos e solidariedade entre pobos. Se non queremos unha mina a ceo aberto en Corcoesto, tampouco a queremos en Canadá. Se non queremos que as nosas facturas as cobren as grandes eléctricas teremos que buscar unha alternativa: Som Energia, Goiener ou Nosa Enerxía son algunhas cooperativas de enerxía verde e a medida que máis socios teñan, máis proxectos de xeración poderán levar a cabo. A isto nos referíamos cando dicimos que o pequeno é fermoso. A autoxestión, a eficiencia enerxética e o entendemento entre veciños son fermosos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.