A esquerda nerviosa do noso tempo

Un dos artistas preferidos polo pintor Andrés A. Vila (Vigo, 1958-2016) era o fauvista francés Raoul Dufy. E en particular facíalle moita graza un seu cadro titulado: Os nerviosos elegantes. De feito ese foi o título que Vila lle puxo, incluíndo o nome de Dufy, ao libro de lembranzas da súa etapa como pintor comercial en Madrid (Edicións Xerais, col. Ferros, 1994).

A chamada nova esquerda podería considerarse que é elegante, porque combina a intelixencia coa firmeza combativa e un entusiasmo adobiado de honestidade e compromiso que se opón frontalmente ás formas, intencións e discursos perralleiros da dereita.

Pero é nerviosa esta esquerda? Eu diría que un chisquiño nerviosa e precipitada por momentos, cun aquel de ansiedade, por outra parte ben xustificada, tendo en conta que a súa causa, a nosa causa, ten como fundamento a situación de extrema urxencia de millóns de persoas esmagadas polos efectos da crise e polas políticas que seguen ao pé da letra a consigna «Que se jodan!» de Andrea Fabra.

Houbo nos últimos meses unha vibración innecesaria, poño por caso na proposta de formación de goberno repartindo ministerios tralas eleccións do 20D. Aí notouse un impulso nervioso cando quizais conviña calma e contención. Aos partidarios declarados pode gustarnos a concreción e a iniciativa enérxica, pero non necesariamente aos votantes. Por outra parte cómpre lembrar que ningún partido accedeu ao goberno tras concorrer por primeira vez a unhas eleccións xerais. E pretender semellante logro quizais foi percibido como un síntoma de ansiedade. Mesmo Felipe González, chamado polo poder a ser o continuador de Suárez, tivo que agardar sete anos pra gobernar.

Tamén poderiamos entender como unha serie de movementos nerviosos pasar da creación dun espazo alternativo á esquerda do PSOE e inmediatamente centrar os focos do recoñecemento na presidencia de Zapatero, sendo como é corresponsable do artículo 135 da Constitución, nunha virada que se viña criticando como unhas das principais e máis nefastas renuncias da «socialdemocracia» versión cañí.

E redundando nesa liña, tamén semella produto do nerviosismo tentar redefinirse sobre a marcha no campo ideolóxico: eramos comunistas pero temos vocación socialdemócrata. Cando hai seis meses a sociedade respondeu a tope ante unha proposta máis que clara e moi asumible: somos a esquerda rupturista fronte aos partidos do réxime. E desdicirse ás veces, ou explicarse de máis, pode ser interpretado como sobreactuación e nerviosismo político na procura dun espazo que non che é propio. Máis vale nidieza e distinción, sen engadir suavizantes que ninguén reclama. A corrente social que apoia a nova esquerda está pedindo a berros contundencia.

O nerviosismo pode pillarte co paso cambiado cando a Unión Europea vai en dirección contraria á solidariedade entre os pobos, e confina os refuxiados nun país de nesgo predemocrático como é Turquía. Da noite prá mañá a cidadanía de Gran Bretaña métenlle unha sacudida polos cimentos ao gran edificio alemán que actúa coma un IV Reich en formato financeiro, e cumpría unha resposta clara. Pois as clases traballadoras de Europa xa saben que a UE non ten agora outra finalidade que atender os intereses dos bancos e liquidar a sociedade do benestar creada nos tempos da Guerra Fría. E a dereita reaccionou de xeito automático.

Houbo quen dixo que sumar Podemos e Esquerda Unida en España non ía funcionar porque son culturas políticas que se anulan mutuamente. Pero iso xa se explorara eiquí, en Galicia, e non houbo síntoma ningún de tal efecto electoral. Agora hai tamén na esquerda española quen se apresura, nerviosamente, a lembrarnos que xa avisara desa posible desactivación dunha parte da base social trala confluencia. Lectura errónea.

Non vou entrar en matices innecesarios sobre o nerviosismo galego, como parte da idiosincrasia que tanto se mencionaba nos planfletos de ERGA nos anos setenta, pero estou seguro de que Pilar García Negro podería darnos unha excelente explicación con varias ducias de sinónimos en cada frase, pra desesperación de Fernanda Tabarés. Pero si, digámolo con orgullo: o nerviosismo autóctono existe, aínda que algúns fagan esforzos por homologalo no contexto estatal.

Houbo nerviosismo, poño por caso, cando Iolanda Díaz se precipitou a descartar unha posible candidatura de Beiras pra as autonómicas. Nin estabamos nese momento debatendo esa cuestión, nin Beiras se postulara, nin foi moi elegante suscitar esa polémica por parte de quen, sendo deputada no Parlamentiño, decidiu abandonalo de gholpe pra entrar na política estatal. E iso sen que daquela ninguén dese un chío, por prudencia.

Na argumentación contra a necesidade dun grupo parlamentario propio, houbo respostas ás veces pouco reflexivas e nerviosas, como xa se recoñeceu no seu día. Non era unha cuestión menor. Moitas persoas, que votaron En Marea o 20D procedían da esquerda nacionalista, militancia concienciada, e agora decidiron absterse. As forzas federalistas da coalición infravaloraron ese «factor apache» ao rechazar a proposta de legalizar En Marea como partido instrumental.

E cando se dan por sentados uns logros recentes, os de En Marea o 20D, como se fosen irreversibles, e hai quen se dispón a facer non xa reformas e melloras, senón a inventar outro discurso en paralelo, véxase Marea Atlántica e o seu proxecto Mareas en Común –que algúns entenderamos como unha iniciativa pola base pra perfeccionar o espazo En Marea–, estase introducindo unha confusión e dispersión de forzas que non sei se achacarlla á inmadurez política ou ao nerviosismo de parte. Agora a dereita ten o detalle de lembrarnos algo moi simple: que eles seguen aí, preparados e velando armas.

Estas e outras tensións nerviosas foron moi ben aproveitadas pola prensa do réxime, que mantivo durante semanas titulares en portada sobre En Marea referidos exclusivamente ás friccións e desencontros entre as diferentes familias políticas que a compoñen.

Ultimamente fálase moito de patas, quizais porque o Partido Animalista vén peghando forte. Tres patas, mal asunto pra camiñar. Falemos claro. En realidade agora mesmo son dúas: unha estatal e outra galega. Se alguén pensa que podemos ir ás autonómicas cunha candidatura que non poña en primeiro termo o recoñecemento de Galicia como un Sitio Distinto, ou sexa como nación, En Marea sufrirá un esboroamento estrondoso.

Agora ábrese un período crucial. Cómpre ser elegantes, é dicir, honestos e sinceros no debate interno de cara ás autonómicas. E as vías da recuperación e reagrupación de forzas obrígannos a facer tres traballos urxentes:

Poñer en marcha xa de vez un comité de elaboración de programa que recolla propostas procedentes de todos os sectores e recantos do país. Non sería digno dunha alternativa que pretende gobernar Galicia saír á campaña sen un conxunto de propostas elaboradas e con fundamento. Limitarse a dicir que somos a xente de abaixo non é suficiente. As persoas que formen as candidaturas teñen a obriga de coñecer os conflitos, os problemas, as necesidades concretas, e as respostas que o programa ofreza.

Organizar unhas primarias abertas con todas as garantías e a máxima transparencia, nas que poidan participar todas as persoas activas e censadas, sexan afiliadas dos partidos ou pertencentes ás Mareas. Unhas primarias sen letra pequena nin trucos de control dos distintos aparatos. Hai quen fala moito dunha candidatura de consenso. O maior consenso obtense nunhas primarias. E os falsos consensos de cúpulas, arrombando líderes e referentes a eito en favor de supostos «merlos brancos», levaron a outras forzas ao desastre político.

Reconfigurar a mesa coordinadora de En Marea, pra que as Mareas municipais teñan voz e voto co respaldo das asembleas comarcais, de xeito que a tendencia horizontal predomine e poidamos facer real a participación cidadá plena. Todo o poder prá asemblea xeral de En Marea. Máis democracia é sempre máis intelixencia colectiva.

As mareas teñen abalo e debalo. Este debalo xa pasou. Agora cómpre traballar dende a fraternidade e sen nervios pra o tempo de abalo no outono.

Avante En Marea!!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.