Os lectores de Praza Pública coñecen o “Caso Retablo”: a trama corrupta organizada por dous funcionarios da Xunta en connivencia con empresas de restauración de arte sacro e a cooperación de certos clérigos. Así quedou – ao noso parecer – demostrado tanto á vista da documental existente e as declaracións testificais que constan nos autos como nas transcripcións das intervencións das escoitas telefónicas realizadas aos principais investigados na trama.
Asombrados e tristes quedamos ao coñecer o Auto da Audiencia Provincial da Coruña que impide á Fiscalía e á Asociación Veciñal de Paraños formular acusación contra o expárroco de Paraños (Juan Sobrino Pino), o anterior bispo de Tui–Vigo (José Diéguez Reboredo) e máis outro clérigo responsable da economía da diócese (Benito Estévez Domínguez).
A Asociación Veciñal de Paraños decidiu denunciar perante a Fiscalía, hai xa sete anos, a venta da Casa Reitoral da súa parroquia debido ás irregularidades existentes na mesma, e a sospeita que as mentiras proferidas polo párroco Juan Sobrino Pino e o bispo Diéguez Reboredo, descubertas pola veciñanza, agochaban algún tipo de suborno xa que o beneficiario das irregularidades era un funcionario da Xunta con competencias na adxudicación das obras de restauración dos retablos das igrexas do sur de Galicia.
Asombrados e tristes quedamos ao coñecer o auto que impide á Fiscalía e á Asociación Veciñal de Paraños formular acusación contra o expárroco de Paraños , o anterior bispo de Tui–Vigo e máis outro clérigo responsable da economía da diócese
Cando a Asociación Veciñal de Paraños presentou a súa denuncia nada sabía da existencia dun procedemento penal aberto contra esas persoas como consecuencia de denuncias anteriores doutras empresas de restauración, nin que houbera teléfonos intervidos, nin que a Policía estivera a piques de interrogar aos clérigos que tanto dano causaron na parroquia.
Ao xuntarse a nosa denuncia coa anterior agromou totalmente a trama delictiva, que tivo o seu cumio na presunta venta (a prezo xa de si irrisorio) da Casa Reitoral ao principal protagonista da corruptela, o funcionario Carlos Gómez-Gil Aizpurúa.
A defensa de Juan Sobrino Pino e de José Diéguez Reboredo mantiveron que a Casa Reitoral non foi regalo ao funcionario e que o prezo baixísimo era acaído porque a casa estaba en ruinas. Polo contrario, a Asociación Veciñal presentou fotografías que amosaban o bo estado da Reitoral xusto no momento en que o funcionario tomo posesión dela, aportou outros documentos que evidenciaban o prezo ridículo escriturado (60.000 euros por 300 metros cadrados de vivenda e media hectárea de finca), e aínda máis importante, tal e como contou Praza Pública, a declaración prestada por María Ferreira (a veciña que atendeu desde moza á Casa Reitoral, a igrexa e a todos os párrocos que pasaron por Paraños) e que coñecendo que lle quedaba pouco de vida solicitou contar que ela estivera vivindo na Reitoral mentres arranxaban a súa casa – xusto antes da ocupación de Carlos Gómez Gil Aizpurúa – e que a mesma estaba en bo estado.
Que agora a Audiencia Provincial aluda a esa declaración e a aquelas fotografías para inferir xusto o contrario do que demostran resulta sorprendente e frustrante
Que agora a Audiencia Provincial aluda a esa declaración e a aquelas fotografías para inferir xusto o contrario do que demostran resulta sorprendente e frustrante. Tamén nos asombra que non se teña en conta a escoita telefónica do 1 de xullo de 2009 na que o párroco de Paraños Juan Sobrino Pino e Carlos Gómez-Gil Aizpurúa deciden que ante as posibles preguntas que inquiran polo motivo dun prezo de venta tan baixo non se pode dicir “que fue por los servicios prestados” senón “les podemos decir que la casa estaba en ruinas”; igual consideración mérecenos a non toma en consideración da charla entre Gómez-Gil Aizpurúa e Benito Estévez do día 31 de xullo de 2009 onde se evidencia a vontade do Bispado de non cobrar nada pola Casa Reitoral ademáis de recoñecer “nosotros por tus servicios y tal, saltamos a la torera una serie de cosas...”
Poderiamos refutar todos os argumentos exculpatorios dos clérigos realizados pola Audiencia Provincial, pero xa non tería consecuencias procesuais. Gardámoos para mellor ocasión. Ese Auto que libra do banquillo ás persoas que enganaron aos veciños de Paraños tamén contradí as opinións de coñecidos penalistas, entre eles, curiosamente, o do profesor de dereito penal do maxistrado ponente dese Auto.
Poderiamos refutar todos os argumentos exculpatorios dos clérigos realizados pola Audiencia Provincial, pero xa non tería consecuencias procesuais
Noraboa aos afortunados. O seu avogado non se cansou de alegar na defensa de Juan Sobrino Pino, José Diéguez Reboredo e Benito Estévez Domínguez que “mentir no era delito”. Coidado, que se comparecen no Tribunal como testemuñas a mentira está penada con prisión. E aínda lembramos un cartaz pendurado pola Asociación Veciñal de Paraños perto da igrexa: “Señor cura, mentir... é pecado?”
Dicía que tamén causa tristeza ese Auto. Cáusaa porque sete anos despois xa non hai xustiza posible, porque non hai ningunha xustificación para tanta demora. Porque neste tempo algúns dos veciños maiores que tanto apoiaron á Asociación para interpór a denuncia contra aquelas persoas que tanto dano moral lles causaron xa non están entre nós. Non só María Ferreira, tamén falta o sacristán Gabino, e Carmen, Maruxa de Paramios, Arxentina, Sara, Leonisa, Deolinda ... e varios máis. Eles xa non están. E levaron consigo a decepción causada por Sobrino Pino e Diéguez Reboredo.
Por último, agradecemos ao Concello de Covelo o apoio mostrado á Asociación, manifestado en dúas mocións (unha do PP e outra do BNG) aprobadas por unanimidade por todos os concelleiros sen distinción de grupo político.