Remember Ventura

Estes días ando contento porque atopei un libro que levaba anos buscando. Trátase dunha das obras de historia económica de Galicia que mellor explican porque no noso país non chegou, a diferenza doutras zonas europeas, e mesmo doutras zonas do Estado español, Catalunya ou País Vasco, a ter a súa propia revolución industrial. Falo de El atraso industrial en Galicia, cuxo autor é o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, Xoán Carmona Badia. Foi editado en 1990 e extraviara, xa fai tempo, o exemplar que mercara e subliñara con pasión. Despois de dez anos, logo de preguntar en innumerables librerías, procuras por internet, preguntar por alguén disposto a vender o que tiña, atopeino case de casualidade nunha librería de vello de Valencia. O libro céntrase no acontecido no sector téxtil, o liño, pero noutras obras o profesor Carmona abarca o estudio o sector da conserva ou a curtidoira, o ferrocarril ou o auxe da produción de gando durante a peste bovina que asolou boa parte de Europa no século XVIII.  Os libros e artigos de Carmona, como os dos profesores Fernández Prieto ou Ramón Villares, axúdannos a entender o noso pasado, e creo, mais ben estou convencido, tamén a entender o noso presente. Son un firme defensor naquel dito, que podería ser a sinal de identidade das facultades de Historia, que reza que quen non coñece a súa Historia está condenado a repetila. Vale para cada un de nos como persoa, vale para o noso Pobo, para os Pobos.

A Historia debería ser unha materia que dominaran os nosos políticos e políticas, Historia que ten que ver con recordar, e os recordos as veces hai que buscalos nas hemerotecas, fonte de sorpresas e fonte tamén dunha necesaria humildade, xa que as vellas páxinas dos xornais as veces fannos ver que camiños que para nos semellan novos xa foron transitados en mais dunha ocasión, e case sempre co mesmo resultado.

Toda esta reflexión vén a conto do tema que ocupa a mente de calquera persoa interesada no devir político nos próximo meses, sexa o centro do interese o que vai acontecer en Madrid, logo das pasadas eleccións, cunha situación de reparto de escanos inédita na historia da democracia española,  sexa o que vai acontecer en Santiago de Compostela, nun horizonte de apenas tres meses.

Todos e todas andamos buscando a explicación de porque a suma de dous mais dous non foi cinco, tal e como desexábamos, nin sequera foi catro, quedándose en apenas un 3,3… En Galicia, no que a unidade xa se dera, os meses que transcorreron entre o 20D e o 26X significaron para En Marea a perda de mais de sesenta mil votos, baixar do 25,04% ao 22,18%, deixándose polo camiño un senador e un deputado, e perder a segunda posición a favor do PSdG-PSOE, aínda que apenas por un milleiro de votos. Nos nosos pagos non vale a explicación de que foi a unión de dúas partes o que restou, aquí xa se demostrou que o resultado de xuntar forzas é moito mais que dous, e demostrouse mais dunha vez.

E na procura dalgunha resposta, fora das ocorrentes, das inconsistentes e das irrelevantes que tanto abundan atopei uns recortes de prensa de hai mais de doce anos anos. Eses recortes falaban da moción de confianza que Ventura Pérez Mariño perdeu a finais de 2003 en Vigo. Vou tomarme a liberdade de recordar a historia, para quen non a coñeza ou para quen a teña esquecido. Ventura Pérez Mariño, hoxe xuíz retirado, fora tentado, xunto con Baltasar Garzón, polo PSOE para a política, chegando a ser elixido deputado en 1993, como independente. O seu paso polo Congreso foi breve: un par de anos despois, o antigo xuíz de Audiencia Nacional, dimitiu pedindo a voces, isto é metáfora, a dimisión de Felipe González.

En 1999 as eleccións municipais en Vigo deran como resultado unha esmagadora maioría da esquerda: 8 concelleiros para o BNG, encabezado por Lois Castrillo e 7 concelleiros para o PSOE encabezado por Carlos Príncipe, que xa fora alcalde entre o ano 1991 e 1995 grazas ao veto que Esquerda Galega impuxera sobre o compañeiro Soto. Recordo o mitin do peche de campaña en Vigo, rodeado de amigos e amigas, co pavillón do Berbés ateigado ata a bandeira, cun Beiras pletórico ante unhas eleicións que se sabían que depararían uns resultados históricos para o nacionalismo. Houbo un pacto e durante catro anos os que formaron parte daquel goberno curtíronse na difícil arte da convivencia, na que non faltaron, metaforicamente, labazadas, rabuñadas e patadas de todo tipo. En 2003 os aires novos de Zapatero ofrecéronlle unha segunda oportunidade a Pérez Mariño, naquel momento xuíz en Vigo. A boa imaxe social do xuíz fixo mudar os resultados da esquerda e o PSOE obtivo o 28% dos votos (4,5 puntos mais que nas eleccións precedentes), o que lle deu 8 concelleiros. O BNG mantivo a súa porcentaxe, case un 25%, pero perdeu un concelleiro quedando en 7. Voltou a formarse goberno, desta vez con Pérez Mariño, o candidato do PSdG-PSOE, como alcalde.

Non teño os datos pero a alcaldía de Ventura Pérez Mariño debeu ser unha das mais breves da historia municipal deste país, cando menos nunha cidade do tamaño de Vigo. Os problemas dos socios da coalición comezaron mesmo antes da elección do alcalde e nos meses seguintes non fixeron mais que incrementarse. Catro ou cinco meses despois, podedes revisar as hemerotecas se sodes uns maniáticos ou maniáticas das datas, o BNG forzou unha moción de confianza, logo de que foran cesados dos seus cargos no goberno os seus concelleiros, e esa moción deu lugar ao goberno da popular Corina Porro. Aínda que en 2005 tanto Ventura Pérez Mariño como Lois Castrillo deixaron o concello Corina Porro rematou o seu mandato dando paso ao actual alcalde de Vigo, o inefable Abel Caballero. Non vou entrar aquí en discutir si a ruptura do pacto foi a única decisión que a asemblea local do BNG podía na altura tomar. Persoalmente o dubido. O que si podo dicir é que a cidadanía viguesa, a cidadanía que votara a unha opción nacionalista e de esquerdas nunca entendeu como a súa cidade estaba gobernada por un partido conservador que tiña obtido o 33% dos votos, cando a suma do PSOE e o BNG era superior ao 52%. Non o entenderon os votantes do BNG en Vigo nin o entenderon noutras partes de Galicia. Daquela época recordo as discusións co meu pai tremendamente enfadado nas que eu defendía coa convición do militante a actuación do BNG. Nin que dicir ten que non fun en absoluto capaz de convencelo sobre a bondade do proceder dos daquela compañeiros.

Todas e todos sabemos como foi a evolución electoral do BNG na cidade mais grande de Galicia. Nas seguintes eleccións, 2007, o BNG acadou 5 concelleiros, cunha perda do 25% dos seus apoios, en 2011 acadou 3, unha perda do 50% dos apoios de 2003, e en 2015 quedou sen representación, non acadou sequera un 5% dos votos.

Falo de Vigo porque o coñezo de primeira man, pero os casos semellantes abundan: un sonado sería o de Málaga, no que en 2003 a imposibilidade do pacto entre IU e PSOE, que sumaban 16 concelleiros (9 de IU e 7 do PSOE) facilitou o goberno do PP, Celia Villalobos, con 15 concelleiros. Hoxe en día o PP sigue gobernando, co apoio de Cidadáns, logo de encadear catro maiorías absolutas.

O votante de esquerdas, o votante progresista, vota para ter un goberno que mude as cousas, unha boa parte deses votantes non queren que o seu voto sirva exclusivamente para respaldar espectáculos no Congreso. Unha boa parte dos votantes de En Marea, de Podemos, de Izquierda Unida non comparte cos dirixentes desas forzas que o PSOE e o PP, tal e como adoitábamos berran en innumerables manifestacións “A mesma merda é”. Desculpade a expresión.

Podemos anda estes días analizando o que pasou, sei que van facer un estudio demoscópico para profundar na análise. Supoño que iso dos estudios demoscópicos é unha especie de versión postmoderna, ou deconstruida, daquelas comisións e comités que a vella esquerda montaba para facer análise, cuxas conclusión materializábanse nuns documentos tan sesudos como inútiles. Un pouquiño de Historia, un chisco de hemeroteca, uns chorros de rúa e un pouco de tentar entender a quen nos vota, non a quen participa en asembleas e demais reunións das que tanto gusta á parroquia emerxente,  proveríanos, seguramente, de conclusións mais acaídas.

Pero en fin, sempre é mellor perder o tempo en estudios que en tirarse os trastos, que é o que por estes pagos parece que se estila nestes tempos: buscamos culpables no canto de buscar solucións. Feijoo respirará tranquilo mirando o casco vello compostelán dende a residencia oficial de Monte Pío… si xa me fan eles o traballo porque me vou preocupar pensara.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.