A toupa morcega de Tremoedo

Morcega é unha caste de toupa que habita os viñedos de Tremoedo. Coma tódalas toupas, é xorda e cega; e coma case todas, tamén invisible. Unha cousa que vive e que non se ve, que diría Rosalía. Pero a diferencia das demais, a morcega é mais impoñente có león do Serengueti, mais feroz có diaño de Tasmania e mais mortífera cá mamba negra de Botsuana. Se tes a desgraza de dar cunha delas hasme dar a razón, se é que sobrevives. O nome de morcega púxenllo eu, e teño enviada a solicitude de recoñecemento á comunidade científica para a súa pertinente validación. Púxenlle Morcega por amolar e facer de menos, recoñézoo; pero é que houbo un tempo no que a mala pécora estivo a piques de facerme estoupar os miolos. Non é que agora nos levemos ben nin vaiamos xuntos á taberna, pero demos a guerra por rematada e asinamos unha especie de armisticio entre os dous: O aire ata o ceo é meu, e dela é a terra ata o inferno. Entremedias, unha cuarta por riba chan e outra por embaixo, é zona de exclusión de hostilidades: poderei manter o meu céspede a risco e ventura das toupeiras que ela precise para a construción dos seus túneles.

A nosa retesía ven de tempo atrás. Unha mañanciña primaveral, logo de erguer, mirei pola ventá para verlle a pinta ao día, e o que vin foi o pequeno xardín da casa estrado de toupeiras. Refunguei contrariado contra o cristal. Hai unha toupa no xardín, díxenlle á muller, que se espreguizaba aínda entre as sabas. “Boh ... vaia novidade! ... non é a primeira nin ha ser a última ... e deixa durmir á xente, que es un apurado“, contestoume ela, agochando a cara debaixo da almofada e apertando forte, para que a claridade non a cegara. Pois levaría ela razón, que se cadra non era a primeira vez, pero eu nunca repara nelas. Vestinme ás carreiras e antes de almorzar nada, saín ao xardín cunha sacha a desfacer aqueles moricos de terra negra. Primeiro procuraba a boca do volcán, logo metía por alí a terra que coubera e a que sobraba, que sempre sobraba, esparexíaa con tino polos arredores, mirando de non escarallar mais céspede do que xa ía aló e non tiña remedio.

Despois deste aciago día viñeron moitos outros, ela a facer toupeiras pola noite e eu a desfacérllelas polo día. Isto non vos era vida! Escoitei os consellos dos sabios do lugar e puxen botellas de vidro en ferros espetados no chan, metín nos buratos das toupeiras goma de mascar envelenada en bolsiñas de cores; utilicei enxeños mecánicos de última xeración que introducía nas autoestradas subterráneas, uns tipo tesoira, outros tipo arpón e outros mais con lazo para esganar; fíxenme no mercado negro cunha toupa adulta, practiqueille un corte no lombo, boteille sal gorda na ferida e metina dentro nunha das toupeiras. Nada que vai a ningures! Estaba claro, Morcega era unha toupa estudada e sabía da misa a media.

Daquela veume á mente a imaxe de Aurora da Eirexe, a mais grande cazadora de toupas que deron as beiras do Río Grande: inmóbil no abrente, chantada no medio da horta e co queixelo apoiado no mango da sacha, asalando calquera movemento telúrico na súa redonda. Intentei arremedala, pero axiña desistín; pois non tiña nin a súa paciencia nin a súa sabedoría, e por riba, a xente que pasaba pola estrada e me vía alí tan cedo e coa sacha, deu en falar e o conto chegou á taberna ...

A liorta foi a mais e xa no cume da rabia e desesperación chegou o episodio do intento de anegar as terras todas de Tremoedo. Un día, namentres regaba as gardenias, pensei: E se meto a mangueira nun dos buratos...igual as fago saír para fóra... Meu dito meu feito. Enchufei a mangueira e sentei a esperar que o burato enchera e cuspira as toupas cara arriba. Pero o burato semellaba non ter fondo, e despois dun bo anaco, xa canso de esperar que a auga rebordara, decidín marchar e deixar a mangueira alí espetada. O meu fillo, que é home letrado, riuse da miña teimosía. Mira que es parvo, papá... de verdade pensas encher de auga o burato da toupeira? Xa podes baleirar aí o mar e nin así... Se estudaras... Se estudaras saberías que levas as de perder, e que das na túa cabeza... aí embaixo está o inframundo e mailos seus cinco ríos...mais che vale deixar as toupas en paz...

Vaia, ho! Falou a vaca e dixo mu! Cun aprobado raspado en Naturais e xa me ven dando leccións! Por suposto, non lle fixen caso e deixei a mangueira cichando auga sen traza (tamén é certo, a factura pagábaa miña sogra). Pero de noite, a toupa Morcega aparecéuseme nun pesadelo e díxome que non esquecera que cando a hora postremeira me chegara, tamén eu pasaría a habitar o inframundo, e que daquela xa falariamos... Ostras! Que mal corpo me deixou a fera corrupia!  Pola mañá cedo , vestinme ás carreiras e antes de almorzar nada, saín ao xardín e saquei a mangueira do burato.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.