0 Gardados para despois

Noa Presas

Soberanía, saúde e cousas de comer. Exemplo práctico

Unha constante nos moitos debates abertos naqueles espazos nos que traballamos as soberanistas é acharmos a mellor forma de explicar por que da análise da realidade concluímos que o social e o nacional son dúas loitas indisociábeis e que calquera saída para mellorar as nosas condicións materiais de vida ha vir, necesariamente, da súa combinatoria, sen cesións. Máis aínda nun contexto no que se dan dous factores. Un, unha vaga de acción política na que todo ten que coller nun tweet, e acabamos caendo no bucle dunha síntese mesmo excesiva. Outro, a filia coa unidade pola unidade, aliados para todo con ningunha premisa e obxectivos poucos ou nada definidos. Como para todo, o mundo do traballo danos exemplos para tirar conclusións.

As persoas que acreditamos en que situar en Galiza o centro de decisión daquilo que nos afecta é a única saída posíbel aos problemas da clase traballadora facémolo analizando e observando a nosa realidade, cada unha a súa. Sumar exemplos prácticos será imprescindíbel para saír das abstraccións, achegar persoas ás análises, ás conclusións e aos diferentes campos nos que aplicalas para sumar forzas e esixirmos solucións. A convocatoria de folga para os centros de chamadas que fai a CIG este luns 11 de xullo dá, precisamente, moitos exemplos. Resumindo moito:

Sumar exemplos prácticos será imprescindíbel para saír das abstraccións, achegar persoas ás análises, ás conclusións e aos diferentes campos nos que aplicalas para sumar forzas e esixirmos solucións

A razón da folga: o convenio estatal de Contact Center venceu a finais de 2014 e a negociación está bloqueada, por interese dunha patronal cómoda no limbo da reforma laboral e por inacción do sindicalismo centralista, que nin está nin se lle espera mentres a situación dos traballadores empeora. O papel dos sindicatos debera ser concienciar sobre a situación, mobilizar aos traballadores e presionar a patronal para mellorar as condicións laborais e non ceder dereitos. Iso é o que está facendo a CIG. 

E a unidade non sería mellor? Sería. Desde 2014 houbo oportunidades para unha unidade de acción sindical e conseguir un convenio digno. Meses e meses de oportunidades perdidas porque os sindicatos estatais maioritarios non teñen interese. O que non pode haber é parálise.

E a soberanía para que? Por exemplo, se a negociación do convenio fora galega, non estatal, a correlación de forzas sería favorecedora. Máis cercanía no ámbito de negociación favorece tamén o proceso en si mesmo, por exemplo, o sindicato nacionalista defende que sexa negociado e ratificado en referendo tendo os traballadores a última palabra. Neste caso concreto, a CIG é a forza maioritaria no país pero pesa máis o que decidan CCOO e UGT en Madrid. E habería máis exemplos prácticos: forzar a derrogación da reforma laboral, decidir que empresas con sede galega atenden os teus servizos públicos con atención telefónica, crear postos de emprego coa atención en lingua galega, aproveitar a lusofonía, etc.

Máis cercanía no ámbito de negociación favorece tamén o proceso en si mesmo

Cuestión de saúde? Tamén. Poñamos un exemplo práctico do que pretende a patronal e só parece escandalizar ás nacionalistas: reducir as paradas visuais obrigatorias á metade. Unha teleoperadora descansa obrigatoriamente 5 minutos cada hora. Imaxinade estar sentadas dúas horas, falando moito (polo tanto, bebendo bastante), mirando a pantalla, pensando, resolvendo… e poder erguerte, estirar as pernas e ir ao baño só 5 minutos cada 120 (ou máis, se estás nunha chamada, terás que rematala).

O problema é só o convenio? Nin de lonxe. Coa facturación do sector que declaran os datos oficiais da ACE vemos como a facturación acadou en 2014 a contía de 1.730 millóns, porén, a patronal propón que a suba salarial do xa pasado 2015 sexa do 0% para lucrarse a conta do escravismo. O problema de fondo é o modelo económico capitalista, con consecuencias agudizadas no noso país pola situación de dependencia, pero o convenio é un exemplo da necesidade de organizarse para combater unha realidade que pode ser transformada. Tamén da importancia de facelo desde as forzas políticas propias, no sindical e no político, sumando colectivos e individualidades para facer a loita soberanista e de esquerda máis forte e presionar coa mobilización social para conseguir xustiza. 

É responsabilidade nosa asumir que vale máis un exemplo que mil palabras, falar máis deles e menos das abstraccións.

Pero din que o nacionalismo só fala de vacas e peixe. E falará, de vacas, de peixe, de residuos, de contratos en falso, da investigación, do feminicidio, da automoción, das pizarreiras, e tamén disto. De todo o que afecte ás persoas deste país. Por que si, éche así, na Galiza a saúde e as cousas de comer deféndense desde o soberanismo e sobran os exemplos prácticos. É responsabilidade nosa asumir que vale máis un exemplo que mil palabras, falar máis deles e menos das abstraccións.

Acerca de Noa Presas

Executiva Nacional do BNG. Mesa Nacional do MGS