A historia interminable

Penso que na actualidade á UPG estalle ocorrendo algo semellante ao sucedido no ano 1981-82. Naquela época desangrabase de militancia, de tal xeito que a propia ANPG, unha organización nacionalista de masas de óptimos comezos e desenvolvemento, esmorecía sostida polos brazos dunha UPG que a mantiña con respiración asistida ao converterse nun espello de si mesma. Entre os que nos fóramos por desacordo coa UPG, os que marcharan procurando outros espazos organizativos e os expulsados por esa máxima estaliniana de que o partido refórzase depurándose, eramos xa un bo feixe, pero por riba non eramos calqueira, se non na súa maioría cadros e dirixentes das distintas estruturas do que chamabamos Movemento Nacional Popular, persoas que levábamos moitos anos de militancia e loita na clandestinidade e que polo tanto tíñamos a política nos miolos e non nos íamos ir para a casa. E así foi como uns por un lado, outros por outro, impulsábanse xuntanzas e grupos alleos a unha UPG noqueada.

Noqueada pero non acabada, entón, houbo alguén nela que comprendeu a situación na que se atopaban e o perigo que corrían se ademais  da recén formada competencia de Esquerda Galega engadíase agora a confluencia destes grupos illados con experiencia e capacidade organizativa dabondo para montar outro partido nacionalista (cousa que seguro sucedería), e tivo a sensata idea  de propor facer todo o contrario ao de Amio e “do que se se van que se vaian” pasou ao “se non están temos que xerar un achegamento”. Pero para conseguir ese achegamento a UPG tiña que sacrificar nada menos que a ANPG, porque ninguén aceptaríamos como organización independente o que se convertera xa nunha UPG bis.

Non sei quen ou quenes foron os da idea, pero a miña casa chegou unha persoa da UPG e boa amiga miña que me propuso  volvernos a reunir os nacionalistas nunha nova organización de unidade acordada,  e como no meu caso foron a outras persoas, incluído o Beiras, pero sobre todo independentes que naquel intre  consideraban que tíñamos certo prestixio en grupos concretos. A condición para aceptar a oferta pola nosa banda foi clara, que o chamamento de achegamento debería ser sen exclusións ningunha, e así foi. Alí participou o que quixo,  o que non evitou  que houbese autoexclusións, máis o proceso  iniciouse cunha xestora de todos os achegados, coa UPG como tal e como un máis, como debía ser desaparecida a ANPG.

Así xurdiu o BNG, que como a ANPG tivo os seus momentos de gloria pero ao final quedou fagocitado novamente pola UPG o que deu lugar a outra fuxida de militancia que tampouco se foi para casa, que tamén  teñen a política nos miolos e experiencia suficiente para impulsar, como así estano facendo, grupos e organizacións, de xeito que ao final poidan atoparse e callar nalgo concreto cando o BNG atópase na máis absoluta marxinalidade ata o extremo de que xa non se sabe onde pode rematar o seu teito mínimo de votantes, e polo tanto  sen máis vida da que lle dá a UPG  polo que, como ocorreu coa a ANPG, o BNG xa non serve como elemento de unidade.

Do que se trata, entón, é  como no 82  volver ao principio e repetir a historia: que a UPG apareza como tal. Para iso, fai falla que outra vez no seu interior xurda un “Salgueiro Maia” que diga “ata aqui chegou” pero rematouse, e como ocorreu coa ANPG disolva o que xa é unha entelequia, parásita da UPG, e preséntese como no 82 sen prexuizos ningúns, como o que son, a UPG, un partido máis entre todos. Abra as murallas do seu nacionalismo de “liña correcta” e póñase a disposición de contribuír (non controlar) a un achegamento xeralizado que xunte todas as mans dos galegos que o desexen, sen exclusións,  dende o monte ata a praia, dende a praia ata o monte, como dicía o poeta, coa intención de acadar   unha unidade na diversidade. Unidade na consideración dos dereitos políticos de Galiza como nación, diversidade no respecto ás ideoloxías democráticas de cada quen.  

Se como parece evidente a envergadura do plantexamento é imposible facelo no escaso tempo para unhas eleccións autonómicas, debería pensarse potencialo  coa calma suficiente posteriormente a elas e crear amplos espazos que xeren galegos de conciencia cunha metodoloxía, como dicía Manuela Carmena de sedución, e non de crispación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.