Paisaxes antes da batalla: o electoral e o social, espazos converxentes

As eleccións do 26 X parecen deixar un escenario cheo de dúbidas e incertezas. Cómpre analizar este escenario complexo atendendo a múltiples variables, tendo en conta que as eleccións son un espello distorsionado. Constitúen un dos terreos nos que se expresan os conflitos entre clases que atravesan a sociedades, pero non o único. O espello electoral devolve unha imaxe, ás veces desenfocada, que reflexa parcialmente a correlación de forzas entre clases. Por veces, funcionan como elemento catalizador da mobilización e supoñen un avance no proceso de construción dunha clase consciente. Outras, en troques, actúan como freo e ralentizan os procesos.

O ciclo electoral que se abre coa irrupción de Podemos nas eleccións ao parlamento da UE en maio de 2014 e as Candidaturas de Unidade Popular un ano despois, ven a pechar un ciclo de intensas mobilizacións que arrancaron no 15M, se expresaron con moita forza nas loitas pola defensa dos servizos públicos (as mareas branca ou verde), na loita da PAH contra os desafiuzamentos, no asedio ao Congreso e que tiveron o seu momento álxido no mes de marzo de 2014, coas multitudinarias Marchas da Dignidade de Madrid. A constatación do bloqueo institucional co que se atopan todas as mobilizacións e a aparición dun referente electoral de ruptura abren a posibilidade de superar ese bloqueo institucional, baleirando ás rúas para encher as urnas, xerando ilusión ante unha fiestra que se abría.

En Galiza, a aparición de AGE en 2012 resultou precursora deste ciclo, plantexando novas formas de facer política e a suma de actores diversos, cun modelo de unidade popular, trasladando o conflito ao terreo institucional. Cando as tensións por arriba e o fracaso á hora de constituírse en suxeito político común parecían amosar o esgotamento do que non pasou de ser unha coalición de partidos, as eleccións Municipais do 25 de maio de 2015 sinalaron un novo camiño, a confluencia por enriba de siglas e identidades, que demostrou a súa capacidade para derrotar ao bipartidismo. Porén, o modelo político creado polas Mareas, coa súa diversidade, amosou moitas dificultades á hora de trasladarse da realidade local ao marco nacional. 

Os ritmos acelerados impostos polo calendario electoral condicionaron a sinatura dun acordo entre partidos, os dous constituíntes de AGE, IU e Anova, coa incorporación de Podemos, xestionado de forma pouco transparente. Sen embargo, esta alianza por arriba representaba unha promesa, contiña unha esperanza de apertura e construción por abaixo que superara as limitacións do acordo inicial. A condición necesaria para impulsar un espazo común pasaba pola ampliación e pola apertura á participación democrática de actores sociais e políticos  heteroxéneos.

As eleccións do 20D transformaron esta promesa nunha posibilidade material, coa mobilización nunha campaña que ilusionou e chegou a desbordar, aínda que con limitacións, as estruturas partidarias. Tras uns resultados históricos, que removían o taboleiro político galego cun sorpasso ao PSOE e a case desaparición electoral do BNG, os meses transcorridos até xuño poden cualificarse de oportunidade perdida. En Marea parecía repetir o rumbo de AGE, sen un proceso constituínte, sen mecanismos de participación democrática máis alá dunha consulta telemática e unha Asemblea tardía e carente de capacidade decisoria. A promesa dunha política por abaixo ficou reducida a un grupo parlamentario con moitas tensións e pouca capacidade de intervención na política estatal e a unha mesa coordinadora bloqueada polos desacordos, externos e internos, dos partidos que a conformaban.

Nestas condicións, e incluso coa continuidade da coalición no aire, a campaña das novas xerais de xuño non partía das mellores bases posíbeis. A estratexia de campaña fiouse a un pacto de non agresión entre as forzas da coalición cunha visión estreita do reparto de cotas e protagonistas que lembraba máis a unha vella política de notábeis que ás novas formas de representación impulsadas polo 15M. Unha campaña sometida a unha férrea centralización para asegurar que en ningunha parte puideran saltarse o reparto de cotas entre os partidos, aínda que desa maneira asfixiasen a iniciativa dende abaixo e desalentasen a participación. Asemade, produciuse un baleiramento de contidos nas mensaxes, cunha moderación do discurso que deixou de lado cuestións programáticas importantes na anterior campaña, como a plurinacionalidade. Pecouse dun concepto comunicativo-discursivo da política, dunha mercadotecnia que fuxía das arestas en aras dunha superficialidade autorreferencial. Sen uns puntos programáticos firmes, que incidan na raíz dos problemas (auditoría da débeda, socialización da banca, feminismo, control democrático da economía), os sorrisos por si sós non conseguen mobilizar ao electorado. A campaña non serviu para reforzar a identidade de En Marea, senón para poñer sobre a mesa, salvo as contadas excepcións dalgúns comités de campaña, as diferencias entre partes, o choque entre identidades vistas como rivais e non como complementarias. A campaña electoral non supuxo ningún desbordamento, senón que resultou rutineira, de baixa intensidade e pouco mobilizadora, como se viu na baixada nas cidades do Eixo Atlántico onde En Marea tiña os seus bastións electorais. 

Porén, o ciclo electoral non rematou no noso país, a diferencia do resto do Estado agás Euskadi. As eleccións de outono plantexan incertezas, pero tamén potencialidades. A posibilidade de exercer a autocrítica, de analizar e debater colectivamente os erros do pasado pon as bases para corrixilos e estar en disposición de disputar, con máis forza, a Xunta ao PP. Para  impulsar o debate sería bo convocar unha Asemblea de En Marea que analice os resultados das eleccións e propoña solucións ás eivas do proceso, poñendo en claro en común os novos pasos a dar. Nese sentido, resulta un paso adiante importante o manifesto que veñen de publicar os alcaldes de A Coruña, Ferrol e Compostela, apostando por unha conxunción máis ampla que a suma de partidos, por unha ampliación e democratización de En Marea, con novas metodoloxías e estruturas.

Mais cómpre ir un paso máis alá e incidir nas que, ao noso xuízo, deberían ser as pautas a seguir para impulsar o proceso de converxencia de abaixo a arriba. Fai falla unha implantación territorial de En Marea para chegar a máis ámbitos, como poñen de manifesto os cativos resultados acadados no rural. É necesario xerar espazos asemblearios, horizontais, que recollan propostas e teñan capacidade decisoria. Nese sentido, as Mareas Municipais, grandes e pequenas, deben xogar un papel maior, como estruturas de converxencia no ámbito local. Cómpre unha maior vertebración e coordinación entre niveis locais e comarcais e o nivel nacional. Resulta fundamental dar canles de participación ás maiorías sociais, establecer mecanismos de control democrático pola base, para que estas estean realmente representadas. Precisamente, temos que ser quen de poñer sobre a mesa dous puntos cruciais que quedaron sacrificados no altar do pragmatismo: unhas auténticas primarias abertas e proporcionais que respecten as minorías e un programa colaborativo no que participen os actores sociais do país. Os acordos e as negociacións teñen que ser públicos e transparentes, saír da escuridade dos despachos á luz da rúa. Se queremos construír novas formas de facer política deberemos tratar ás clases populares como suxeitos axentes e non como menores de idade dos que só se busca o aplauso  fácil.

Precísase, en suma, a xenerosidade de todos os actores, altura de miras, unha mestizaxe que antepoña o proxecto común sobre os intereses de parte. É dicir, construír unha auténtica confluencia, e non simplemente unha candidatura de coalición que só exista no espazo electoral-institucional. Hai que crear conflito tamén dende as institucións para devolvelo ao seu terreo natural, retroalimentar o electoral e o social, como espazos converxentes e non paralelos, dende o respecto da autonomía dos movementos sociais. Disputar o espazo da  representación pero non coma un fin en sí mesmo, senón coma un medio  para disputar o espazo da mobilización, tecer organización e incidir na  conciencia das desposuídas. En definitiva, comezar a gañar significa xerar tecido social, sementar por abaixo e alimentar  procesos e experiencias de autoorganización.

Se ben é certo que os tempos de vertixe que estamos a vivir dificultan a  construción paciente e autenticamente horizontal, iso non é o óbice  para traballar a longo prazo, máis alá das conxunturas, a prol de espazos  amplos de poder popular. Cando peche a urna continuará a haber  desafuizamentos, despedimentos e violencias machistas, por iso é tarefa colectiva impulsar ferramentas de resistencia, comunidades vivas máis alá do electoral . 

O debate, a intelixencia colectiva, a toma de decisións democráticas son o sangue que alimenta a confluencia. O espazo común aínda está por construír, fai falta vontade, superar inercias do pasado, repensar xuntas. Porque contra os agoiros, o futuro aínda non está escrito, farémolo nós e temos moito por gañar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.