Lusíadas

Quen pase estes días alén Miño, probablemente escoitará francés. Volven en vacación os emigrados, veñen os seus descendentes e parece ser o Norte especialmente pródigo. Varias veces me pasou de pedir unha orientación e ser respondido en gavacho. Algún outro indicio, ou proba, ten dado para inferir nos que marcharon un minusvalor outorgado á propia lingua, seguramente asociada ao atraso que fixo que marchasen. Adoita traerme, toda esta fenomenoloxía, desagradable sensación de galego, neste caso si que no peor sentido.

Vai para case un lustro, foramos á Occitania gascoa e languedociana. O cámping, non lonxe de Tolosa, era un deses familiares, xestionados conxuntamente polo matrimonio. A noite da chegada, el -algo máis de trinta anos, seguramente- axudounos a colocar a caravana e, ao medio minuto de escoitarnos, púxoseme a falar en portugués. Con fluencia, malia volver ao francés cando a conversa pasaba de dous ou tres intercambios. Pasou así a semana longa da estadía, que deu para ler nun papel o nome do propietario -João-, supoño que el mesmo como non fose o pai; saber da súa visita frecuente á terra viseense dos vellos; e -pola traza- que a muller non debía ter nada de portuguesa. Tamén lles vin o fillo, xa segunda xeración: andaba por alí de camisola vermella e verde coa Cruz da Ordem de Cristo ou as quinas. O símbolo exacto, non o lembro ben. Ora que puiden lembrar quizá daquela o caso do centrocampista chamado en Francia Robert Pirès (que é, máis ben, Pires): el, querer, quería xogar pola selección portuguesa, pero non o convocaran. Acabou nos bleus, con eles foi campeón do mundo (1998) e de Europa (2000).

A actual seleção inclúe xogadores de diversa raza e lugar de nacemento. Un dos porteiros suplentes, Anthony Lopes, naceu preto de Lyon, no Olympique de Lyon xoga e cos tugas desde o 2013. O centrocampista titular que se chama Adrien, Silva de apelido, é natural de Angoulême: veu de doce anos cos seus pais de volta, entrou nas categorías inferiores dos leões, agora é capitán do equipo e, loxicamente, fala ben portugués; tamén se mantén francófono, segundo puiden confirmar na entrevista que TF1 lle fixo domingo á noite, trala vitoria. Entrevistaron tamén a Raphaël, apelidado Guerreiro: pai algarvío, nai francesa, nado en Le Blanc-Mesnil, periferia de Paris. Lateral que estaba no Lorient e acaba de fichar polo Borussia Dortmund, no ano 2013 elixiu os lusos e aí segue, aínda sen case falar portugués. Xa era seguidor do Benfica, coma o pai e diferente dos seus dous irmáns: un do Porto, outro do Sporting, seica.

Pode abraiar tan específica adhesión nos fillos da diáspora. Ou non: nese outrora reputado opio do pobo, o fútbol, gran ámbito de vinculación no que se ve a miúdo do mellor e do peor da especie humana, algo encontran os batizados en francés e apelidados, a miúdo, coma nós. Ese algo que os leva a Portugal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.