0 Gardados para despois

Antón Dobao

Ideas sobre ciclo electoral e ruptura

Uns resultados electorais que non acugulen o horizonte de expectativas poden excitar un instinto de protección na identidade, o lugar de regreso que acouga ánimos e tranquiliza espíritos pero confunde e desorienta gravemente. As pedras que se deixan no camiño por medo ao que poida vir esixen o regreso ao lugar de acocho. Esa chamada instintiva ao retorno non ten por que durar sempre; ás veces é apenas un momento de abraio posterior ao golpe non esperado. Pero un suxeito político permanentemente pasmado sería rotundamente inútil.

No espazo de ruptura que se organiza arredor de En Marea, toda reflexión sobre a perda de máis de 60.000 votos debera chantarse nunha radical autocrítica do conxunto e das partes respecto ao período que vai da noite electoral do 20 de decembro á do 26 de xuño. Autocrítica profunda e contundente, para a cal é condición indispensable que todo o mundo conciba a posibilidade de cometer erros, aínda que sexa por casualidade. Botar culpas para fóra pode ser liberador e mesmo divertido, pero sempre resulta máis útil acudir a aquilo sobre o que se pode actuar. Un punto de partida para esa reflexión común podería ser o contraste entre a mobilización intensiva da dereita e do réxime e a desmobilización de múltiples causas de En Marea. Pero eu non son politólogo. Conformareime con apuntar algunhas ideas, se cadra inconexas de máis, sobre o momento.

1. O proceso de creba democrática segue aberto. A crise orgánica non se pecha á vontade, non desaparece o caos sistémico só con dármolo por concluído. Esta especie de inestabilidade permanente é a expresión da propia inestabilidade vital á que o capitalismo nos somete. Toda ilusión de estabilidade é suicida se parte das clases subalternas, pero revela a impostura da representación política, que se constrúe sobre unha escisión entre as condicións de vida e as lóxicas políticas. En boca do poder, a estabilidade anuncia a deriva autoritaria do control das clases populares e máis baleirado das propias institucións democráticas. Preparémonos para o terremoto social e político que chegará coas novas imposicións do poder financeiro, da troica, da maldita Unión Europea. Haberá máis aparencia de estabilidade mediante a aplicación totalitaria de sufrimento, moita pobreza e máis miseria e exclusión. Non hai lugar para o acougo.

2. Contra o outono haberá eleccións en Galicia. O ciclo electoral non está pechado. E todo continuará alén das autonómicas, mesmo que o resultado for o que desexamos. Porque o curso histórico non é unha acumulación de acontecementos inconexos senón un discorrer fluído que pode ser alterado por momentos de creba. E diso se trata. De crebas, exactamente. Ao mellor non albiscamos a creba definitiva, pero tratemos de propoñer crebas constantes por pequenas e parciais que sexan, rupturas que socaven o edificio miserable que nos abafa. Outono será outra creba.

3. Tras a inicial perplexidade postelectoral do espazo de En Marea e unha esperable inercia, aconteceu o manifesto dos alcaldes de Compostela, A Coruña e Ferrol, que creba por dinámica de superación con prácticas e desencontros anteriores e supón un salto cualitativo no proceso. O momento político escenificado en Ferrol equivale ao que supuxeron as mareas municipais en relación con AGE. Os  límites da fase previa imponos a contradición de seren certas concepcións conservadoras das organizacións, e non as multitudes organizándose, as encargadas de conducir a unidade popular. Non falo de cúpulas, esa entelequia, senón de sentidos comúns próximos ao patriotismo de organización que se cultivan tanto en núcleos dirixentes coma en espazos aparentemente asemblearios. O manifesto dos alcaldes é unha análise autocrítica do espazo común, precisa e formalmente suave, pero moi severa. Ese pulo autocrítico funda un momento político que apunta ao Que Facer, a percorrer en común o camiño máis practicable. E ao suxeito que segue en construción: as multitudes organizándose na sociedade civil como protagonistas da transformación e as organizacións políticas de ruptura como motores auxiliares do proceso. Unidade e confusión de múltiples partes no común. Unidade e democracia radical. Non por mistificación de cidadanías ou pobos como ideas uniformes de dimensión case transcendental, senón porque nos urxe gobernarnos para mudar as nosas condicións materiais e inmateriais de existencia. Conquistar as leiras dos miserables para poder asaltar os palacios do ceo. Construír en común para constituír en común.

4. O poder existe. Esta é unha simpleza e unha obviedade, pero a propia dimensión da crise orgánica e das respostas populares, que tamén se viñeron expresando en momentos electorais, talvez nos instalou na falsa sensación de que o proceso era mecánico, ascendente e irreversible. E de aí á desmobilización a ponte está tendida. Por ela circula tamén a falta de comprensión dun poder inmenso que se esparexe por cada recanto da sociedade civil cunha enorme capacidade de penetración, amais do seu clásico dominio da sociedade política. A súa capacidade de resistir e de impoñer condicións en cada batalla, en cada momento de conflito, é moi superior á que ás veces amosa. Por iso, o espazo de ruptura non pode perder a súa condición de guerrilla que se enfronta a un exército regular. A conciencia dese desequilibrio e das posibilidades que abre a loita en múltiples espazos e con normas propias, e non só nos que o poder designa e prepara coas súas propias regras, fará posible conquistar terreo. Non se trata de que a guerra de movementos dea paso a unha guerra de posicións. Probablemente, ambas se confunden e operan simultaneamente en diversos ámbitos da complexidade social, política e cultual.

5. A aparición de AGE e despois das Mareas e de En Marea clausura o período nacionalista-autonomista e inicia unha fase republicana. Neste contexto, a idea dunha refundación nacionalista esixiría en si mesma a creba do espazo de unidade popular. Termina coincidindo coa lóxica das elites, que necesitan a aparencia de estabilidade e non encontran mellor maneira de impoñela que promovendo as condicións de recuperación do mapa político anterior a AGE. Pura quimera. Nesa obsesión cómpre entender a reacción de reescritura, cando non de ocultación ou de traslado a un plano secundario, do momento político que protagonizan os alcaldes rebeldes e as súas consecuencias. Talvez non sexa casual que a ese momento político se lle opoña constantemente unha preocupación polo estado de saúde do nacionalismo.

6. A existencia dun polo nacionalista no espazo de ruptura implicaría a asunción dunha loita polo recoñecemento da propia identidade de partida. Unha guerra interna pola hexemonía identitaria debilitaría irremediablemente o espazo común, pero ademais expresaría asunción de subalternidade. E desfiguraría o propio espazo de ruptura, que só se construirá incorporando bagaxes, tradicións e identidades pero non para unha disputa entre elas pola hexemonía interna senón para construír o común desde múltiples experiencias e demandas históricas e contemporáneas. O suxeito de ruptura é radical e é radicalmente autónomo, e dado que Galicia é o seu espazo de loita política, económica, social e cultural, é nacional. Pero non ao modo liberal, como dirían os clásicos, senón porque constitúe nación coa súa propia acción política, co seu movemento. Non acode a Madrid nin a Bruxelas nin a ningún espazo superior a pedir consideración por mor da súa debilidade estrutural ou da súa incapacidade ou de ambas, senón que actúa con plena autonomía. Iso e non outra cousa é o que lle permite e lle esixe alianzas estatais e europeas, porque eses espazos, que existen aínda que non nos gusten e por tanto neles cómpre actuar, esixen alianzas e procesos de unidade.

7. O suxeito que está intentando articularse non é nacionalista nin é un espazo de competencia entre un polo nacionalista e outro non nacionalista. Iso implicaría someter o material a unha dinámica identitaria de efectos agresivos interiormente e inocuos cara ao exterior. O suxeito é republicano, non asume a fragmentación en identidades prefiguradas e illadas, antagonistas entre si, que o poder precisa para ordenalo todo e establecer as marxes do posible e do intocable. O suxeito republicano asume, é escusado dicilo, o dereito innegociable a decidilo absolutamente todo. É a súa razón de ser, e nela incorpora, entre outras, as demandas políticas do galeguismo e das diversas manifestacións políticas e culturais da conciencia nacional. Tampouco é, non fai falla dicilo, un espazo de antinacionalismo primario nin de nacionalismo español.

8. O Que Facer postelectoral non pode condicionalo nin unha chamada á refundación do nacionalismo nin ningunha clase de sometemento táctico ou estratéxico ao dito significante. A tarefa, que é electoral en primeiro lugar pero insuficiente se aí se ancora, está deseñada con toda claridade no manifesto dos alcaldes de Compostela, Ferrol e A Coruña. Primeiro, a continuidade do proceso de acumulación de forzas diversas nun común espazo. Despois, o consenso dos múltiples axentes sociais e políticos arredor das fórmulas de construción demorada do suxeito de ruptura e do movemento, desde os mecanismos para a elección democrática de candidaturas e a elaboración dun programa electoral e dun discurso común ata a consolidación, e creación alá onde xurdan, dos ámbitos asemblearios de participación e decisión. A partir de aí, o que o suxeito común en construción faga vir, que oxalá empece por un goberno alternativo ao do PP.

E despois das eleccións autonómicas, tras unha campaña que exprese coa contundencia dunha maza e a exactitude cortante dun coitelo afiado toda a potencia destituínte que nos impulsa e toda a necesidade constituínte que nos alenta, o proceso continuará sexa cal for o resultado.

Acerca de Antón Dobao

Antón Dobao (Lugo, 1963). Escritor en tempo libre. Guionista e director. Filólogo de formación. De vida profesional ligada á Televisión de Galicia.