Transxénicos ad verecundiam

Tras o insólito manifesto de 109 premios Nobel a favor (xenericamente) dos transxénicos, as redes sociais foron un pequeno campo de batalla con posicións encontradas. Algún colega cominoume a dar a miña opinión que foi a seguinte: non se pode debater seriamente en 140 caracteres. Curiosamente penso que as posicións encontradas teñen máis caracteres pero pouca profundidade máis. Un tema complexo non admite posicionamentos simplistas (nin permite artigos breves).

O primeiro que me chama a atención sobre un manifesto asinado por 109 premios Nobel é que se trata exemplo de libro de argumento ad verecundiam, ou unha falacia de autoridade. Isto é, da igual o que se diga e como se argumente porque é verdade inapelable pola simple razón de quen o di. En definitiva un xeito clásico e explícito de sementar unha falacia … e o sorprendente é que funcionou! Iso incluso a pesares de que un Nobel non garante nada: un señor que a diario ordena, ou consente, mortes sen xuízo polo mundo adiante é Nobel da paz, falo de Obama como todos sabedes. 

Para tratar de contrapoñer o argumento ad verecumdiam podería contrapoñerse que un dos asinantes, Watson, o famoso co-descubridor da dobre hélice de ADN e polo tanto un dos pais da xenética moderna, é un racista deleznable pero isto non sería entrar a argumentar sobre os transxénicos senón un argumento ad hominen

Tamén poderíamos pensar quen está detrás do manifesto, a propia industria do transxénicos, pero aludilo sería unha falacia de asociación. 

Vaiamos logo ao tema en concreto. O primeiro que creo que hai que dicir sobre os “tranxénicos” así, a eito, é que o tema é tan extraordinariamente complexo e que se necesita unha pluralidade de aproximacións para facerse unha idea do que estamos a falar. Basicamente hai tres puntos de vista que creo de máximo interese: ecoloxía, economía e política. Fago notar aquí dúas cuestións. A primeira é que non inclúo a saúde humana por consumo directo e a segunda é que dubido que destas 109 persoas haxa moitas que teñen esta tripla visión minimamente desenvolvida; entre os Nobel hai expertos en xenética, claramente, pero hai algún en ecoloxía? en agronomía? en desenvolvemento humano? en seguridade alimentaria?

Pódese ser un gran astrofísico, sen dúbida, pero a súa opinión sobre fútbol ou transxénicos posiblemente teña a mesma calidade que a de calquera outro individuo tomado ao azar. Por outra banda parecen aproveitarse da ignorancia social que hai sobre ciencia e tecnoloxía: unha cousa é a ciencia, unha linguaxe universal baseada no coñecemento a través do método científico precisamente, no contraste, na mellora continua e sobre a que se asenta a humanidade actualmente e outra cousa, completamente diferente, é a técnica ou a tecnoloxía, isto é, o emprego do coñecemento científico, condicionado a intereses económicos, ideolóxicos, políticos, xeoestratéxicos… Un exemplo simple: unha cousa é sabelo todo sobre a radioactividade e outra empregala,  unha cousa (inda que teña claras desvantaxes) é quentar un biberón no microondas con enerxía dunha central nuclear e outra cousa é unha bomba atómica.

Convén entender que “transxénicos” abrangue unha gran cantidade de técnicas de tal xeito que non é lóxico meter todo no mesmo saco, nin nun senso nin no outro, isto é, a favor ou en contra. Aquí ambas posturas presentan debilidades bastante significativas. Crear bacterias que nunca sairán dun laboratorio (e que de saír morrerían) para fabricar insulina, penso que é un gran invento e en termos ecolóxicos o impacto é menor que o que se facía antes (criar animais especificamente para elo), claramente Greenpeace e, por extensión, a maior parte do movemento ecoloxista e incluso, boa parte da esquerda, mete a pata, posiblemente non por ignorancia senón por simplificación da mensaxe (problema este dos tempos modernos para o que non teño ningunha solución). En definitiva, non se poden deixar flancos débiles a industrias e grupos de interese económicos tan potentes porque saberán aproveitalo como ben fixeron. Tamén hai determinadas técnicas para obter variabilidade en especies vexetais que non teñen porque supoñer problema algún, por exemplo, tratamentos de irradiación ou sometemento a determinados químicos de sementes que por simple azar poden aportar características de interese. Ao fin e o cabo é acelerar artificialmente procesos mutación xenética que espontaneamente xa se dan na natureza e que nós aproveitamos por simple selección. 

Os pro-transxénicos sempre comentan que non se fai nada que non se fixera antes con outras técnicas ou mesmo de xeito natural. Claramente é falso. Unha cousa é a selección humana de características máis ou menos interesante que parten de variabilidade xenética e outra cousa é alterar de xeito dirixido xenes para conseguir características previamente determinadas ou incluso, trasladar xenes dunha especie a outra. A modo de resumo, a historia da domesticación e uso de animais e plantas por parte dos humanos é unha historia de variabilidade, ou se o queremos noutros termos, de diversidade xenética, que garante a supervivencia dos propios taxons que empregamos a longo prazo e adaptados aos máis variados lugares e climas no mundo. A través do emprego de transxénicos vexetais dunhas cantas especies o que se fai é precisamente reducir a variabilidade xenética dos mesmos e limitala a unhas poucas variedades. Isto, de por si, pon en perigo a mesma supervivencia do propio taxon e, polo tanto, de quen nos alimentamos del. Isto maniféstase en toda a súa magnitude cando, simplemente, perdemos variedades e razas de plantas ou animais que poden ser chave no futuro, sobre todo ante escenarios tan cambiantes. Un exemplo doadamente entendible foi a epidemia de fame que asolou Irlanda entre 1845 e 1849 e que provocou millóns de mortos e de refuxiados por fame nos EEUU. Ademáis de cuestións da propiedade da terra cos colonos británicos, o problema foi que só se cultivaba unha variedade de pataca. Cando esta se viu atacada por unha praga de fungos, as colleitas perdéronse. De ter empregado diferentes variedades, algunhas terían sobrevivido e o problema non tería acadado tal magnitude.

Os experimentos con variedades transxénicas estanse a facer en plena natureza sen ter nin idea das consecuencias que poden ter. Sabemos xa de mortes de insectos, bolboretas por exemplo, en perigo por millo ou soia, sabemos da introgresión xenética de determinadas malas herbas no millo. Parece que nada diso é importante pero en realidade é definitivo para saber que e como podemos empregar determinadas técnicas.  

Cando se fala de danos ambientais atopamos unha limitación moi grande que ten que ver cunha cuestión política nada inocente. A ciencia para coñecer que ocorre con estes experimentos a ceo aberto ou non se investiga, directamente, ou  é financiada pola propia industria, non polos “organismos” máis ou menos independentes, dos estados en definitiva, polo que coa estrutura política e económica actual é moi difícil tirar resultados que sexan obxectivos, científicos e, polo tanto, cribles. En definitiva, non temos nin idea do que pode pasar. Aquí debera primar aquelo de “os experimentos, con gasosa” ou, mellor chamado, principio de precaución.

Pero a orientación política e económica non fai máis que comezar aquí. O emprego dos transxénicos responde ao desexo de determinadas multinacionais de exercer un dominio económico alí onde había unha gran liberdade en que cada un cultivara o que máis lle chistara. Impóñense determinadas variedades con xenes “propietarios”. Isto é moi similar ao software libre vs. propietario. O primeiro, presente dende o inicio da humanidade permite cultivar, difundir, compartir, espallar, mellorar (tamén) e facer o que máis necesitemos en cada momento co fin de alimentarnos, o segundo, sementar ou criar organismos “propietarios” limita a liberdade nun feito básico, a alimentación, co que simplemente estamos deixando o noso futuro en mans dunhas cantas empresas. Isto sábeno xa moi ben en determinados países de sudamérica ou na India onde moitos agricultores son de facto escravos económicos sen posibilidade algunha de prosperidade. Eu dubido que queiramos un futuro dominado por unhas cantas compañías que nos arrastren á dependencia extrema (escravitude) e a incerteza alimentaria. De feito xa a día de hoxe, 1/3 da forza do traballo mundial está empregada no cultivo e produción de alimentos que son dominados por tan só 10 empresas e destas, 9, están nas listas de empresas que máis gastan en publicidade. Nomes: Nestlé, Unilever Group, PepsiCio Inc., Coca-Cola, Mondelez Internacional Inc., Mars, Danone, Asociated British Food, General Mills Inc. e Kellogs Company. A súa vez son propiedade de potentes grupos económicos e compañías inversoras. E ao mesmo tempo hai 4 compañías estadounidenses que controlan o mercado mundial de gran e leguminosas: ADM, Bunge, Cargill e Dreyfus. Especulan cos prezos o que, obxectivamente, causa as grandes fames e empobrece a millóns de persoas de todo o mundo. Tras eles está a carne, o pan, os biocombustibles… En definitiva o 90% do mercado mundial de cereais, por exemplo.

Se nos fixamos en quen domina o mercado mundial sementes (o 75%), a cousa ponse peor aínda. Tres únicas empresas controlan o 53% do mesmo: Monsanto (26%), DuPont Pioneer (18,2) e Syngenta (9,2). Logo veñen ata 7 máis: Vilmorin, WinField, KWS, Bayer Cropscience, Dow AgroSciences, Sakata e Takkii. A través da imposición dos tranxénicos controlarían o 100% e serían os donos do planeta. En definitiva estamos, quizais, ante a forza bruta económica máis potente do planeta. 

Hai uns días o Reino Unido votaba a favor do Brexit: terrible!. Ben, quizais o que moitos cidadáns europeos descoñezamos é que a UE aprobou unha lei (sendo Almunia comisario, por certo),  que impedía ter, gardar, empregar, regalar...  sementes que non foran autorizadas nunha lista da UE e que para estar nesa lista había que pagar. Finalmente a lei aprobouse con algunhas excepcións que abren lixeiramente a man á que cada un, na súa horta, poña o que queira sempre e cando, por exemplo, teña menos de 10 traballadores o que, de feito, imposibilita que a agricultura ecolóxica entre no mercado. Para iso chegaron mesmo a crear unha “Axencia de Variedades Vexetais da UE”.  Trátase, finalmente, de poñerlle propietario aos xens. Agora tratan de aprobar o CETA e o TTIP sen que os cidadáns saibamos nada nin como iso vai a afectar ao máis básico, ao que comemos.

Os transxénicos, neste senso, non son máis que o último chazo para dominar o mundo. Xa sei que sona un pouco a plan de película de ciencia ficción, por iso invito simplemente a que se pense sobre elo para que cada un lle busque o nome que máis lle guste. 

Por outra banda o emprego de transxénicos demanda unha gran cantidade de enerxía que só é admisible no contexto dunha fonte de enerxía masiva e barata: o petróleo. Desde calquera momento da produción, o rego, o emprego de agroquímicos, no transporte, no procesado… a cantidade de enerxía fósil demandada é tal que, de feito, cultivar, é unha actividade enerxeticamente negativa, algo impensable na historia da humanidade. No momento en que falle esa fonte de enerxía, adeus ao castelo de naipes composto por transxénicos-sementes privativas e agroquímicos (como o glifosato). E curiosamente estamos xa no que se coñece como teito do petróleo ou peak oil.

Tampouco podemos esquecer un detalle que debera facer reflexionar tanto a uns como a outros: a artificial e moderna división entre gandería e agricultura. O cultivo precisa fertilizantes nitroxenados que se conseguen con cultivos de leguminosas ou excrementos animais. Se non temos animais (spin off vegano e capitalista) non temos vexetais en cantidades significativas a non ser que produzamos abonos nitroxenados, non nos esquezamos, cun gran consumo enerxético, o 8,27% do consumo total da enerxía nundial, grazas ao proceso de Haber-Bosch (tamén premios Nobel, de química en 1918 e 1921 respectivamente). Pois ben, se queremos pensar no futuro da alimentación humana debemos mirar cara aquí e pensar en que este proceso posibilitou pasar de algo máis de mil millóns de persoas a máis de sete mil en 110 anos. Se non dispoñemos de enerxía non teremos alimentos. Nisto, e non os transxénicos, é o que nos debería preocupar neste momento da historia da humanidade, pois de non facelo seremos varios miles de millóns de persoas, uns 5 ou 6.000 millóns, os que sobramos.

En definitiva, os transxénicos empregados masivamente e indiscriminadamente na agricultura e gandería responden a determinado sistema económico e ideolóxico que conleva uns riscos ecolóxicos e de seguridade alimentaria inadmisibles pola humanidade no seu conxunto.  Obvialo só nos aproxima de xeito catastrófico ao colapso ambiental e polo tanto ao colapso civilizatorio. Xa nos podemos imaxinar que sinxelo é convencer a 109 señores cun pensamento simplista baseado na ilusión do continúo progreso tecnolóxico, só explicable por unha dispoñibilidade enerxética brutal.

E outra conclusión importante: creo que nos últimos anos a deriva do ecoloxismo pola falla de rigor e, sobre todo, de profundidade nas argumentacións, é un feito que deixa flancos libres para ser atacados por conglomerados ideolóxico-políticos e económicos moi potentes. Deberamos evitar o frikismo superficial e tanxencial dos seus cabalos de troia e recuperar o rigor científico. Inda que isto, claramente, daría para moitos outros artigos incómodos, sen dúbida, para boa parte do movemento ecoloxista e mesmo da “esquerda” ou da nomenclatura ben-pensante. 

Por certo, o exemplo que poñen no manifesto, o do arroz dourado, é simple e falso. Os déficits de determinadas vitaminas están provocados polo chanzo anterior da industria alimentaria que consiste en limitar as variedades e alimentos locais (diversidade xenética e funcional) de horta e froitas por exemplo,, e que precisamente introduciu de xeito masivo determinadas variedades de arroz, mesmo limitando a súa diversidade en países asiáticos tradicionalmente produtores. E certo que esta variedade ten precursores beneficiosos. O problema é que están en cantidades tan limitadas que para que o desexo naif dos Nobel fora certo cada individuo debería consumir kilos de arroz semanalmente o que é fisicamente imposible. Ademais cultivar este arroz (software privativo) impide o cultivo de outras variedades, o que pon en risco ao conxunto da poboación destes países ante calquera avatar climático, enerxético ou mesmo político. Solucionar estes problemas pasa por mellorar a seguridade alimentaria e recuperar a variedade de alimentos locais perdidos co consumo moderno imposto ata nos lugares máis recónditos de calquera país. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.