Refachos de vento ferido

“Ergueuse moi cedo. Marchou correndo ao campo da feira. No sitio do circo só quedaba un redondel.”  (Vento Ferido, Carlos Casares).

Levamos demasiado tempo actuando coma auténticos babecos. Carecemos da destreza que nos cómpre, para alcanzar os acordos políticos e as confluencias que a xente normal nos demanda. Xememos coma bois fatigados, desposuídos do valor necesario para reaccionar decontado, diante do fastío que non deixa de infestar o galeguismo político. Talvez é iso o que nos pasa. Fáltannos azos para gozar das raiolas que nos brinda o sol radiante do verán, nun exiguo atardecer que nos brinda escasas oportunidades. Estragamos as fantásticas e efémeras ocasións que nos pasan por diante do fociño, e gafamos os poucos folgos que nos acompañan, a medida que se aveciña un ocaso irremediable, porque a perpetua parvidade dos vellos dinosauros, que infesta os revirados aparellos das organizacións políticas do País, non nos deixa construír os andamios que nos permitirían chegar preto das solucións que nos reclama a veciñanza.

Soportamos estoicamente, envoltos nunha abulia incalculable, os desatinos dos que dirixen o cotarro, malia que o tempo voa coma un falcón, e está a piques de esfumarse. Seguimos enleados pola escura cortina que nos entupe os escasos momentos de lucidez, e que nos amansa o anoxo, e nos atoa o pensamento, coma un tedio famélico que vai alongando máis da conta esta noite, lunática e escura, de perpetuo cuarto minguante, ata nubrarnos a perspectiva que podería mudar os aconteceres que nos fan estoupar o peito cada instante de calma. Iso é o que realmente nos pasa.

Mais, se as cousas son así, e non poden ser doutra maneira, por mor da nosa falta de atino, ou pola nosa parsimonia irremediable. Entón é porque nós, os outros, os que á hora da verdade nunca contamos para nada, só valemos para gastar o tempo que nos resta, en identificar aos culpables de causar os refachos de “vento ferido”, que nos está traendo tanta soidade e tanto fatalismo irremediable. Que nos cega, cada cando, sen permitir que agrome unha miga de solidariedade, ata deixarnos sen os arroutos suficientes, para atopar un espazo onde compartir pareceres e formulacións, con aqueles que teñen ideas e pensamentos semellantes aos que nós alardeamos de ter, cada vez que laretamos.   

Ah! O meu tío Lisardo pensa que, se non lle pomos remedio ao desaguisado, pronto nos vai pasar coma como lle aconteceu a aquel mozo e á rapaza do circo, aos que se refire a cita da cabeceira: O vindeiro luns iremos cheos de ilusión a Santiago, a celebrarmos o Día da Patria, mais ao día seguinte só atoparemos o triste recordo do que puido ser e non foi.

(Vento ferido é a primeira obra de Carlos Casares, cuxa publicación cumpre 50 anos no 2017, cando ao gran autor limiao lle toca protagonizar o Día das Letras Galegas).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.