Saír do catastrofismo

No acto celebrado en Trasalba o pasado día 17 de xullo, sobre a represión franquista contra intelectuais galegos, participa Gregorio Ferreiro Fente que con Emilia García López fixeron a edición dos artigos de Blanco Amor publicados na revista Galicia, en Arxentina, En Defensa e Ilustración de la Segunda República Española en los años de la Guerra Civil (1936-1939) Gregorio Ferreiro Fente na súa intervención leu parte do primeiro artigo, datado o 26 de xullo de 1936, onde Blanco Amor, cunha lingua afiada e ferinte, mostra a súa repulsa ao golpe de estado fascista do 36. Voume permitir traducir uns parágrafos ao galego:

Son os mesmos de sempre. Os demos brancos da Inquisición que irromperon co incendio e a morte (…). Os que rodearon o noso país cun muro de fanatismo para que España entrase na época moderna da cultura con dous séculos de retraso.  (…) Son os cans do absolutismo de aquel Fernando imbécil e perxuro. Son os lobos sanguinarios da “carlistada”, cando os cregos asasinaban criaturas e “desventraban” as mulleres grávidas; (…) son os heroes de casino, esmorga e tresillo que se deixaban rabuñar polas querindangas nas prazas do Protectorado, mentres dez mil mozos españois caían metrallados nas barrancas do Rif. (…) Son os que inventaron o mito risible de Primo de Ribera que nos cubriu de vergonza ante o mundo civilizado (…) Son os fundadores e os que perpetúan unha ben merecida lenda negra, á que acaban de agregar un novo capítulo de sangue e indignidade.
(…)
E agora como sempre, atoparon iso na España dos “burgos podres” que non hai que buscala en ningunha xeografía da terra, senón na do espírito, pois cada cidade española ten inserta na carne sa do seu pobo estupendo, este quiste de roña e podremia, que de cando en vez cisca o seu lixo envelenando todo o organismo da patria. E atoparon eco na burguesía torva e egoísta que por non soltar o que o Estado republicano lle pide coas mansas palabras da lei, acabará dándoo todo á áspera e categórica demanda da forza. Da forza bruta que é a que eles ditan e na que eles se apoian cando o pobo reclama pan e xustiza.
Están outra vez fronte a fronte (…) o podre esterco e a semente florecida. O onte caduco e o mañá de esperanza.

Non son as diatribas dun republicano indignado as que nos deben guiar no momento actual. Acabar co caduco e atinxir un futuro mellor é a ansia humana, a das persoas inconformistas que van transformando a sociedade dun xeito imparable.

Nos países europeos non tiveron guerra civil e réxime fascista durante 40 anos. Tampouco unha transición velada que oculta os feitos deses anos e non permite reflexionar ás novas xeracións. A nosa democracia e recente e minguada. A cidadanía aínda non sabe reclamar os dereitos por vía legal, nin votar dun xeito racional. A conciencia e o coñecemento político son pobres e as persoas déixanse levar polas emocións, ou sucumben ante políticas do desexo, de falsas esperanzas, ou de castigo. Necesitamos máis democracia e máis cultura política. Ilusión e confianza en conseguila. O catastrofismo non é, nunca foi, unha boa vía. Praguear é propio da relixión.

Queremos o mundo e querémolo agora!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.