As políticas de austeridade e a mocidade galega

María, eu son mozo,
pedir non me é dado;
eu vou polo mundo,
pra ver de ganalo.

“A política de austeridade que impera en Europa dende o inicio da crise frustrou a esperanza de decenas de millóns de persoas, sobre todo de mozos, de ter algunha posibilidade de autorealizarse ao través do traballo e das relacións laborais, ou de chegar a ter sequera un emprego” (STUART HOLLAND: Contra a hexemonía da austeridade. Arpa editores).

Ten moita razón este entrañable profesor visitante da Universidade de Coimbra. Galiza é un caso de libro de cómo a austeridade está frustrando a esperanza de centos de miles de mozos e mozas galegos/as. Mozos e mozas que, unha vez mais, víronse na obriga de optar, como antes fixeran moitos dos seus antepasados, pola emigración “pra ver de ganalo”.

Co estoupido da burbulla inmobiliaria e a crise financeira (2008) o desemprego  disparouse en Galiza, e en España, castigando con especial intensidade aos mozos e mozas. Por si isto non fora suficiente sectores produtivos relevantes da economía galega (gandería de leite, sector mariñeiro, manufacturas …) entraron nunha fonda crise estrutural e comercial (peche de explotacións, abandono de actividades, caída da produción …) que afondaron nos problemas de actividade e emprego en Galiza.

A resposta a este desmelenamento do desemprego por parte dos gobernos españois (Zapatero, Rajoy) foi a liberalización e a desregulación do mercado laboral (Real Decreto-lei 10/2010, de 16 de xuño e Lei 35/210 de 17 de setembro, de medidas urxentes para a reformar do mercado laboral. Real Decreto-lei 3/2012, de 10 de febreiro, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral)  que, como demostran tódalas evidencias, favoreceron a rebaixa salarial e a precarización laboral especialmente, de novo, entre clases traballadoras mais mozas. Foron reformas cuxo obxectivo central era debilitar o poder negociador das clases traballadoras para así obrigalas a aceptar salarios a baixa e empregos precarios dando facilidades para o despido ..: xa se sabe que os neoliberais seguen pensando, a pesares das evidencias, que existe desemprego por que hai traballadores que –mal asesorados polos seus sindicatos- non aceptan “o salario de equilibrio” que, seica, garanta o pleno emprego.

Nas vésperas de que estourara a grande crise os/as mais de 250.000 mozos/as galegos (entre 16 e 25 anos) distribuíanse no mercado laboral do xeito seguinte: un 43,2% eran activos, un 35,6% estaban empregados e o desemprego rozaba o 17,5% .

Unha situación que neste longo período recesivo (2008-2015), e logo de dúas reformas laborais (2010, 2012),  mudou de xeito dramático (vid. grafo). Os datos confirman que o impacto da austeridade na mocidade galega en termos de mercado laboral, foi demoledor: unha grande perda de poboación (61.600), de activos (51.600) e de empregos (57.700) e, conseguintemente, un ascenso do desemprego (6.200) só freado parcialmente polo auxe da emigración.

A conclusión é obvia: a austeridade reduciu, aínda mais, as posibilidades para a mocidade galega de atopar un emprego e, xa que logo, colaborou a negarlles a moitos/as deles/as a posibilidade de realizarse ao través dun emprego. Deixándolles a cambio tres saídas, cada cal mais frustrante:

  1. Aceptar un traballo cada vez mas precario e/ou intermitente
  2. Cronificar unha situación de desemprego –o 12,5% dos/as mozos/as desempregados/as son parados de longa duración- (IGE)
  3. Optar pola emigración -segundo fontes sindicais moi fiables unha media de 60 mozos galegos emigran cada día que pasa: “pra ver de ganalo”-

As dúas primeiras lévanos camiño da exclusión social, a terceira destérraos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.