Nación, soberanía, independencia e nacionalismo

Cando dicimos “que queiran que non Galiza é unha nación”, estamos a referirnos nidiamente  á nación como suxeito político e nesa concepción a soberanía sempre é a súa base fundamental, a soberanía, o exercicio do poder é consubstancial  a toda nación na súa consideración política. E nada disto pode votarse, non son dereitos, son condicións naturais  dun pobo (ou da xente, ou do común, así contentamos a todos), o único que se pode é exercer ou non.  Por iso o lema completo sería “que queiran que non Galiza é unha nación soberana”.

Efectivamente, unha nación libre exerce a súa soberanía, o seu poder de decisión.  Unha nación negada, secuestrada, que por dependente dun poder superior non poida exercela ata que a consiga non por iso deixa de tela, como non por iso deixa de ser nación. Con isto quero dicir que todo partido ou organización política que considere a Galiza como nación na súa condición política ten que concordar tamén na súa soberanía ou estaría nunha flagrante contradición.

Para aclarar máis a cousa, partidos non nacionalista como EU ou  Podemos (que está cheo de polítólogos) estando de acordo en que Galiza, Euskadi e Catalunya son nacións por suposto teñen que  concordar tamén na súa soberanía, pois unha nación, un pobo, sen soberanía, sen poder, non ten sentido. Polo tanto o recoñecemento da nosa soberanía nacional non pode ser obxecto de discrepancia se non de acordo.
Outra cousa é a independencia que algúns equiparan con soberanía cando son cuestións distintas en termos políticos. Aquí é onde empezan as diferenzas dentro do común denominador da soberanía nacional. A independencia é un dereito que ten toda nación no exercicio da súa soberanía cando trátase dunha nación dependente dun poder máis forte que a somete. A reivindicación da independencia significa a secesión ou a liberación da nación sometida para formar un estado propio.

Partindo de que a soberanía é unha condición natural de toda nación, a soberanía non marca, entón, a líña nacionalista, se non en tal caso a líña nacional que ten que ser admitida por calquera partido non nacionalista pero receptivo á concepción de nación, que non é pouco

Dito  isto, e partindo de que a soberanía é unha condición natural de toda nación, a soberanía non marca, entón, a líña nacionalista, se non en tal caso a líña nacional que ten que ser admitida por calquera partido non nacionalista pero receptivo á concepción de nación, que non é pouco. Polo tanto,  o que define ao nacionalismo  é o independentismo, cando no exercicio da sua soberanía unha nación, un pobo  sometido, quere liberarse para  organizarse como estado independente, obviando en principio calquera  relación autonómica, federal-confederal, cooperativa, etc, con outros que coarten dalgún xeito a súa total liberdade política, a súa independencia, o que non se contradice con relacións de solidariedade con quen queira manter. Noutro caso, o nacionalismo desaparecería  ao querer integrarse nunha relación de interdependencia nacional como ocorreu cos territorios un día soberanos que hoxe compoñen os estados recoñecidos como nacións suiza,  alemana ou américana, a pesares de que curiosamente a constitución suíza recoñeza a soberanía dos cantóns pero a alianza realizada voluntariamente entre eles restrinxe a súa independencia.

Agora ben, o nacionalismo sempre é un proceso coxuntural que debe desaparecer unha vez acadados os seus obxectivos para non caer nun chauvinismo nacional. Entón comezará a tarefa verdadeiramente importante e fundamental dese estado de seu,  construír un sistema de vida socialmente xusto.

A diferenza,entón, das organizacións nacionalistas coas organizacións non nacionalistas (EU+Podemos) é clara, e precisamente reflectida na expresión da soberanía nacional na que coinciden, estado independente os primeiros, estado plurinacional unitario  os segundos, ou sexa como na China. Pero o desacordo non debe ser motivo de maledicencia se non de franca competitividade  e os acordos de sincera cooperación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.