A "baraka" de Feijóo

Liortas no PSdeG pola elaboración das candidaturas, desencontros entre algúns dos vectores integrantes das Mareas, nova demostración de disidencia no seo do BNG e práctica desaparición da delegación galega de C’s: supoño que Alberto Núñez Feijoo nunca imaxinou –nas súas fantasías mais optimistas- unha situación coma esta a poucas semanas da celebración das eleccións galegas. A coñecida frase do “capo” Andreotti –“o poder desgasta só a quen non o ten”- semella reaparecer na política galega para arrefriar as expectativas xeradas pola acumulación de frustracións rexistradas dende o 2009: grave deterioro das condicións de vida dunha parte relevante do corpo social por mor das políticas practicadas dende San Caetano, aceptación submisa das dinámicas recentralizadoras promovidas dende a Moncloa, tolerancia coa corrupción detectada nas estruturas estatais e galegas do PP, deficiente xestión ordinaria das competencias dispoñíbeis na arquitectura institucional da Xunta…

Supoño que Alberto Núñez Feijoo nunca imaxinou unha situación coma esta a poucas semanas da celebración das eleccións galegas

A pesar desta vantaxe imprevista coa que sae Feijoo na carreira electoral, a dúbida segue instalada nos propios dirixentes do partido: a obtención dos 38 escanos está menos asegurada que hai catro anos e, xa que logo, o futuro político do actual presidente está no gume da navalla. Acadar unha cifra menor da que proporciona a maioría absoluta sería un fracaso indiscutíbel que non se podería agachar na vella leria da lista mais votada. A pesar da coñecida fortaleza do aparato organizativo do PPdeG, hai síntomas evidentes de fatiga nos materiais humanos que posibilitaron as vitorias de 2009 e 2012. A grande implantación territorial e a consistencia dos mecanismos clientelares non aseguran, automaticamente, o volume de apoios necesarios para obter unha maioría absoluta no Hórreo.

As forzas que configuran a actual oposición a Feijoo deberían reducir ao mínimo as diverxencias asociadas ás disputas polo poder interno

Os conflitos internos que afectan a PSdeG, Mareas e BNG non obedecen a discrepancias sobre a necesidade de artellar un goberno de coalición alternativo ao que vén existindo nos últimos anos. A diferenza do que sucede no ámbito estatal non se formulan liñas vermellas que atrancan a viabilidade dun entendemento futuro. Se os resultados das urnas son propicios deberán acordarse, nas semanas seguintes, dúas cuestións básicas: o programa común de goberno e o reparto das responsabilidades executivas no gabinete. Para enfrontar ambos asuntos pode ser aproveitada a experiencia da coalición entre PSdeG e BNG no 2005. Salvando as diferenzas entre ambos momentos históricos e corrixidos os erros e deficiencias rexistradas naquela ocasión, hai suficientes elementos que poden axudar a resolver a inevitábel complexidade de semellante tarefa.

As forzas que configuran a actual oposición a Feijoo deberían reducir ao mínimo as diverxencias asociadas ás disputas polo poder interno. Aceitando a lexitimidade e mesmo a normalidade desas confrontacións resulta pertinente constatar a pedagoxía negativa que proxectan fora das súas fronteiras organizativas. Se unha forza política que aspira a gobernar a partir de novembro non é quen de xestionar a heteroxeneidade do seu propio universo humano está perdendo credibilidade para administrar maiores niveis de conflito no conxunto do corpo social. Velaí a gravidade do que está a pasar nestes días. Feijoo non debería ser a reencarnación de Fernando VII.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.