Nin convenio nin touradas

O vindeiro 13 de agosto, Touradas fóra de Pontevedra convoca unha nova manifestación no marco das festas da Peregrina. Baixo o lema “Nin convenio nin touradas” solicitarase ao Concello de Pontevedra que non entregue cartos públicos ao empresariado taurino e, como xa ven sendo habitual, que a Xunta de Galiza suprima a lidia como excepción na Lei de Protección Animal.

Nos últimos tempos, o mundo taurino camiña de derrota en derrota e atópase no peor dos seus momentos. Isto é consecuencia do traballo que foron desenvolvendo os diferentes colectivos abolicionistas tanto no interior das distintas formacións políticas como no conxunto da sociedade. Cada vez máis persoas asumen como propio o discurso que aposta por uns festexos non baseados na tortura animal.

Nos últimos anos a presión social e a falta de afección a unha tradición allea conseguiron que as touradas desapareceran de concellos como A Coruña e Sarria, quedando Pontevedra como o último bastión, coa particularidade de contar coa única praza de touros existente no noso país, de carácter privado.
A supresión de todo tipo de colaboración por parte das Deputacións de Pontevedra e A Coruña e a declaración simbólica de “provincias libres de touradas” significan que o discurso abolicionista calou na acción política de cada vez máis partidos. Non menos importante é a fronte antitouradas creada no Parlamento Galego ou a Rede de Municipios Galegos pola Abolición. Mesmamente cada vez hai máis voces nos partidos da dereita que rexeitan a práctica desta barbarie.

Neste ambiente e a mes e medio das eleccións galegas, o movemento abolicionista ten a tarefa de seguir construíndo discurso e presionar socialmente, sen inxerencias do oportunismo que abonda en sectores do campo político.

Se este mes de agosto Pontevedra volverá a ter touradas é porque a Xunta de Galiza fai destas unha excepción na Lei de Protección Animal, e polo tanto a praza de touros de San Roque está amparada legalmente. Isto ten un culpable directo; Alberto Núñez Feijoo

Se este mes de agosto Pontevedra volverá a ter touradas é porque a Xunta de Galiza fai destas unha excepción na Lei de Protección Animal, e polo tanto a praza de touros de San Roque está amparada legalmente. Isto ten un culpable directo; Alberto Núñez Feijoo. Non é así en cidades como Coruña ou Sarria onde a celebración destes festexos dependían da cesión de recintos municipais para a organización dos mesmos. Porén, temos que seguir traballando para que o lobby taurino teña cada vez máis dificultades en levar adiante un espectáculo cruel e inhumano.

Dada esta situación, é comprensible que a manifestación do día 13 reivindique tamén a supresión do convenio. Somos maioría quen pedimos que os organismos municipais non entreguen ningún céntimo ao empresariado taurino, xa sexa directa ou indirectamente. Sabemos que o Concello de Pontevedra foi pioneiro en suprimir os numerosos privilexios cos que contaban o empresariado taurino; tamén que non depende deles a celebración das touradas. Pero non é menos certo que, coa fin de alugar o espazo para a celebración do Torneo Medieval da Feira Franca, estes empresarios ingresarán 38.000 euros que irán directamente para o negocio do que viven.

Sabemos que o Concello de Pontevedra foi pioneiro en suprimir os numerosos privilexios cos que contaban o empresariado taurino; tamén que non depende deles a celebración das touradas

O Concello de Pontevedra ten que facer autocrítica e escoitar ao conxunto de movementos sociais que defenden o fin do convenio. Porque o movemento abolicionista son eles, e non certas organizacións ás que so lles interesa esta loita se é para acadar rédito electoral.
En definitiva, Touradas fóra de Pontevedra ofrece unha proposta ben clara ao respecto: saír dun sendeiro no que o único acompañante é o Partido Popular e sumarse ao que percorre unha maioría social conformada por activistas e cidadáns que apostan por unha alternativa ao convenio.

Os colectivos abolicionistas foron contundentes cando a Deputación de Pontevedra gobernada por Louzán entregaba miles de euros para as touradas; seguen a ser contundentes á hora de sinalar á Xunta de Galiza como a responsable da celebración das mesmas, e neste contexto traballan sen complexos para que o Concello de Pontevedra suprima un convenio que é rexeitado socialmente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.