De Coalicións e confluencias. Máis aló dun debate instrumental.

Hai uns días lía nas redes que a Secretaria Xeral de Podemos Galicia se refería ao resultado da votación telemática de Podemos como “coalición á catalá”. Definía así o resultado da consulta, e celebraba o apoio das bases a dita opción.

Non sei se é interesado ou non falar de “coalición á catalá” para referirse ao proceso político que hai en marcha en Galicia a fin defender unha coalición e non unha confluencia de forzas agrupadas en partido instrumental, pero como mínimo, si é equívoco, e parece querer vestir dito proceso dun traxe que non se adapta nin ao contexto político catalán nin seguramente ao galego. 

Para desfacer o equívoco, podo explicar que nestes momentos, en Catalunya hai un debate aberto sobre que proceso, que natureza de suxeito, de que maneira, con que contidos e obxectivos e con quen se configurará politicamente un espazo que aínda está por artellar. Na miña opinión, este espazo debería trascender o obxectivo unicamente electoral para o que no seu día se configurou a coalición Catalunya Si Que es Pot -cómpre lembrar, sen a participación dos comúns-, polo que precisamos un espazo máis amplo para aumentar a capacidade de resposta sobre o devir do territorio catalán, nos seus eixos nacional e social.

Para desfacer o equívoco, podo explicar que nestes momentos, en Catalunya hai un debate aberto sobre que proceso, que natureza de suxeito, de que maneira, con que contidos e obxectivos e con quen se configurará politicamente un espazo que aínda está por artellar

Pero independentemente da miña opinión, o que está claro é que este devir, así coma o instrumento para artellalo, o decidirán as forzas políticas e sociais de Catalunya nun proceso constituinte e democrático. Democrático, sempre que parta da igualdade de condicións entre todos os actores interpelados para habitar ese espazo de fronteiras necesariamente difusas. Cando iso que se di “cidadanía” desata un proceso constituínte, complexízase a trama, xa que a cidadanía está organizada de mil maneiras, e non necesariamente nunha organicidade previa constituída, por moi nova que sexa.

Así que, no contexto catalán, abocado a outro ritmo que o galego, e atravesado por outros debates propios, ninguén decidiu aínda cal será a opción desexable e a mellor estrutura que poida responder aos grandes retos políticos que se están a producir en Catalunya. O futuro suxeito político ("o que sexa á catalana") decidirase en Catalunya, así como o suxeito político galego debería decidirse en Galicia, para responder ós retos políticos galegos.

E Madrid, se quere, pode mirar.

A “coalición á catalá”, pois,  non existe, non é tal, ou se cadra é outra cousa que non se adapta ben á idea da Secretaria Xeral de Podemos Galicia

A “coalición á catalá”, pois,  non existe, non é tal, ou se cadra é outra cousa que non se adapta ben á idea da Secretaria Xeral de Podemos Galicia. Quizais Carmen Santos se refire á coalición En Comú Podem, que opera no espazo do Congreso dos Deputados, e que non naceu para responder á natureza dun desafío constituínte, senón que é unha maridaxe política feita para concorrer ás eleccións xerais do 20 D e do 26X, nun momento e contexto en que seguramente esta foi a mellor das solucións posibles. Isto non a converte en menos estratéxica. Ao contrario, cada contexto precisa dunha lectura concreta, xa que non existe unha única hipótese. O camiño é longo e curvoso.

A forma, logo, é importante, e por iso en Galicia, neste intre, cómpre preguntarse cal é a estrutura que permita non só un salto institucional, senón chegar a construír, có tempo, o cambio cultural co que soñamos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.