A prepararse para a hora da verdade

Temos vivido unhas semanas trepidantes, onde a incerteza mesturábase coa urxencia da necesaria unidade de todas as persoas e espazos que apostamos polo cambio político. Finalmente, tal e como algunhas vimos defendendo con firmeza en Podemos e noutros ámbitos, impúxose a cordura e haberá unha soa marca electoral que represente a todo ese substrato amplo e difuso que, estando farto do PP, non quere que o seu substituto sexa o PSOE.

Impúxose a cordura e haberá unha soa marca electoral que represente a todo ese substrato amplo e difuso que, estando farto do PP, non quere que o seu substituto sexa o PSOE

En Marea ten diante dous retos fundamentais. Por unha parte, construír un suxeito político galego forte. Pola outra, derrotar o Partido Popular. Desenvolveremos brevemente estas dúas ideas.

Construír En Marea non vai ser unha tarefa doada. Demos un primeiro paso importante, dotándonos de regras comúns aceptadas por todos os actores do bloque do cambio. Pero é necesario ir máis aló. Primeiro que estas primarias non sexan competitivas, senón cooperativas, é dicir, que sexan unhas primarias onde o respecto e a fraternidade, así como o debate político, sexan a lóxica dominante. Isto é fundamental para recuperar credibilidade ante a opinión pública, farta de divisións e de egos. Estas eleccións teñen que servir tamén para fomentar a autoorganización popular. En Marea ten sentido se ten presenza nos centros de traballo, na sociedade civil, se conseguimos reverter ese virus neoliberal que nos fai vernos como individuos enfrontados entre nós, e comezar a construír comunidade. Para iso é preciso mobilizarse e organizarse, deixar claro que non queremos ser un partido político de profesionais, senón unha ferramenta da xente común e traballadora que ten como obxectivo construír unha Galicia democrática e con dereitos para todas as persoas.

Estas eleccións teñen que servir tamén para fomentar a autoorganización popular. En Marea ten sentido se ten presenza nos centros de traballo, na sociedade civil, se conseguimos reverter ese virus neoliberal que nos fai vernos como individuos enfrontados entre nós

Esa Galiza xa existe, aínda que o PP teña intentado esmagala unha e outra vez. É a Galiza que se mobiliza en defensa da súa sanidade, do seu ensino, da súa terra e do seu patrimonio natural, é a Galiza que non acepta as violencias machistas. Porén, non debemos minusvalorar o PP, un adversario ao servizo dos poderosos que construíu o seu poder artellando unha relación hexemónica cun sector das clases subalternas. Por iso, estas eleccións son unha disputa complexa, na que debemos atraer cara nós a sectores tradicionalmente alleos á esquerda. Para facelo, debemos basearnos en toda a potencia organizada, pero á vez, entender que estamos disputando un país. O noso programa electoral debe ser radical no sentido no que o dicía Marx, de “ir á raíz” dos problemas. A crise económica que empobreceu a xente común só ten dúas saídas: ou a precarización constante que propón o PP, unha saída baseada na perda de dereitos, ou unha democratización da economía e a política. É unha cuestión de vontade colectiva rematar coa corrupción, recuperar a soberanía popular dotándonos de recursos financeiros para xerar emprego, acabar coas violencias machistas ou dotarnos dunha política de investimento en recursos e infraestruturas que protexan a nosa terra. Ademais, úrxenos.

Estas eleccións son unha disputa complexa, na que debemos atraer cara nós a sectores tradicionalmente alleos á esquerda

O 15M foi o comezo da apertura dun ciclo multitudinario de rebeldía contra a inxustiza. Podemos recolleu a luva disputando co PP e co PSOE.  As mareas municipalistas foron unha vitoria importante. Agora precisamos dar un paso máis aló. Aínda que é fundamental, non basta con derrotar ao PP nas urnas, temos que construír democracia por abaixo. Ese é o gran reto que temos por diante.

*Paula Quinteiro encabeza a lista En Movemento-Pola creba democrática para as primarias de En Marea na provincia de Pontevedra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.