Un garabullo é un pau

A finais do século XVIII, o reverendo Thomas Malthus sentenciou que o poder da poboación era superior ao poder da terra para producir subsistencia para o home; ou o que é o mesmo, que a demanda humana (como un todo) era infinita, namentres os recursos agrícolas do planeta eran limitados. Posteriormente, grazas aos desenvolvementos na tecnoloxía agraria, nos fertilizantes e pesticidas, a terra amosou que podía ser centos de veces mais produtiva, e que os traballadores no longo prazo podían gañar significativamente mais ca o mínimo de subsistencia. Nos tempos actuais hai comida abonda, pero os problemas están relacionados coa súa distribución ou coa implementación de novas tecnoloxías. Un argumento neomalthusiano apareceu tempo despois: que o incremento da fertilidade da terra, da tecnoloxía e da produtividade do traballo debían ter os seus límites; porén, na realidade isto non sucedeu nin trazas ten de facelo. Semella que as lóbregas prédicas do crego economista foron superadas de vez.

Ou non. Porque a economía ten outra lousa enriba do lombo: garantida a subsistencia, como facer que siga comendo quen xa ten a barriga chea. Este é o gran dilema da economía de mercado e, para ben ou para mal, o seu gran trunfo. Polo lado da demanda está a propia natureza humana, que xa o Eclesiastés afirmaba que “nunca se sacia o ollo de ver, nin o oído de ouvir”, e o gran economista americano F. Knight que “o que mais quere o individuo de sentido común non é satisfacer os desexos que ten, senón mais e mellores desexos”. Polo lado da oferta, a economía de mercado amosouse encantada de remexer na alma humana e converter os seus desexos en urxentes necesidades vitais.  Digamos que se xuntaron a fame e mailas gañas de comer. Abonda comparar o que necesitabamos hai só 20 anos para sobrevivir no mundo civilizado coas cousas que precisamos hoxe, e só para non ser considerado un bicho raro. Coñezo a xente que, sen vivir no medio do monte, non usa teléfono móbil e accede a internet de Pascuas en venres; pero son casos contados e pintorescos, porque o normal é mudar de móbil cada dous anos e consultar en internet ata de onde sopra o aire, para botar unha mexada de campo e non chaspizar as canelas. Hai 20 anos, mollabas o dedo índice, erguíalo cara o ceo e sabías on line de onde sopraba. Non era un método mais ineficiente nin mais ineficaz, pero era de balde e iso ficaba fóra das ansias da economía de mercado.

Onte baleirei no lixo un baúl de xoguetes dos fillos, a meirande parte deles esfandangados ou en anacos. Entre eles toda unha recua de benténs (Ben 10), co seu reloxo máxico e as súas transformacións en Pesadelo, Lume, Xeo, Cripto, Mono-araña, Ameba, Trade, Enredadeira, ... e non sigo, por non vos aburrir; todos eles dunha imposibilidade tan explícita que o rapaz non tiña por que acender imaxinación ningunha, acaso só abraio e pasmo ante aquelas feituras rechamantes e diabólicas. Un día, paseando polos montes de Cadrón, vin un garabullo no chan que con moita imaxinación podía lembrar a unha pistola e amoséillelo aos fillos. Miña naiciña o que tal descubriron! Durante unha boa tempada enchemos a casa de paus de tódalas feituras e tamaños, que podían ser unha e mil cousas, hoxe unha e mañá outra distinta; pistolas, espadas, escopetas, paus de golf ou de hockey, e que sei eu cantas cousas mais. Dunha vez tiven que facerlle acomodo no coche a unha póla de carballo de dous metros, porque á filla metéuselle na corna que tiña que ser aquela e punto. Por suposto, o tempo dos paus tamén pasou e remataron todos alimentando o lume da cheminea, pero penso que foron mais eficaces e mais eficientes ca os benténs, e por riba, de balde e sen custes de reciclaxe. E isto, xa dixemos, fica fóra das ansias da economía de mercado.

Xa sei que é tarefa difícil, pero imaxinade que estades dando un paseo despreocupado polas congostras de Cadrón e vedes un cativo riba dun valado xogando cun bentén entre as mans. Carai! o progreso tamén chegou aquí, seguro que pensades; e se tedes a desgraza de seren economistas, sumades os dez euros do boneco e concluídes felices que o PIB de Cadrón aumentou na mesma cantidade vía consumo. Imaxinade agora que camiño adiante vedes outro cativo, desta unha pícara choutando á pata coxa sobre uns cadrados debuxados na terra reseca, empurrando coa biqueira do zapato unha pedriña por riba dos cadrados. Que riquiña a Galicia profunda, pensades; e tirádeslle unha foto co iphone7 (que é a sétima transformación do Iphone, que o mesmo lle pasaba ao bentén) para de seguido subir o retrato ao feisbu (en branco e negro, ou se cadra en sepia), o mesmo que faría un neoiorquino de visita nunha reserva india; e se sodes economistas, retorcedes o mostacho e rosmades: “Igual ca hai cen anos...así non imos a ningures”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.