Feijóo e o lume

Galicia responde por máis da metade da superficie forestal do estado español. Supón unha verdade estatística que Galicia sempre arderá máis có resto. Resulta aínda máis certo que de coincidiren temperaturas superiores aos 30 graos, ventos a máis de 30 quilómetros por hora e humidade por baixo do 30% o lume prenderá máis rápido, propagarase máis forte e moverase máis incontido.

A lei do 30-30-30 era certa en 2006 cando se deron esas condicións durante as dúas primeiras semanas de agosto e éo en 2016 cando estiveron moi preto de volver darse. Núñez Feijóo sabíao daquela e sábeo agora. A diferenza é que agora di a verdade ao invocala e daquela mentía ao negala para sacar rédito político dos incendios.

Galicia gasta cada ano case o dobre en sufocar os incendios que en xestionar o monte. Houbo exercicios onde a loita contra o lume devorou mais de 170 millóns de euros, como en 2006 e 2007. Os incendios apáganse no inverno coidando o monte, parece indubidable. Pero tamén resulta notorio que existe unha industria do lume moi proveitosa, que deixa suculentos beneficios cada ano. Queimar o monte representa unha traxedia para a maioría pero tamén un bo negocio para uns poucos.

Queimar o monte representa unha traxedia para a maioría pero tamén un bo negocio para uns poucos

Sinalar a existencia de incendiarios non é culpar a sociedade civil galega. Existen verdadeiros delincuentes do lume que se organizan en tramas e actúan como bandas criminais ante a indiferenza ou a falta de medios dunhas forzas de orde e unha xustiza máis preocupadas por outros delitos. Núñez Feijóo sabíao daquela e sábeo agora. A diferenza é que agora di a verdade ao falar de terrorismo ambiental e daquela mentía ao negar a súa existencia para sacar rédito político dos incendios.

Feijóo di a verdade ao falar de terrorismo ambiental e en 2006 mentía ao negar a súa existencia para sacar rédito político dos incendios

A mala xestión e a falta de previsión das administracións limitan a capacidade de xestión dos incendios e moitas veces avivan o lume. Por iso arden máis de 90.000 hectáreas un ano ou máis de 10.000 nunha semana. En 2006 o bipartito equivocouse gravemente ao presentarse en xullo sen completar o cambio no sistema contraincendios para dotalo dun operativo mais profesional e ao atrasar a contratación das brigadas municipais ante o boicot organizado desde os concellos do PP. En 2016 o goberno Feijóo equivocouse gravemente ao atrasar a posta en marcha do seu dispositivo antiincendios até mediados de xullo e conxelar a sinatura dos convenios cos concellos para aforrar uns centos miles de euros e seguir presumindo de control do gasto.

O goberno Feijóo equivocouse gravemente ao atrasar a posta en marcha do seu dispositivo antiincendios até mediados de xullo e conxelar a sinatura dos convenios cos concellos para aforrar uns centos miles de euros e seguir presumindo de control do gasto

En ambos os dous casos existe responsabilidade política e debeu e debe asumirse. Núñez Feijóo sabíao daquela e sábeo agora. A diferenza é que en 2006 dicía a verdade ao reclamala e agora en 2016 mente ao negala para tentar que a oposición non saque rédito político dos incendios. Iso é todo, señoría.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.