A independencia da Marea

Neste país pasou nestes últimos días algo notábel e non por acaso persoas documentadas do nível do xornalista de La Vanguardia, Enric Juliana, veñen de salientalo. En Marea definiu unha estratexia aquelada, que xorde da oportunidade do tempo político, mais tamén dunha acertada selección de candidato e da incorporación de centos de persoas vinculadas ao galeguismo e a distintas experiencias municipalistas. Das resultas deste proceso, Podemos aceptou, canda EU, o principio de autoorganización que se viña reclamando dende sectores moi plurais dende hai un ano. Deste xeito, En Marea afortala a súa independencia e alarga o seu espazo político cara ao amplo centro-esquerda dende unha visión de País.

En Marea afortala a súa independencia e alarga o seu espazo político cara ao amplo centro-esquerda dende unha visión de País

Por primeira vez en moito tempo, a tensión Galicia-Estado na construción da alternativa política resolveuse a prol do noso País como centro de decisión. Os principais axentes preferiron construír alternativa nacional a ser peóns de tácticas sucursalistas. E, polo de agora, gañaron.
O tempo político, marcado polo bloqueo político estatal, posibilitou unha construción en clave de país, claramente hexemonizada por axentes de orixe e sensibilidade galeguista, mais que ofrece un espazo para os galegos alleos a esta sensibilidade que, porén, acreditan no seu País como referencia. En realidade, dende as formulacións da nova política aténdese ao obxectivo común do galeguismo cívico dos últimos trinta anos: resolver con pragmatismo e inclusión os binomios  autogoberno-benestar,  identidade-xustiza social e nación-cidadanía.

Cara ás eleccións do 25-S, así e todo, En Marea ten que gañar a confianza dos centos de milleiros de galegos que queren a fin da austeridade, unha xestión transformadora e eficiente, unha sociedade máis xusta e un País dinámico e  operante no erstado, na Europa e no mundo. Ten que proxectar un candidato ben armado de valores de civismo e profesionalidade e superar certas minoritarias tendencias a falar moito e facer pouco.

Feijóo é o máis prexudicado por esta solución en clave galega. Desmontóuselle o seu discurso das Mareas de Podemos

No curto prazo, Feijóo é o máis prexudicado por esta solución en clave galega. Desmontóuselle o seu discurso das Mareas de Podemos e vai ter que confrontar con relatos de valores,  cifras e feitos. Mais tamén contra PSdeG, BNG e CxG. A maioría social de galegos e galegas non adictos ao PP pode espertar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.