0 Gardados para despois

Diogo Tabuada

Vivir – e pensar – coma os zombies

En vida adoitamos dicir cousas con ton rotundo e vontade de perpetuidade; ás veces é un mero xogueteo, unha teatralización cómica sen máis intención que a de afirmarse para sacarse denriba os corsés das palabras feitas, outras veces é froito do momento, do ánimo apaixoado, da desidia, do cansazo. Até que chega Cronos e, como adoita ser habitual, ponnos no sitio que nos corresponde e fainos reflexionar con máis ecuanimidade sobre o dito, feito he escrito dende ese puntiño de contradicción que anida sempre en calqueira persoa.

Unha desas cousas que adoita brotar coma hábito mental espontáneo, tal se fose coma esas verdades auto-evidentes que se din nas tabernas, é a seguinte : ¡A neutralidade non existe!, ¡Ser neutral é de cobardes, hai que mollarse!. Eu, confésoo, díxeno e escribino en ocasions, mais, sen ánimo de xustificarme, tratarei de aclarar o contexto; houbo un tempo non moi lonxán no que me propuxen facer unha charla na miña vila natal, Chantada, nas terras de Asma, en concreto, que forman parte da Ribeira Sacra Lucense, máis en concreto, onde tranquila e serenamente vivo, penso, traballo e escribo. A charla en cuestión, que formaba parte dunha serie delas que viña de impulsar na vila, versaba sobre a Operación Borde Protector na franxa de Gaza. A entrevistadora da TV local insinuoume, con toda a lóxica do mundo, se era posible un enfoque neutral ou imparcial sobre o conflicto israelo-palestino; respondín nin máis nin menos que o que penso e sinto agora coa rotundidade que da un proceso de reflexión e esculca con posición ética e moral intrínseca : non, neste caso – e é importante o neste caso – a neutralidade é imposible.

Creo que nalgún lugar escribín que a chamada filosofía da neutralidade – ou do inxusto termo medio, como a chamaba Montalbán – causame unha visceral aversión. Sen ánimo, de novo, de xustificarme, porque a palabra falada e escrita adoita levar a xeralizacions e interpretacions estreitas e erróneas, cando non inxustas, quixera matizar que é precisamente cando se formula un xuízo moral con descoñecimento de causa e escenario cando tal neutralidade me desagrada. Ou dito con máis precisión, é cando a valoración moral se formula de xeito apriorístico, sen profundar previamente con información, fontes e documentación rigurosa e variada, cando tal neutralidade me desagrada tanto como me pode desagradar a súa contraria : a toma de posición. E desagrádame, perdónenme se lles asusta esta expresión, dun xeito que podería calificar coma de santa e xusta ira. E isto non por outro motivo que porque considero que un xuízo moral pode cometer unha profunda inxustiza con quenes son actores dun conflicto que nos negamos a entender analíticamente con precisión e detalle.

Son un ser de matices e concreccions. Ademais, cónstame que a palabra oral e escrita, e o seu recordó, adoita interpretarse de moi mala fe, tanto no momento en que se formula coma unha vez pasado o tempo. Gustaríame ignorar o alto grado de mala fe que anida en tan imperfecto bicho que somos, mais non podo, pois nelo vaime, se non a vida, sí moito aforro enerxético con aqueles seres que, para enaltecerse a sí mesmos ante os demais, constrúen un contertulio tonto ou terxiversan voluntariamente as súas palabras. Nada novo; é un hábito case antropolóxico inserido no noso latinísimo temperamento.

Ao gran : a neutralidade é imposible se nos concebimos a nós mesmos só – e o só é importante – coma suxeitos con volición ética e moral, mais non o é se facemos un exercicio de cientificidade – que non de cientificismo – e nos propoñemos comprender un proceso social coa máxima claridade e obxectividade posible. A nosa condición de seres con volición ético-moral non pode despegarse da nosa condición de seres conc apacidade para o xuízo analítico.

Podemos, por suposto, cometer erros en tal pretensión. Erros tan humanos coma o non dispoñer de outras fontes de información e documentación, ou erros tan humanos coma o non conternos antes de chegar apresuradamente a calqueira tipo de conclusión. Porén, o erro, afortunadamente, forma parte do proceso de investigación, reflexión e interpretación en calqueira campo das ciencias e as artes, e quizais contra o que máis debéramos loitar non é contra o erro, senon contra a instrumentalización político-partidaria e económico-mercantil das ciencias e as artes. Dito dun xeito sinxelo : contra o hábito socializado de asociar a procura de asociar a verdade ao interés propio.

Dicía Gabriel Marcell, en paz descanse :

“Adoitase esquecer porque asimílase o feito de crer ao de formar e soster unha opinión. Mais isto é un grave erro : moito máis a miudo acontece que as nosas opinions redúcense a hábitos, a frases que nos acostumamos a pronunciar sen representarnos o que significan, sen imaxinar a maneira en que se traducirían na realidade concreta; con frecuencia veríamonos ben atrapados se a alguén se lle ocorrera traducilas en actos”.

Nada é máis habitual nos círculos político-culturais dos autodenominados partidos de esquerda en España que a procura de influencia nas fábricas de opinión en detrimento da reflexión crítica e a procura da verdade. Nada máis habitual que o activismo e a política institucional sen fundamento nin pouso filosófico, científico, político-ideolóxico e moral interiorizado. Nada máis habitual que o sacrificar a pauta de conducta concorde a volición ética e rigor analítico en aras das prisas político-electorais. E nada máis habitual, por suposto, que a loita por construir outro sentido común, outra hexemonía, poñendo no lugar da anterior mentiras e topicazos diferentes.

Quizais xa sexa hora de afirmar rotundamente que o pretender a hexemonía aplicando a lóxica conductual a fin xustifica os medios é algo que poden desexar trepadores e oportunistas que nada teñen que ver coa sensibilidade cultural dos valores de esquerda. O que ten que devir hexemónico, ademáis dos valores de liberdade e igualdade, é a procura da verdade. Nada máis – e nada menos -; é antropoloxicamente evidente que se ese valor epistemolóxico, a procura da verdade, se socializa, isto debe ter fortísimas consecuencias civilizatorias; mais, en calqueira caso, sería só durante ese intre histórico – intre que tería a natureza de revolución paradigmática, en termos do sociólogo da ciencia Thomas Khun – no que a filosofía profunda, por así dicilo, que cementa a unha civilizatio, escacha en anacos.

En resumo : procurar a verdade e comunicala é un horizonte cultural, mais a desfragmentación dunha civilizatio corrupta e retroalimentada coa mentira é tan so – e non é pouco – a consecuencia de asumir este horizonte e persistir no mesmo. Non teño mellor fundamento empírico para afirmar esto que a antropolóxica e histórica evidencia de que todo imperium desmorónase tarde ou cedo, e ese momento de desmoronamento non é só unha crise de natureza técnico-económica, senon tamén unha crise existencial e cultural na que a vella cosmovisión xa non vale, nin para interpretar unha realidade social que mudou, nin para satisfacer as necesidades máis radicais do ser humano. Polo tanto, só co recurso á violencia institucionalizada pode a mentira, a persecución e a tortura manterse ergueita.

A presencia de pautas das paitas de conducta referenciadas, así como a ausencia de outras, son o motivo profundo polo que me cansei de compartir barco con seres que non levan outro estandarte que o de clamar ¡a neutralidade non existe! sen outro motivo que o de sentenciar, en tráxica consecuencia, o seguinte : ¡polo tanto, morra a verdade e a obxectividade!.

Desta actitude vital e epistemolóxica ao esperpento máis delirante apenas media un paso, e por iso, nin máis nin menos, decidín distanciarme públicamente das mareas galegas dende un principio, non sen explicar os motivos deste distanciamento e non sen ofrecerlle a Miguel Anxo Fernán vello a miña predisposición a participar en aspectos comunicativos. Ofrecemento que non foi moi do agrado do referenciado, pois considerou incompatible o feito de traballar na tekné comunicativa - un plebeo coma min necesita cartos para comer - co uso persoal da moi erótica e liberal liberdade de expresión, pensamento e conciencia en Praza Pública. Non contento con isto, chegou a calificar o artigo aquí adxuntado coma un artigo cheo de violencia simbólica e estructural que chegaba incluso a acordarlle a tempos do fascismo. ¡Sancta simplicitas! : da reacción persoal e a santa e xusta ira que proxectei contra monsieur Fernán Vello probablemente darán boa conta unha boa recua de anxos tocando a trompeta diante da súa casa. Os mesmos anxos que agora mesmo estarán rindo a cachón nunha mesa ben nutrida de pan e viño, recordando cando o noso benquerido poeta anunciou en rede, en etapa pre-electoral, para gloria e admiración de tódolos mortais do Reino de Galicia e do mandarinato cultural todo, a efémera e mediática  folga de fame contra a política inmigratoria da UE que durou uns tres días. Din as malas linguas, querido lector, que o corpo de Fernán Vello non puido aguantar máis e cando o estómago comezou a ruxir decidiu aliviar tal sufrimento cunha opípara inxesta de viño e víveres saídos do mar. Porque, xa sabes, querido lector, que os froitos saen do mar non porque exista o balbordo das mareas, altas ou baixas, senon porque vai na natureza do mar o mostrar os froitos tanto como na natureza do home o poder escoller cales se afana en atrapar e inxestar.

Ao que importa : De novo, nese ser morto de orixe chamado En Marea, cometeuse o erro de pretender construir unidade popular onde non existen aínda, nin sinerxias culturais, nin traballo social e cultural de base, nin debate transversal. Os acrónimos que protagonizan esta pretendida confluencia político-electoral entre a esquerda nacionalista heterodoxa inicialmente portavoceada por Xosé Manuel Beiras (ANOVA), que procedeu na asamblea de Amio a un divorcio político-administrativo coa esquerda nacionalista ortodoxa hoxe mediáticamente liderada por Ana Pontón (BNG) – eu, persoalmente, avalei esa decisión– e a esquerda non-nacionalista representada polo espazo Podemos-IU, é de difícil, senon imposible, materialización.

¿Difícil, porqué?. Ao meu xeito de ver, por un motivo tan sinxelo coma profundo, que vai máis alá do cálculo aritmético e político-electoral : porque a traditio republicana do soberanismo galego de esquerdas, fragmentada a día de hoxe entre heterodoxos e ortodoxos con concepcions político-culturais moi diferentes do que debe ser un partido digno de ser atributado coma socialista e democrático, ten coma horizonte estratéxico un proceso de desenganche político-administrativo co estado español, concebindo este desenganche coma conditio sine qua non para unha política de emancipación social e ruptura civilizatoria co capitalismo neoliberal. Na cabeza, parece até fácil, coma tódalas cousas deste mundo e do outro. 

Porén, a traditio do republicanismo federal-unitario do espacio Podemos-IU, tamén fragmentada entre ortodoxos e heterodoxos con concepcions político-culturais diferentes do que debe ser un partido realmente socialista e democrático, non está nin estará nunca disposta a recoñecer as aspiracions soberanistas do nacionalismo periférico, aínda que sí recoñece – de palabra – o dereito de libre determinación, que non son, nen moito menos, la stessa cosa : a independencia é un horizonte estratéxico substantivo, tanto dende vectores di destra coma di sinistra, con motivacions e intencions rotundamente antagónicas en ámbolos dous, o dereito de libre determinación, política e xurídicamente falando, é a condición formal necesaria que debe recoñecérselle ao demos galego – e a calqueira - para exercer colectivamente as chamadas liberdades liberáis no senso ético-político do termo.

En resumo : Hegel non fai milagres, por moi estimulante que sexa coma instrumento interpretativo. E non pode facelos, non, nin de palabra, nin de obra nin de omisión. Daqueles lodos pedagóxicos os futuros lodos políticos.

Se fósemos honestos e valentes, o cal é demasiado supoñer, non teríamos máis remedio que recoñecer que, no actual contexto xeo-político, unha Galicia cun estado propio, unha Cataluña cun estado propio ou un País Vasco cun estado propio serían, como ideal, o mesmo que, como realidade, é o estado español : un vagonciño máis que tería que calar e obedecer as directrices económicas, bancarias e fiscais do Eurogrupo marcadas polas locomotoras de Alemaña e Francia. Un vagonciño, ademáis, que tería que facer o mesmo que o Eurogrupo : calar e obedecer ao imperialismo cultural e político-militar norteamericano, engadindo a esta obediencia outras anexas a imperialismo competidores e consolidados coma Rusia e China. 
Se fósemos honestos e valentes, o cal é moito supor, non teríamos máis remedio que concluir que o arribismo, a pose, o exhibicionismo verbal e mediático en redes e a improvisación verbal no medio do caos é o que caracteriza á nova esquerda. Un non pide autenticidades nin purezas – posto que non creo nelas -, o que pide é que a cousa vaia en serio se os valores e a tradición cultural e intelectual que se asume é realmente a referente á traditio emancipadora e anti-capitalista no século 21. En caso contrario, se a cousa non vai en serio, agradezo moito máis a opción de vida de quedarme contemplando o mar enriba dunha rocha

O caso é que, en honor á verdade, convén non esquecer que significantes coma socialismo e democracia son algo máis que significantes, son historia, significado, sentido e tradición crítica en cuestionamento e diálogo perpetuo coa realidade, e non están compactadas nin asumidas, nen moito menos, neste apresurado experimento de confluencia político-electoral chamado En Marea.

Non basta en absoluto con construirse e representarse nas redes sociais coma alternativa á dereita ou alternativa ao partido popular. É necesario asumir e compartir unha tradición e unha formación ideolóxica, política, científica e filosófica que o anti-intelectualismo, os anti-intelectuais e o populismo intrínseco no desexo de falar para a xente normnal e sinxela non está disposto a asumir; coma se ter nocions básicas e xerais en ámbitos como as ciencias sociais e a filosofía fose un crime, coma se o desexo de saber fose incompatible con limpar cañerías,  reparar sistemas eléctricos ou falar coa veciñanza nunha lingua tan coloquial coma fresca e viva… ou coma se un discurso estructurado, esixente e robusto non puidese ser comprendido polo demos.

Destes lodos pedagóxicos, os futuros lodos políticos, resentimentos e decepcions. E se non, ao tempo.

Acerca de Diogo Tabuada