A esquerda hoxe non aspira a transformar o mundo

Nacida en Arxelia, Wassyla Tamzali, avogada e escritora, leva anos ocupándose na Unesco da violación dos dereitos das humanas, da explotación sexual ou da violación de mulleres como arma de guerra. Ultimamente dá conferencias e escribe sobre o chamado “feminismo islámico” e o tema do burka que volve estar de actualidade como bañador.

Coincido plenamente cos seus criterios. Wassyla define o burka como un “cárcere de liño” ou como sudario. Afirma que non é unha prenda musulmá. As mulleres bereberes do Magreb, por exemplo, non usan velo. Tampouco é, di, un símbolo relixioso. Non aparece no Corán. Trátase dun símbolo de dominación, unha forma de terrorismo intelectual contra a liberdade das mulleres.

Non hai tanto que nas nosas aldeas as mulleres levaban pano, maiormente negro polo loito, do que non saían na vida. A morte estaba sempre presente e as campás variaban de toque, de anxiño a vella. As nenas usaban panos brancos cubríndoas. Tamén era obrigado o velo para entrar nas Igrexas, mesmo nas cidades. O libro do cristianismo, a Biblia non di nada ao respecto, como non o di no Corán, o libro dos musulmáns. Trátase de misoxinia, que afirma a obscenidade das mulleres. O seu corpo e atributos escandalizan.  O atraso e dependencia na que viven as mulleres musulmás, debe servirnos de espello retrovisor. Así eramos no pasado. Os esforzos feministas conseguiron o avance social, aínda que sabemos que moito queda por conseguir.

Afirma Wassila Tamzali que non se pode falar de “feminismo islámico". É un oxímoron e así mesmo unha impostura política que o goberno español non debería aceptar. Non é só o goberno español, senón tamén os outros gobernos europeos, que confundiron a política democrática coa tolerancia e foi unha perigosa equivocación. Tan intolerantes como foron noutros tempos coa expulsión dos xudeus, agora permiten a entrada doutra cultura e relixión sen medida. A esta altura da historia xa deberían saber que as crenzas están máis arraigadas en persoas con menor cultura, máis aínda se traen unha inimizade antiga. O intelixente sería a obriga de adoptar os nosos hábitos a inmigrantes, de quereren vivir e traballar connosco, en lugar de permitirlle pasarnos os seus costumes e crenzas polo nariz, coma se nada. Tal vez o aspecto máis descarado sexa o tratamento das súas mulleres. Algunhas feministas nos preocupamos, tememos un futuro no que os dereitos conseguidos polas mulleres “occidentais” nos 3 últimos séculos, se vexan ameazados. Porén, o machismo latente nas nosas sociedades e institucións, non lles deixou observalo como perigo. Sobre todo considerando o ritmo do seu crecemento demográfico.

A confusión estase pagando cara. Os actos terroristas cometidos por individuos nacidos e “educados” nos países europeos, dan conta do gran erro. Fixéronse moi fortes, dada a tolerancia posmoderna, e multiplicáronse debido ao seu atraso e ignorancia. Agora, que?

A Wassila Tamzali sorpréndelle que a esquerda europea non se enfronte a esa impostura, nin ao burka, como sería lóxico. A “esquerda”, hoxe, é incapaz de formular unha moral. Todo lles parece tolerable aos corifeos do culturalismo. As feministas racionalistas, ao cuestionarmos o velo, facilmente somos consideradas de dereitas e intolerantes. A súa idea de liberdade fúndase na liberdade subxectiva. Cada quen ten dereito ao seu criterio e costume, e cómpre respectalo, mesmo se afoga a xustiza e a razón. O que se define como “esquerda” hoxe, xa non aspira a transformar o mundo, senón que o acepta como é.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.