Atreverse coa incertidume

Os novos modelos organizativos e as novas categorías interpretativas da realidade están a provocar reticencias e desconfianzas, fundamentalmente  porque cuestionan a certeza e a seguridade que nos ofrecen aqueles outros modelos aos que estamos afeitos e cuxas pautas asumimos dun xeito inercial. Perante calquer asomo de desaxustes, disonancias, erros ou disfuncións destas novas construcións, agroma inmediata a crítica e a nostalxia por aquilo que foi tanto tempo coñecido e vivido sen cuestionar que, precisamente, estas construcións xurden para dar resposta á incapacidade de funcionar eficazmente cos esquemas tradicionais. Xurden novedosas, e necesariamente causan desorientación.

Son novas prácticas e novos conceptos que, inevitabelmente, van ir configurando a comprensión e ás respostas sobre a realidade social e, dada a súa novidade, irán consolidándose con erros e acertos sen que isto signifique febleza, senón todo un horizonte de potencialidade.  A demanda de estruturas participativas, abertas, horizontais, de movementos transversais, de experiencias sociais alternativas;   a elaboración de categorías como colonialidade do ser, do saber, do poder; epistemoloxía fronteiriza, socioloxía de ausencias e emerxencias, pensamento dos límites, transmodernidade, mundo-outro, coñecemento-outro,... abren a esperanza á resistencia e á ofensiva contra a dominación.

A enorme transformación que se está a dar desde hai corenta anos obriga a revisar os marcos conceptuais e organizativos que están a amosar déficits significativos para enfrontar os desafíos actuais. Apontaba Wallerstein, xa a comezos deste século, que o moderno sistema mundial acháse nunha bifurcación fundamental e que nos enfrontamos a dúas grandes incertidumes sociais. Unha é a pregunta sobre cal será a natureza do novo sistema social que estamos a construir e a outra consiste en saber cal será a epistemoloxía das novas estruturas de coñecemento. Consideraba que a economía-mundo capitalista está a nos presentar paisaxes descoñecidas e horizontes incertos, e que a confusión xerada por esta situación conduce ao refuxio en dogmatismos.

As escalas coas que identificamos os fenómenos, os conflitos e as reaccións están afectadas por procesos turbulentos de dimensións globais que, segundo Boaventura de Sousa Santos, provocan unha inestabilidade sistémica na que, un mínimo cambio, pode provocar efectos imprevisibeis. A metáfora, o pacto ou contrato, sobre a que se foi construíndo a racionalidade política e social da modernidade está a mudar de xeito vertixinoso e a lóxica da acumulación e a razón do mercado impóñense implacabelmente sobre as relación humanas así como sobre todos os procesos da vida no planeta, ameazando cunha crise civilizatoria sen precedentes. O traballo, o consumo, a intersubxectividade, o propio Estado, se reconfiguran en función destas dinámicas globais con novos ritmos e temporalidades. Ámbitos e espazos até hai pouco vedados á dinámica do mercado, van sendo apropiados nun proceso de desposuímento social que semella non ter fin. O poder multipolar e descentrado dificulta o recoñecemento da procedencia das agresións, a identificación dos opresores e a articulación das respostas. A dificultade rétanos a experimentar con outras fórmulas, evidentemente debedoras do pasado.

Acostumarnos a pensar e actuar sen esquemas prefabricados convírtese nunha necesidade para pasar do coñecemento como regulación ao coñecemento como emancipación. Os erros e os fracasos deixan, así, de ser unha carreira frustrante de obstáculos para se converter en portas abertas a novos desafíos. Definir un modelo futuro ríxido e pechado, ao que hai que chegar a través duns medios tamén predefinidos, corre o risco de limitar o abano das múltiples posibilidades que nos poderían ofrecer vías útiles e eficaces para avanzar nos procesos de liberación.  Prefigurar un novo mundo implica ir construíndo, e corrixindo, o futuro no presente. O pensamento sobre as alternativas tamén debe ser alternativo.

Abordar como e desde onde enfrontar as dificultades, deliberando e construíndo instrumentos de poder popular que faciliten a integración e non sexan autorreferenciais. Que vaian, ao mesmo tempo, facilitando a creación de espazos alternativos e a confrontación co sistema, sen a obsesión de certezas, correcións ou dogmatismos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.