A austeridade e a desigualdade

Nestas mesmas páxinas (As vítimas da desigualdade en Galiza , 01.03.2016),  xa sinalara que “unha das grandes herdanzas que vai deixar A. Núñez Feijoo, froito da súa xestión política ao fronte da Xunta de Galiza, será a dun país enormemente desigual”(*). Un crecemento exponencial da desigualdade en Galiza froito das políticas que se veñen aplicando logo do estoupido da grande crise (2008).

A Xunta de Galiza (PP), que presidiu durante dúas lexislaturas A. Núñez Feijoo, presumiu acotío de ser unha alumna avantaxada das políticas de austeridade. Das primeiras autonomías en aplicar os recortes no gasto público, en defender as rebaixas salariais e o enfeblecemento do movemento sindical e de facilitar a venta de activos públicos ao capital privado.

E como era lóxico que sucedera tales políticas austericidas tiveron uns efectos desastrosos para Galiza, moi especialmente para as clases populares. As evidencias son contundentes e pódense resumir nun imparable crecemento da desigualdade e a exclusión social que derivaron nun novo reponte da emigración. Evidencias que nin os informes encargados pola propia Xunta de Galiza son quen de ocultar (CES.Galicia: “Memoria sobre a situación económica e social de Galicia 2015”)

Evidencias que, como sinalaba, teñen bases obxectivas: as políticas de austeridade aplicadas tanto pola Xunta de Galiza como polo Goberno de España. Políticas que levaron a un deterioro do mercado laboral, unha desfeita tanto de servizos públicos fundamentais –ensino, sanidade, dependencia …- como de servizos privados estratéxicos –sistema bancario-, unha crise terminal de sectores produtivos básicos e fundamentais -lácteo..- e a unha prolongación da recesión económica.

E é que esta Xunta de Galiza (PP) actuou sempre a prol das rendas de capital e contra as rendas do traballo e as rendas públicas –as veces de xeito escandaloso como por caso nos servizos públicos de benestar-. Do mesmo xeito que xogou a prol das posturas centralistas do goberno español (PP) e en contra das necesidades políticas e financeiras de Galiza –como por caso apoiando no CPFF os postulados do goberno central de mingua financeira das autonomías e os concellos ou mesmo facilitando a desfeita programada por aquel, ao traveso do Banco de España, das caixas de aforro galegas-. Un ríxido posicionamento político a pesares da evidencia dos seus negativos efectos para a economía, a sociedade e a propia autonomía de Galiza. 

Efectos que se reflicten na porcentaxe da poboación galega (23,8%) que vive en risco de pobreza ou exclusión social (XOSE CUNS TRABA, EAPN Galiza: "Cara unha RISSGA das persoas". TEMPOS NOVOS, febreiro 2016), no de familias (26%) que teñen dificultades para chegar a fin de mes (CES.Galicia: “Memoria sobre a situación económica e social de Galicia 2015”), de familias (30%) que non teñen ningún ingreso de traballo (CES.Galicia: “Memoria sobre a situación económica e social de Galicia 2014”) e/ou o número de traballadores desempregados (50%) que non perciben ningún tipo de prestación oficial. Valores que son probas empíricas indiscutibles de que a desigualdade en Galiza disparouse dende a grande crise (2008) como non sucedera dende fai moitas décadas. Velaí que haxa que cualificar como moi oportuna a chamada ás forzas políticas por parte das entidades galegas representadas en EAPN-Galicia (Rede Galega de Loita contra a Pobreza) para que adopten compromisos concretos cara a mellora da calidade de vida destas persoas que sofren pobreza e exclusión.

Un dos maiores problemas macroeconómicos de Galiza foi sempre a debilidade e pequenez do seu mercado laboral –empregos, salarios-. Un problema que si estourou coa grande crise (2008) prolongouse, incluso intensificouse, coas políticas de austeridade que vimos denunciando.

Segundo nos sinalan as estatísticas oficias (Contabilidad Nacional. INE/IGE) nos derradeiros anos a participación dos salarios no Produto Interior Bruto non parou de caer chegando a acadar o valor mais baixo de sempre (Galiza: 44,5%) mentres as rendas de capital, que non pararon de medrar, ascenderon ao mais elevado (Galiza: 45,3%): as ganancias en produtividade destes anos foron a parar as mans do capital sendo Galiza unha das escasas comunidades autónomas nas que o peso dos salarios na riqueza nacional e inferior o das rendas de capital. Unhas desigualdades que se reflicten tamén na ampliación da lenda entre as propias rendas salariais ao medrar espectacularmente o número de traballadores con salarios baixos fronte aos de salarios altos: recollendo datos da Axencia Tributaria sabemos que preto do 31% do traballadores galegos empregados –uns 320.000- teñen un salario inferior ao SMI. Que hai xente en Galiza que atopa un traballo pero tan precario que non pode saír da exclusión e a pobreza, que a porcentaxe de traballadores galegos en risco de pobreza ascende ao 18,5% –uns 200.000 traballadores galegos-:“1 de cada 5 traballadores galegos sofren pobreza laboral” (CIG: Informe laboral de Galiza 2015) pois teñen ingresos inferiores aos 325 euros.

Este deterioro do salario real xunto ao elevado desemprego e as cativas prestacións por desemprego, explican que a emigración repintara de novo –dende que comezou a crise (2008), emigraron de Galiza preto de 120.000 mozos (IGE): máis do 41% dos mozos galegos, os mellor cualificados de sempre, rematan na emigración-. Unha emigración que afecta, maiormente, aos/as mozos/as das familias de rendas baixas xa que estas, a diferenza das familias de rendas medias e altas, non poden permitirse o luxo de teren os fillos na casa sen traballar. I é que por primeira vez na historia recente deste país “os fillos viven peor que os país”.

A política de axuste fiscal ten causado en Galiza un enorme dano a atención sanitaria pública. Dende que o Sr. Feijoo (PP) é Presidente da Xunta de Galiza (2009) o orzamento público galego para a atención sanitaria diminuíu un 3% de media anual o tempo que se produce unha intensa penetración do capital privado. Unha redución no gasto (M. MARTIN: Deteriorización asistencial e privatización. TEMPOS NOVOS febreiro 2015) que tivo como vítima principal a Atención Primaria (AP), cuxo abandono e marxinación prexudica en particular aos pacientes mais vulnerables –como por caso os pacientes con doenzas crónicas- pero, en xeral, aos de rendas mais baixas. Pacientes que por falta de recursos non poden ir a sanidade privada como si poden os galegos de rendas altas –téñase en conta ademais a importancia da AP nun país con tal dispersión xeográfica e tan relevante peso das persoas maiores-. Como ten moi ben documentado a OMS (Organización Mundial da Saúde:  Informe 2010) e demostran tódalas evidencias –como por caso os Estados Unidos e Gran Bretaña (PNUD: Informe sobre desenrolo humano)- os recortes do gasto público na atención sanitaria afectan a mortalidade e a esperanza de vida das persoas, sendo por outra parte unha causa de redución da equidade no acceso ao sistema sanitario público establecendo auténticas restricións que afectan aos cidadáns mais vulnerables (Mª LUISA LORES: O desmantelamento dos recursos. TEMPOS NOVOS, febreiro 2015).

Unha das maiores e mais fundamentadas criticas que, dende moitos sectores, fáiselle a política educativa da Xunta de Galiza é a de que fomenta a desigualdade no ensino ao favorecer aos estudantes procedentes das familias ricas en prexuízo do resto de estudantes. Facer –especialmente en épocas da crise como na actualidade- que o estudar sexa mais caro –un 14% en Galiza- e fomentar a desigualdade educativa e impedir o acceso aos estudos –especialmente aos superiores- aos estudantes de familias de rendas baixas (Informes PISA). As evidencias son cuantiosas: así estamos vendo, por unha parte, como os impagos nas Universidades galegas multiplícanse facendo que se incremente de xeito moi preocupante o risco de que cada vez mais alumnos teñan que abandonar os estudios universitarios por falla de recursos para pagalas taxas (“Na UDC estamos vendo como xa hai xente que renuncia a matricula cando chegan ao segundo o terceiro prazo de pago porque non poden asumir o custo. Temos un índice de renuncias nun 40% superior ao do ano anterior”. X.L. ARMESTO, exreitor da UDC).

Por outra parte, os recortes dos orzamentos públicos en formación ocupacional, algo que debera ser fundamental nun período de desemprego tan elevado, non deixa de seren unha irresponsabilidade. O mesmo sucede cos recortes do gasto do ensino escolar que amais de beneficiar ao ensino privado, afectan tanto a propia calidade do ensino público –menores recursos, menos medios, menos persoal- como  prexudica maiormente aos escolares procedentes de familias con rendas baixas: que en época de crise como na actualidade, con un elevado desemprego e caída de ingresos, fáganse recortes nos comedores escolares resulta, cando menos moi temerario. “Os expertos no ensino demostraron que a fame e unha alimentación inadecuada dificultan o aprendizaxe. Por iso son tan importantes os programas de becas de comedor” (J. STIGLITZ, O prezo da desigualdade). Tamén cabe subliñar que é nas zonas rurais onde hai mais recortes co peche de unidades nos centros e escolas unitarias o que obriga a moitos escolares galegos de curta idade a viaxar mais para chegar ao seu centro educativo no que a xuntanza de cursos está a ocasionar unha indiscutible merma de calidade do ensino escolar.

Poderíamos tamén falar do impacto que os recortes teñen tanto nos servizos de atención aos maiores e a infancia como na igualdade de xénero pero ocuparíamos aínda mais espazo. Simplemente subliñar que os/as maiores, os/as nenos/as e as mulleres vense, en Galiza, especialmente discriminados/as polas políticas de austeridade como confirman tódalas evidencias. Volverei sobre estes temas en vindeiras colaboracións.

Velaí a grande, pero fermosa, tarefa que terán por diante as forzas progresistas de Galiza si logo das eleccións vindeiras (20S) aceden a Xunta de Galiza: reverter estas políticas de austeridade que tanto dano e dor están causando en cada vez mais familias e colectivos galegos. Unha nova lexislatura co PP gobernando a Xunta de Galiza sería demoledor tanto no terreo político como no social no que se dispararían, aínda mais, o desemprego, a emigración e a exclusión social.


(*): Moitas das teses aquí expostas xa estaban no texto citado pero considero oportuno  a súa reedición dado que as cousas non fixeron mais que empeorar polo que deben ser denunciadas novamente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.