A conxura dos mentiráns patolóxicos

“Logo veu a conga de Jalisco, a raspa, outra vez o pasimisí, o pasodoble España cañí, a ovejita lucera e polo río abaixo vai unha troita de pé.”  (Xoguetes para un tempo prohibido, Carlos Casares).

Que clase de pecado cometeriamos, para que os rapa-lindeiras que nos gobernan –ou que nos mangonean- se empeñen en facernos apandar con esa inaudita penitencia, de enfiarnos dúas mentiras por cada frase que pronuncian?

O que define a estes quincalleiros da palabra, escondidos debaixo dunha pelica de chumbo negro, é a súa revirada teimosía por distraernos con parvadas arrogantes, aproveitando os nosos descoidos para adentarnos o pescozo e zugarnos as ansias de vivir con normalidade. Caracterízanse por padecer unha doenza crónica que lles permite negar a evidencia con absoluta normalidade, dende o abrente ata que se esvaece o día. Distínguense pola groseira actitude que os capacita para trocar a orde natural das cousas, ata o punto de pórse colorados cando, por despiste, se lle ocorreu dicir a verdade. Así é como nos fumigan as esperanzas, coa hipnose que nos inxectan, esmendrellándose de risa ao ver como nos arden as meixelas, por ter que apandar coas trolas que nos apoñen sen fundamento.

Esa insólita soberbia, tan propia dos falsarios patolóxicos, que lles inza nos miolos aos depredadores da verdade, é a menciña que lles permite rirse de nós sen inmutarse, ata rebaixar á categoría de insignificantes as cousas que tanto nos importan.

Probas palpables dos calvarios políticos, que enfeitan as casacas deste exército de furrieles reenganchados, afloran a miúdo en calquera esquina do mapa. Soportamos impertérritos as monadas dun Presidente, capaz de elevar a mentira á categoría de ideario, verbi gratia, cando se empeña en tomarnos por parvos, con ducias de asuntos coma o do seu camarada íntimo, apelidado Soria. E, se iso fose pouco, non deixan de agromar vulgares imitadores, que reciben medallas por plaxiar as ocorrencias do amo. Dona María Dolores afirma sen pudor, que non se arrepinte de nada por ter apoiado, para o Banco Mundial, a candidatura dun fulano que tivo que deixar de ser ministro, por mentir tantas veces como días ten o ano. E dona Soraya declara, con solemnidade e aleivosía, que un goberno en funcións non está obrigado a explicar as súas babecadas, nin sequera na Cámara dos representantes da cidadanía. E non pasa nada.

Ah! Nestes tempos de tanta cativeza política, infestados por unha atmosfera noxenta que non escampa, nos que mentir ou chamarlle a outro mentirán non ten maior importancia, o meu tío Lisardo reza e non para de rezar aquela atinada xaculatoria do Conde de Romanones, «Joder, qué tropa!».

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.