O balance secuestrado do goberno de Feijóo

Asistimos a unha campaña de propaganda continuada, que fala dos éxitos do goberno de Feijóo, austeridade, boa xestión, etc. Este é un breve balance destes últimos sete anos da Xunta do PP que, normalmente, é silenciado ou secuestrado e que recollo máis amplamente no meu último libro O perverso goberno de Feijóo. Sete anos en negro.

Entre as amizades perigosas de Feijóo podemos sinalar a Marcial Dorado, contrabandista, narcotraficante e condenado por numerosos delitos, e a Pachi Lucas –cobraba mensualmente 3.000 euros de Gerardo Crespo, imputado na Operación Zeta– que traballaba para Crespo en Madrid como “conseguidor” de contratos coas administracións controladas polo PP. Tiñan unha estreita relación con Feijóo, pero este non sabía nada.

Desmantelouse o sistema financeiro galego, acabando cunhas caixas galegas que empregaban a máis de 10.000 persoas, con 1.346 oficinas en 12 países, un activo de 77.480 millóns de euros, que era a 5ª caixa do Estado. Feijóo regalou en 2013 Novagalicia Banco, resultado da fusión das caixas galegas, a Banesco, banco venezolano, que opera como Abanca, por 1.003 millóns de euros a pagar en cómodos prazos e que xa tivo en 2014 un beneficio de 1.157 millóns de euros. Os cinco directivos, máximos responsábeis desta desfeita, marcharon para casa con 68 millóns de euros. Feijóo non escoitou a proposta do BNG para crear a Banca Pública Galega.

Perdemos tamén o Banco Pastor, mercado polo Banco Popular, o Banco Galego e o Banco Etchevarria. O presuposto anual de 146 millóns de euros para obra social que tiñan as caixas galegas antes da fusión, queda reducido por Abanca a 26 millóns (orzamento de Afundación para 2016). O noso aforro tamén emigra e de cada 100 euros depositados nas entidades bancarias en Galiza, 24 euros foron destinados a crédito fóra de Galiza, é dicir, 13.690 millóns de euros anualmente.

Hai un claro abandono dos sectores produtivos. En 2005 perdéronse 3.500 empregos no agro e gandaría. Producimos 2,3 millóns de toneladas de leite, o 36% do Estado, pero miles de gandeiros non cobren gastos, recibindo por litro menos de 0,28 euros, que é o custo de produción.

Galiza ten case o 50% da masa forestal do Estado, produce o 43% da madeira serrada, o 33% dos taboleiros e o 35% da pasta de papel, que xeran 70.000 empregos. Fracasou o actual modelo como demostran os incendios forestais e a ausencia da segunda transformación da madeira.

Temos menos barcos de pesca e perdemos caladoiros. Pasamos de 200 barcos pescando en Gran Sol en 2009, a 103 no ano 2014. Había 175 barcos de máis de 100 toneladas e quedan 88.

Perdemos miles de postos de traballo na construción naval (8.000 na ría de Vigo e 4.000 en Ferrol) e os nosos estaleiros están sen carga de traballo a longo prazo. En 2012, en plena campaña electoral, Feijóo prometera a construción de 21 buques para a mexicana Pemex. Todo quedou reducido a un flotel en Barreras e outro en Navantia e non sabemos nada dos outros 19 buques prometidos. Catro anos despois Feijóo continúa coas promesas nesta campaña electoral.

En 2009, co goberno do PSOE-BNG Galiza era a principal produtora de enerxía eólica do Estado. O goberno de Feijóo arruinou este sector e hoxe ocupamos a cuarta posición entre as comunidades autónomas. A previsión de Feijóo de 6.500 megavatios de produción eólica para 2016, queda reducida a 3.326 megavatios.

Galiza é unha potencia produtora de enerxía eléctrica con 31.287 gigavatios, mais temos que pagar unhas tarifas eléctricas abusivas. Precisamos unha tarifa eléctrica galega que baixe o prezo actual en beneficio dos consumidores particulares e das nosas empresa e non dos intereses do oligopolio empresarial eléctrico. Hai que acabar coa pobreza enerxética de moitas familias que teñen que dedicar máis do 10% dos seus ingresos para pagar as facturas da luz e gas.

Perdemos o control de moitas empresas. Unión-Fenosa era absorbida por Gas Natural. Audasa era controlada por un banco norteamericano. R, que tiña unha participación do 35% de Caixanova, é mercada pola vasca Euskaltel. Investidores chineses mercaron os estaleiros Rodman e a conserveira Albo.

Incumprimento reiterado dos prazos das obras de mellora da nosa infraestrutura ferroviaria. O tramo de alta velocidade Lubián-Ourense non estará acabado até despois de 2018 e Ourense-Vigo para despois de 2022, cando as promesas e pactos do PSOE e PP falaban do “horizonte de 2008-2009”. Abandono do tren convencional e non existe o tren de proximidade, con recorte dos servizos e peche de estacións. Non se presta atención á conservación e seguridade, que provocan catástrofes como as de Angrois e O Porriño.

A autoestrada do Atlántico é un negocio fabuloso. Tivo un custe de 1.428 millóns de euros en 1979 e está amortizada porque recadou xa 2.225 millóns. Grazas ás sucesivas ampliacións da concesión do PSOE e PP, esperan recadar outros 4.200 millóns de euros até o ano 2.048, con pouco investimento na conservación e cunha redución continuada do cadro de persoal. Como contraste, as autoestradas Sevilla-Cádiz e Tarragona-Alacante, construídas tamén en 1979, serán gratuítas a partir de 2019.

A corrupción converteuse nunha forma de goberno. Máis de 30 concellos galegos gobernados polo PP teñen alcaldes, alcaldesa, concelleiros e concelleiras, que están condenados ou imputados por casos de corrupción. José Manuel Baltar, presidente da deputación de Ourense, está imputado por ofrecer traballo a cambio de sexo e foi elixido novamente presidente provincial do PP co apoio de Feijóo.

Está comprobada a existencia da caixa B do PP e do financiamento ilegal do partido desde tempos de Manuel Fraga, que dirixía a trama de corrupción e recibía directamente doazóns. Empresarios, contrabandistas e narcotraficantes ingresaban as súas doazóns nesa caixa B, como recoñecían os tesoureiros do PP. O sumario da Gürtel recolle que dos 12 millóns de euros que o PP tería pagado en negro para organizar actos electorais, 5,9 millóns poderían corresponder a Galiza. Só na campaña das eleccións galegas de 2005, cando Feijóo era vicepresidente da Xunta, o PP recibiu case dous millóns de euros en doazóns de empresas, a maioría construtoras, que tiñan adxudicacións de obras da administración galega. O PP concede contratos en administracións públicas que controla, cobrando comisións que oscilan entre 2-3%. Por todo isto, informes da Garda Civil sinalan que o PP actúa como unha “organización criminal”.

O “austero” Feijóo ten 42 asesores só para o Presidente, cun custo anual de 2,3 millóns de euros. O presuposto inicial do Gaiás  era de 108 millóns de euros e levan gastados 372. O PP di que  “no se puede gastar lo que no se tiene”, pero cunha desastrosas xestión dos cartos de todas e todos, a débeda pública de Galiza que era de 4.859 millóns de euros cando chega Feijóo, aumentou até 10.375 millóns.

Galiza perdeu 18.000 millóns de euros na súa capacidade de gasto, pasando dun orzamento da Xunta de 11.793 millóns de euros en 2009 a 8.873 no ano 2016. Galiza recada cada ano 3.000 millóns de euros máis do que despois inviste o Estado na nosa nación. Perdemos 8.464 millóns de euros dende a entrada en vigor en 2009 do sistema de financiamento autonómico.

A política medioambiental é un desastre. A concesión a Ence na ría de Pontevedra acababa en 2018 e foi prorrogada até 2073. Fracaso de Sogama, cun “taxazo”, que incrementou o prezo de recollida do lixo. Reciclamos só o 8,8% do lixo, cando é do 22,7% na UE. A incineración é do 42,3% do lixo recollido (19,2% na UE).

O chamado decreto de plurilingüismo non pretende outra cousa que unha redución do galego no ensino e foi criticado pola Real Academia Galega e o Consello de Europa. Recorte continuado das axudas para a promoción do galego, que pasaba de 21,5 millóns de euros en 2009 coa Xunta do PSOE-BNG a 6,7 millóns nos orzamentos da Xunta para 2015. A partida para os equipos de normalización nos centros de ensino reduciuse de 800.000 euros a 300.000.

Segundo a EPA, único índice recoñecido pola UE, no primeiro trimestre de 2009 había 162.700 parados en Galiza (taxa de desemprego do 12,22%) e acabamos 2015 con 222.700 parados (taxa do 17,74%). Feijóo presenta estes datos como un éxito da súa política económica. Temos unha mocidade sen futuro; dos 332.300 mozos e mozas entre 16 e 29 anos, só 116.100 (34,9%) están ocupados. No último sexenio destruíronse o 40% dos empregos xuvenís. 465.852 persoas (16,84% da poboación) viven no limiar da pobreza (gañan anualmente menos de 7.000 euros ou son unidades familiares que ingresan menos de 14.700 euros).

Asistimos a un auténtico retroceso no estado de benestar. Co goberno de Feijóo perdemos 2.000 ensinantes e temos 328 millóns de euros menos nos orzamentos de Educación. Empeoraron as condicións para disfrutar do transporte, comedor escolar ou acceso gratuíto aos libros de texto. As universidades galegas sufriron un recorte de 86 millóns de euros entre 2010 e 2015 e perderon 5.053 estudantes.

A saúde converteuse nun negocio. O orzamento de Sanidade baixou 275 millóns de euros coa perda de 3.000 postos de traballo. Privatización da sanidade pública. 144.000 persoas deixaron de tomar un medicamento, recitado polo seu médico, porque non podían pagalo. Os recortes matan e seis doentes de hepatite C morreron por razóns orzamentarias. As mulleres con aborto de máis de 14 semanas non teñen a mesma atención que nun parto normal.

En 2009 tiñamos 1.008.700 persoas cotizando á Seguridade Social, que baixan a 937.000 co goberno de Feijóo. A pensión media mensual en Galiza é de 753 euros, a segunda máis baixa de todo o Estado.

Galiza perdeu case 80.000 habitantes desde que goberna Feijóo, pasando de 2.797.653 no ano 2009 a 2.717.749 en 2016. Avellentamento da poboación con 661.252 persoas (24,3%) maiores de 65 anos e só 345.688 (12,7%) menores de 16 anos.

A finais de 2015 había 64.495 persoas dependentes e 23.672 con dereito a prestación que non recibían ningún tipo de axuda.

Aumentan as desigualdades, os ricos cada vez son máis ricos e aumenta o número de pobres. Oito persoas galegas están entre as cen maiores fortunas do Estado. As SICAV seguen dando un extraordinario beneficio e pagan menos impostos.

Estamos cada día máis lonxe da converxencia  co resto do Estado e con Europa. Se en 2009 a renda per cápita en Galiza representaba o 92,7% da do Estado, hoxe é o 87,6% e estamos 20 puntos por debaixo (80%) da renda per cápita europea, cando Feijóo anunciara que en 2014 Galiza tería o 95% da UE.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.