O balneario

A Manuel de Lorenzo e Carlos Rego, músicos.

Cando escoito a palabra BALNEARIO lembro sempre o título dunha novela dunha nena que contemplaba o mundo dende os montes de Ervedelo, pero cando escoito xuntas as palabras BALNEARIO e OURENSE xurde en min de xeito espontáneo no meu cerebro dúas ideas ou mellor dito penetran na miña cortiza cerebral dúas ideas. A outros lle xorden brillantes sonetos, libretos de Zarzuelas ou cancións tan fermosas como Non Penso Volver a Ver Televisión, Quien Es El Siguiente En La Cola , Se Non Podo Ir Onde Ti Estás, O Tojo Prende (Coidado cos caldeiros de auga fervendo que tiram dende Monte Pío). Eu non dou para máis, aínda estou a ler os antigos para aprender a ver, pero iso non me preocupa porque é o que chegamos os que como Giulio Pippi aspiramos só a pintar o palacio do Té de Mantua.

A primeira idea consistiría en organizar un certame literario no que as obras que se presenten teñen que incluír a palabra BALNEARIO e OURENSE. O premio consistiría nunha estancia no propio BALNEARIO con dúas cenas na que o premiado probaría os distintos viños que se fan na provincia e a entrega de premios sería mantida por un dos afamados escritores ourensáns. Dende Bieito Iglesias a Ramón Area II, pasando por Diego Ameixeiras ata Chus Pato e sen esquecer, por suposto, a Antón Riveiro Coello e Ramón Caride.

A segunda idea consistiría en que as nosas autoridades encabezadas polo Presidente da Deputación, dado o seu coñecemento da lingua de William Carlos Williams, viaxarían aos Estados Unidos e poñeríanse en contacto cos representantes de artistas como Wanda Jackson, Neil Diamond, Paul Anka, Isaac Hayes, Johnny Taylor, Gwen Mccrae, Latimore, José Feliciano (quen non lembra a súa incendiaria versión do Light My Fire dos The Doors) e Tony Bennett para que incluirán nas súas xiras de Casinos, Residencias de Anciáns e Balnearios a cidade de OURENSE. A única condición que porían as nosas autoridades é que as actuacións destas grandes estrelas mundiais iría precedida ou ben dunha intervención miña contando chistes e que sería presentada polo escritor Juan Tallón: Dende o Bar, Gustavo Peaguda ou ben pola actuación musical de grupos de Ourense. Dende Cosecha Roja a Burgas Beat, pasando por Bestlife. The party ain´t over.

Porén, despois de meter os pes na Lanzada e de reflexionar sobre estas ideas e discutilas na academia do filósofo Ramón Area I e do poeta Víctor Campio, cheguei a conclusión do absurdo destas ideas e que tiña que seguir a ler os antigos para aprender a ver ou algo mellor, que tiña que cambiar de lentes e logo escoitar Waits de Dead Combo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.